O
xoves 29 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de Santo Domingo, 4), preséntase Terra fría, de Miguel Mato, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto ao autor, participan Eloi Caldeiro e Xavier Rodríguez Barrio.
Arquivo da categoría: Poesía
Luís Valle: “A única verdade da voz poética é o aquí e o agora”
Entrevista
de Montse Dopico a Luís Valle en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai continuidade entre todos os poemarios. En cuestións como a oposición amor e afectos / morte e dor, en favor dos primeiros, pero sen obviar a realidade dos segundos e quizais a complementariedade entre todos. (“Na morte hai luz / e no silencio / tamén hai luz”, di A caída). En que sentido pode dicirse, entón, que é todo como unha unidade, nese aspecto temático?
– Luís Valle (LV): Si, hai un fío condutor que ganduxa todos os poemarios porque todos eles beben das mesmas fontes; aínda que as motivacións para a súa escrita sexan ben diferentes. Penso que amamos como amamos precisamente porque morremos. Toda a nosa luminosa existencia ten un reflexo crepuscular que lle confire seriedade a este xogo no que andamos metidos.
– P: A túa é unha poesía de imaxes. Mesmo cando é máis narrativa. De símbolos. Que parten, moitas veces, das sensacións. Por que?
– LV: A miña obra poética pode ser descrita como unha poesía de imaxes e de símbolos. Pero creo que a clave está no emprego desas imaxes e símbolos. Falando, por exemplo, dos símbolos, o antropólogo Gilbert Durand explicaba que estes teñen algo máis que un sentido artificialmente dado porque aprehenden un esencial e espontáneo poder de resonancia… Ese poder é innegable. Os símbolos son, polo tanto, útiles para, como dicía Pound, cargar a linguaxe de significado até o seu grao máximo. (…)
– P: Dixeches noutra entrevista que te influíran os poetas románticos. Por que te identificas con ese tempo?
– LV: En realidade, non me identifico exactamente co seu tempo, pero si admiro as súas realizacións. Sinxelamente, moitos son grandes artistas. En calquera caso, non falaría só dos poetas. A poesía de Keats impresióname tanto como a música de Mahler ou os lenzos de Turner, por exemplo. (…)”
Galería de fotos do Paseo pola Coruña Literaria do 17 de outubro, con Dores Tembrás
Deixamos aquí parte das fotos do Paseo pola Coruña Literaria, da man de Dores Tembrás, que tivo lugar o pasado 17 de outubro. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí.
Entrevista a Gonzalo Hermo no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Aquí temos unha tradición poética propia que é de ruptura desde Rosalía”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Compostela: Begoñísima, homenaxe a Begoña Caamaño
A Coruña: recital de Vicente Araguas e Sholeh Wolpé no Ciclo Poetas Di(n)versos, o luns 26 de outubro
O
luns
26 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Vicente Araguas e a poeta iraniana Sholeh Wolpé. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos outubro 2015.
Programa de Con barqueira e remador. IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética
Con barqueira e remador. IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética
A AELG colabora, canda o Concello de Pontevedra, no acto do mércores, 21 de outubro, ás 21:20 horas, na Casa da Luz (Praza da Verdura, Pontevedra). Mostra tanto do traballo poético das persoas participantes no obradoiro como do labor de tradución ao galego desenvolvido durante o proxecto.
Gonzalo Hermo: “En Celebración asumo a tradición poética galega, hai moita influencia de Cunqueiro
Entrevista
a Gonzalo Hermo na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): De que parte da tradición escrita galega considera que bebe máis?
– Gonzalo Hermo (GH): Aínda que non se comentou moito nas críticas que se fixeron do libro, hai moita influencia de Cunqueiro. Escribino despois de ler a Cunqueiro con detemento, moi profundamente. [A crítica] Chus Nogueira si comentou que é un libro bastante cunqueiriano, e tamén eu vexo ese peso forte, esa tradición da poesía que representa Cunqueiro, que é vangardista pero ao mesmo tempo ten tamén unha atención ás formas clásicas. (…)
– RAG: O premio que vén de recibir concédese a autores menores de 31 anos. Cando empezou a escribir Celebración? É froito de distintos momentos vitais ou escribiuno dunha sentada?
– GH: Hai certas obsesións que teñen que ver co cambio, coa mudanza, coa idea de avanzar, coa memoria e o esquecemento que estiveron na miña cabeza durante case un ano. Pero cando sentei a escribir o proceso foi bastante rápido. (…)
– RAG: Alén do que significa para a súa carreira, o premio que vén de recibir é tamén unha boa nova para as letras nunha lingua minorizada. Como o valora neste sentido?
– GH: Encantaríame que fose unha canle para que se descubra o que fai a xente nova, e a xente en xeral, porque moitas veces fóra de Galicia non se coñece a poesía en galego. Autores que ao mellor para nós son canónicos fóra de Galicia non teñen ningún tipo de repercusión, porque non son traducidos, empezando por aí. Gustaríame tamén que dentro do Estado se aprendese a poesía que se fai nas linguas que non son o castelán, en galego, catalán e vasco. Falo por min propio, que tamén teño certo descoñecemento do que se fai nesas realidades; na catalá menos, pero tamén. Sería fantástico que isto servise para abrir ese cancelo que parece pechado. (…)”
Chus Pato leva coa súa voz poética o galego á Poetry Room de Harvard
Desde
a Real Academia Galega:
“A voz poética de Chus Pato soa xa xunto á de T. S. Eliot, Seamus Heaney, Borges, Elizabeth Bishop ou Kerouac. A da creadora ourensá vén de sumarse á listaxe de gravacións de grandes figuras das letras universais convidadas á Woodberry Poetry Room, o que a converte na primeira poeta da nosa terra que leva a lingua galega a este emblemático espazo. Pato recitou xunto a Erin Moure, con quen asina Secession-Insecession. Nesta obra, a tradutora canadense de orixe galega non se limita a verter ao inglés os poemas da primeira e engade versos de seu como eco e homenaxe aos de Pato.
O poemario Secesión saíu á luz en Galicia no ano 2009 con Galaxia, pero desde 2014 ten unha nova, ou dobre vida, Secession-Insecession, obra publicada pola editorial canadiana BookThug. “Ademais de traducir Secesión, Erin Moure escribiu por cada un dos meus poemas outro texto, o que ela chama ecolación. Isto interpretouse como unha proposta de tradución moi innovadora e o libro forma parte dos libros de lectura deste curso do Seminario de Tradución de Harvard”, explica Chus Pato. E esa foi a razón pola que as dúas foron convidadas a finais de setembro a recitaren xuntas Secession-Insecession na Woodberry Poetry Room, nun acto que se pode ver nesta ligazón.
O recital repetiuse no campus de Amherst, da Universidade de Massachusetts, onde acollida foi “inmellorable”, asegura. As dúas autoras foron tamén entrevistadas no blog da Poetry Room, onde Chus Pato salienta que para ela escribir en galego é “unha cuestión de xustiza e, xa que logo, de liberdade”.
Neste especial proceso de ecolación o texto que fala dos domingos de choiva nas Galerías Centrales do Ourense da infancia de Pato reflíctese desde a outra beira do Atlántico noutro no que Moure, da mesma xeración, recorda os grandes almacéns de Calgary aos que ía coa súa nai. E onde Secesión fala dos mártires de Carral, Insecession escribe sobre as revoltas indíxenas, conta como exemplo Pato, que confesa que recibiu con asombro a invitación de Harvard. “Pero unha vez alí vívelo con normalidade, porque chegas e es unha poeta máis que vai ler a súa obra”, engade a autora.
A lectura conxunta incluíu ademais algúns poemas tanto do último libro de Erin Moure como do de Pato, Carne de leviatán (Galaxia, 2013), que se publicará en inglés nos Estados Unidos a vindeira primavera. Será o seu quinto libro vertido ao inglés pola tradutora canadense, autora dun importante traballo a prol da visibilización da cultura galega no contorno anglófono.”
Gonzalo Hermo: “Inscribirme na tradición poética galega xogou ao meu favor”
Desde
Praza:
““Estou aínda en shock”. Iso confesaba o escritor Gonzalo Hermo moi poucas horas despois de saber que viña de ser recoñecido co Premio Nacional de Literatura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte español, na modalidade de Poesía Joven Miguel Hernández, co seu poemario Celebración, escrito en galego como o resto da súa obra. “Estou moi contento”, dicía.
O xurado valorou de Celebración “a aposta por abrir novos camiños para a expresión poética apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora, neste libro, que trata sobre a memoria e o esquecemento, sobre a necesidade de construír sobre las ruínas, de romper o círculo e avanzar malia todo”. O propio autor cre que os membros do xurado “viron unha linguaxe innovadora porque a miña obra inscríbese nunha tradición poética, que é a galega, e que non é coñecida fóra. Eu aquí non son un autor excéntrico, nese sentido. E creo que iso xogou ao meu favor”. Engade, ademais, que “o premio é un recoñemento á poesía nova que se fai en Galicia, e en xeral a toda a poesía galega”. (…)
O xurado, presidido Mónica Fernández, subdirectora general de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, estivo composto polos autores galardoados en 2015 e 2013, Carlos Loreiro e Unai Velasco; Juan Gil Fernández, designado pola Real Academia Española; Xosé Luís Regueira Fernández, pola Real Academia Galega; Amaia Jaureguizar, pola Real Academia da Lingua Vasca; Susanna Rafart, polo Instituto de Estudios Cataláns; Xandru Fernández, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); Guadalupe Grande, pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Julia Barella, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Juan Carlos Fernández Aganzo, pola Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); Dídac Llorens Cubedo, polo Centro de Estudios de Género da UNED e Ignacio Elguero, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.”






