Fallado o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde Que pasa na Costa e Portal Galego da Língua:
“Este pasado sábado, a Casa da Vasca de Barizo acollía a Cea das Letras, organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que serviu para facer público o fallo do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
Antes, o acto tivo dous puntos de interese. José Estévez acudiu como autor invitado e puido presentar o seu libro Flirteando no Feisbu. Ademais, e como cada ano, o acto serviu para presentar a obra gañadora do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A obra escollida o ano pasado, e premiada coa súa edición, é Chamádeme Eva, da escritora Mercedes Leobalde García.
Despois da súa intervención o xurado, composto pola propia Mercedes Leobalde García, o animador sociocultural do concello Antón Lois Noceda Carballo, e o Presidente da A. C. Caldeirón, Francisco Quiroga López, deron conta do fallo.
Logo de ver as 15 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a que leva por título Dominio Público que resultou ser do escritor Ramón Neto.
A obra, que alterna poemas en verso con prosas poéticas, presenta ademais un léxico rico e variado que se atreve ata coa astronomía e os corpos celestes, un calidoscopio de puntos de vista no eu lírico e frecuentes xogos cómplices co lector nos que se funden e confunden literatura e “realidade”. Todo o dito fai de Dominio público un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria.
Tamén o xurado propuxo igualmente unha mención para o poemario presentado co título Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, da escritora Verónica Martínez Delgado.”

Santiago: espectáculo de poesía e humor Super-Market

O xoves 14 de novembro, ás 21:30 horas, na Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, nº 44) de Santiago de Compostela. Super-Market pode definirse como Stand Up Poetry: xa que se achega moito ao espectador dende o humor, pero dun xeito poético. Nace da necesidade de mesturar as diferentes disciplinas artísticas polas que transita Esther F. Carrodeguas: a escrita poética, o recitado, a interpretación, o clown ou a investigación xornalística (en referencia á alimentación nos supermercados, neste caso).

Parlamento das Letras: María do Cebreiro

Entrevista de Armando Requeixo a María do Cebreiro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– María do Cebreiro (MdC): Eu penso que habería que superar a concepción “deficitaria” da literatura galega. Ningunha literatura pode telo todo! Así que eu diría que o que lle sobra á literatura galega é esa conciencia carencial que ten, para min bastante inxustificada. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MdC: Na poesía, o ámbito que mellor coñezo, paréceme magnífico. Hai autores novos (Samuel Solleiro), moi novos (Gonzalo Hermo) ou novísimos (Ismael Ramos) polos que sinto un grande respecto. Penso que, cando a literatura que está a facerse xusto agora dá razóns fundamentadas para a esperanza, non pode pedirse moito máis. (…)”

A lírica desde o escenario

Desde Cultura Galega:
“Elementos teatrais, música, vídeo. Xa non se trata de que os poetas incorporen as novas tecnoloxías para apoiar o texto. Nos últimos tempos están a se desenvolver en Galicia diferentes iniciativas que traballan a poesía como unha posta en escena na que diferentes disciplinas se integran nun espectáculo complexo. Propostas como (Retro)visor e DandyLady están a incorporar á axenda cultural do país este xeito de entender a lírica coas súas xiras. (…)
Para Antía Otero “fóra de aquí hai xa tempo que se traballa noutros formatos, é lago que se ve nos festivais de poesía. Pero penso que en Galicia non estamos nada lonxe”. Segundo asegura, “somos bastante xente que traballamos para que a poesía non sexa entendida unicamente como o papel, que non debe desaparecer, pero está por explorar as posibilidades de hibridar a poesía coas artes escénicas, a danza ou o audiovisual para un público cada vez máis ávido de cousas novas”. Coincide con ela Pinheiro, quen apunta que “aos poucos está a se asentar a poesía escénica e os videopoemas. Hai aínda pouca cousa, pero tanto a nivel galego como ibérico e europeo está a ser unha nova onda de xente que busca xeitos de contar a poesía desde unha perspectiva moi cotián”.
A estas súmanse aínda propostas que integran elementos escénicos ou musicais como Poetas da Hostia, dentro que aparenta ser un rexurdir da poesía ao vivo. Deste xeito, Branca Novoneyra sinala que “hai poetas actrices, bailarinas e cantantes, tamén hai actrices e moitos músicos amantes da poesía. Parece que a poesía expandiuse fóra do papel. Nun intre onde a edición do xénero en Galicia é marxinal, os poetas publican pouco pero len e actúan en público. A poesía oral volve, as lecturas e as escenas poéticas libéranse dos espazos institucionais”. Segundo Otero “a poesía nunca estivo agochada. Si é certo que agora ao mellor aparece un grupo de xente que toma o recital doutro xeito, ven que hai aí unha opción marabillosa de comunicar co público e entón si pode haber certo movemento, aínda que penso que nunca o deixou de haber”.”

VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, a celebrar en Lugo o 9 de novembro

A VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, que terá lugar o sábado 9 de novembro, é convocada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo.

Aberto o prazo de inscrición (até o 6 de novembro):
– O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG.
– Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.

Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 9 de novembro de 2013.
Horario: Mañá de 09:45 a 14:00 h. e tarde de 16:30 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8).
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula: Gratuíta.

Desde o punto de vista xeográfico, Galicia é un Cabo do Mundo, un finisterrae, o derradeiro paso antes do Máis Alá, do Mundo dos Mortos pero tamén é, por razón desa mesma posición xeográfica, porto de partida para a procura dun Paraíso posible.
Desde a foz do Eo ata a desembocadura do Miño, Galicia é beiramar, lindeiro dun océano inmenso, poderoso, ateigado de peixes pero tamén, ao dicir dalgúns, de monstros e de perigos, de misteriosas criaturas que ao tempo que nos atemorizan tamén nos fascinan.
Neste noso océano quere a lenda pseudopopular que interviñese nos días da creación o deus cristián, e que ao pousar as súas mans xigantescas sobre o limo fundacional debuxase as rías. E logo, cando espeliu a lama apegada nos dedos, formou baluguiñas de lama que se transformaron nas illas todas do mar galego; as reais como Cíes, Sálvora, Ons, Coelleira …, e as outras illas, estas imaxinarias, entre as que está unha inmensa chamada Atlántida, invisible baixo as ondas.
O noso mar é a morada de sereas, de homes mariños, de cidades e barcos misteriosos, pero tamén é un camiño de ida de volta polo que transitaron e aínda transitan homes e mulleres de carne e óso. Emigrantes, mariñeiros, aventureiros, heroes engaiolados por ese horizonte que se esvaece canda o solpor.
Moitos e moitas dos que se foron volveron e trouxeron a cabeza ateigada de historias, moitas tan incribles que asolagan os nosos oídos de emoción. Os que, por desgraza, nunca regresaron por mor de naufraxios ou apreixados por quen sabe que incertos monstros, deixaron para sempre na memoria colectiva dos galegos e galegas unha ferida salferida, a partes iguais, de salitre e saudade.
Os galegos e galegas somos, a pesar de todo, mar. Amamos o mar e sabemos a mar.
Nesta VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, imos navegar pola memoria e polas historias do mar, baixo o reclamo do título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, e co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os investigadores e especialistas que convocamos van debullar diferentes aspectos históricos, literarios e culturais derivados da longa relación dos galegos e galegas co mar.

PROGRAMA

09:45 h. Entrega material e recepción.
De 10:00 a 11:30 h. Conferencia: Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, por Xosé Lois Vilar Pedreira.
De 11:30 a 13:00 h. Conferencia: Naufraxios literarios e reais, por Hixinio X. Puentes Novo.
De 13:00 a 14:00 h. Mesa redonda: A memoria naufragada. Con Xosé Lois Vilar Pedreira e Hixinio X. Puentes Novo. Modera: Antonio Reigosa.
De 16:30 a 17:30 h. Conferencia: O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galiza, por Xurxo Souto.
De 17:30 a 19:00 h. Conferencia: Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, por Rosa García-Orellán.
De 19:00 a 20:00 h. Mesa redonda: Andar o mar. As pegadas do salitre, con Xurxo Souto e Rosa García-Orellán. Modera: Isidro Novo.
De 20:00 a 20:30 h. Recital poético. Transfusión oceánica, con Xosé Iglesias.

Xosé Lois Vilar Pedreira, activista cultural, arqueólogo, historiador, e experto en talasónimos falaranos de Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.
Hixinio X. Puentes Novo, mestre, investigador e escritor falará de Naufraxios literarios e reais, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.
Xurxo Souto, músico e, entre outras moitas cousas, escritor, levaranos baixo o título O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia pola querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.
A antropóloga, investigadora e profesora da Universidade de Navarra, Rosa García-Orellán, de ascendencia galega, guiaranos polos Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, un percorrido onde se sinalará a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.
Dúas mesas redondas baixo o título A memoria naufragada e Andar o mar. As pegadas do salitre, coordinadas respectivamente por Antonio Reigosa e Isidro Novo, e nas que intervirán os relatores mencionados, darán oportunidade aos asistentes de intervir e participar nesta xornada, de cuxos resultados se dará conta oportunamente cando se publiquen as actas correspondentes.
O colofón a esta xornada vaino poñer o recital poético multimedia Transfusión oceánica a cargo de Xosé Iglesias, un rapaz que é patrón de pesca de altura, natural de Cee, e que tamén exerce de poeta e escribe, como un novo Manuel Antonio, literatura contemporánea do mar, feita pola xente do mar.