As novísimas da poesía galega, reunidas no volume No seu despregar

Desde Sermos Galiza:
“(…) No seu despregar son 18 autores e autoras que naceron entre 1985 e 1997. No volume, publicado por Apiario, podemos atopar poetas xa recoñecidos e con obra publicada como Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial ou Ismael Ramos, entre outros, aínda que tamén novos valores curtidos en fanzines, blogs ou na propia revista Dorna. E un caído en combate, Fran Cortegoso, finado o pasado outubro.
Elas e eles son, por orde alfabética: Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés.
Como xornalistas que somos buscamos unha traza común, unha etiqueta para os nomear, até que nos demos de fuciños coa realidade en forma de editora, Antía Otero, que negou a maior: “No seu despregar’ nace como unha idea de recompilación, de antoloxía, non con ningunha vontade de etiquetar. O propio título refírese a iso tamén, como unha idea de despregable, de mostra. No texto das editoras falamos precisamente disto. Creo que son autores que comparten un tempo, seguramente un espazo e seguramente uns referentes, unha ollada ou non. O único é que hai é un marco cronolóxico, pero non hai máis”.
E abonda: “Este libro, desde logo, non quere marcar unha xeración. Nace como unha mostra de cales son eses novos impulsos na escrita, pero sen vontade de xerar ningún nome nin etiqueta. É máis, nace con outra vontade, de que sexa o lector/a quen descubra os vasos comunicantes entre eles, que os hai”. (…)
Preguntada polas diferenzas desta xeración coa anterior, Otero considera que “para min a xente que escribe agora está moito menos encorsetada, moito menos acomplexada, que cren moitísimo máis no que fan, e cunha altísima calidade. Pero sobre todo esa idea de que non teñen corsé nin o queren. Creo que as voces deben ser individuais, compartes un tempo físico e non significa que sexas igual que o teu compañeiro. Non quere dicir nada que nazas parello a alguén. Por iso nos gustou a idea de despregar. Interesanos moito a idea non xerárquica, a idea transversal do despregable, coma quen desprega un mantel nunha mesa e séntanse todos a comer. E non hai postos de mellores nin peores e xenéranse sinerxias entre eles. Esa é a vontade deste libro. Non é a de buscar unha etiqueta en ningún caso”.”

Publicado o manuscrito de De catro a catro, de Manuel Antonio

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago publican o Manuscrito de De catro a catro de Manuel Antonio en edición do catedrático Anxo Tarrío. Pode accederse á información aquí.”

Entrevista ao escritor Ramón Blanco

Entrevista a Ramón Blanco na Palavra Comum (foto de Nieves Blanco):
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia?
– Ramón Blanco (RB): Hoxe é unha atadura invisíbel coa última adolescencia, cando a poesía era o centro de luz arredor do cal o meu eu daquela xiraba, batendo torpemente contra o cristal, como as avelaíñas do prólogo de Rafael Dieste.
Xa non leo tanta poesía, pero sigo pensando que, se é boa, ten unhas causas e uns efectos similares aos da filosofía.
Como autor, sérveme para canalizar as miñas obsesións a través da arte literaria. Sen deixar de sentirme impostor, é o xénero no que me movo con maior soltura.
– P: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?
– RB: Escribo poesía regularmente desde os dezaseis anos, co cal levo vinte anos xuntando letras sen ter por finalidade nin o espazo escolar nin o laboral. En tanto tempo salvo moi pouco do que saíu da miña mente; cústame atoparlle valor literario. Son de ritmo lento e cada vez son máis os períodos totalmente improdutivos ou nos que só escribo algunha colaboración de encarga. Penso moito o que quero contar, a redacción non me leva tanto. O ritmo dámo unha lectura interna en voz alta, unha e outra vez. Pero cando releo o escrito, ao día seguinte, xa perdeu todo valor. Deixo que descanse uns días, unhas semanas, uns meses… Volvo lelo e, se aguanta, comezo a transcribilo na computadora. Aí dáse unha nova reelaboración. Varias correccións e reescrituras. Nunca deixo de corrixir, o cal vai en contra da publicación.
Os temas que máis trato talvez sexan a morte, a escritura, a noite, a loucura e outras realidades que eu asocio entre si, que me parece que teñen moito en común. Porque penso que escribir é un pouco como morrer, como estar ás escuras ou estar tolo.
En canto aos hábitos de escrita, válenme calquera hora e calquera lugar. Gústame esborranchar cadernos e servilletas nos bares, que moitas veces sobreviven até o poema publicado. No entanto, o sitio onde mellor traballo é no estudio da casa. Cando teño gana de escribir en serio érgome moi cedo, ás cinco ou seis da mañá e poño a mente a furrular. Teño o cerebro máis afectado pola cafeína ca pola poesía. (…)”

Compostela: presentación de No seu despregar

O sábado 17 de decembro, ás 12:00 horas, en Hervorefervor Bar (Praciña das Penas, 2), en Santiago de Compostela, preséntase a antoloxía No seu despregar, editada por Apiario. No acto intervirán as coordinadoras do proxecto, Dores Tembrás e Antía Otero (Apiario), e escoitaranse textos de vari*s autor*s presentes na antoloxía da man de: Antón Blanco, Afra Torrado, Rosalía Fernández Rial, Ismael Ramos, Celia Parra, María Vilas, Tamara Andrés, Paula Antía Rey, Helena Salgueiro, Jesús Castro, Noelia Gómez e Alba Cid. A sesión vermú estará acompañada pola selección musical de Madreselva djs.

Entrevista con Anxo Angueira

Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Anxo Angueira en A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EXI): A comarca de Iria (co monte Meda e cos ríos Ulla e Sar) é protagonista indiscutíbel, ademais, das túas novelas Pensa nao (1999, Premio Xerais) e Iria (2012). Ambas teñen un recendo histórico e épico moi forte, que se combina con moito lirismo no manexo da linguaxe. Vense, ao meu ver, dúas novelas moito máis maduras, ambiciosas e poderosas (quizais por seren menos “sentimentais”) que Bágoas de facer illas (1997, Premio Café Dublín) e A morte de A. (2003). Compartes esta opinión? De cal delas estás a día de hoxe máis satisfeito?
– Anxo Angueira (AA): Si, estou de acordo. Pensa nao e Iria son novelas con anos de documentación e reflexión. Pensa nao foi escrita contra a destrución da miña aldea, do seu pasado, da súa historia. Tratábase de describir unha aldea distinta ás convencións literarias e políticas herdada desde había décadas e que situaban os labregos de costas ós avances técnicos e ó asociacionismo político. Foi apaixonante. A intrahistoria da súa escritura ten implicacións persoais moi fondas, como as cartas familiares da emigración desde fins do XIX, os testemuños orais… e a propia memoria dos traballos e dos días. Era tamén unha homenaxe a Manselle, considerada durante moitos anos a aldea rusa da parroquia, e á II República, ós “americanos” que viron esgazadas as súas vidas no 36: fuxiran á emigración en 1900, regresaron nos anos vinte con cartos e proxectos de modernización e rexeneración e o fascismo botounos de novo a América. En Iria tamén me impliquei moi a fondo. Mentres a escribía entendín ata que punto a paisaxe do Ulla final, enchendo e devalando coas mareas da Arousa e cruzado por dornas e galeóns nas memorias desde a miña aldea, puido condicionar toda a miña escrita literaria. Iria permitiume cumprir un soño: navegar a vela e facer que as dornas e os galeóns volvesen ó meu particular río da vida. Estou moi satisfeito coas dúas. Ademais, elas esíxenme unha terceira con insistencia. Outra novela que peche o meu particular ciclo histórico. A ver se podo estar á altura. (…) Sigue lendo →