Non Somos Nós: “Non hai moita diferenza entre ilustrar un poema cun bolígrafo ou cunha guitarra”

Entrevista de Ramón Blanco en Sermos Galiza:
“Hai un par de semanas botou a andar a Xira Xuntos e Revoltos, do dúo poético-musical Non Somos Nós, formado polo poeta Manuel L. Rodrigues e o músico Manuel Mariño Reino (entre eles chámanse Manuel e Manolo). O primeiro é membro do Colectivo Literario Sacou e responsábel de Acha Escrava Editora; recita versos do seu libro Antítese nativa. O segundo, antigo baixista da banda noiesa 7 LVVAS (unha das pioneiras do rock galego), pon guitarra, harmónica e voz. O resultado desta simbiose, hora e media de actuación, poderá comprobarse en diversos lugares do territorio galego (pode consultarse o calendario no seu blog). Falamos con eles poucas horas antes da segunda posta en escena, que tivo lugar en Noia, na antiga igrexa de Santa María a Nova. (…)
– Sermos Galiza: Como foron tecendo a combinación de poemas e cancións?
– Manuel Mariño: Digamos que foi Manuel quen se encargou de seleccionar os poemas afíns a cada canción, sen orde ningunha. O xeito de mesturalas coa música procuramos varialo para que non lle sexa monótono ao público (nin a nós, claro).
– Manuel L. Rodrigues: Si, e buscamos que teñan puntos temáticos comúns os poemas e as pezas musicais. (…)”

A Coruña: presentación de kleinigkeiten/cousiñas, de María Reimóndez

O xoves 7 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase o poemario kleinigkeiten/cousiñas, de María Reimóndez, publicado por Fabulatorio. No acto, xunto á autora, participan Cibrán Rico, Suso Vázquez e Yolanda Castaño.

Pontevedra: presentación de Raíz da fenda, de Berta Dávila

O xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29) de Pontevedra, preséntase Raíz da fenda, poemario de Berta Dávila, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, que fará un agasallo a cada un dos asistentes, participa Luca de las Heras.

Vigo: presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure

A quinta feira 7 de novembro, ás 20:30 horas, no Centro Social Lume de Vigo (Rúa Reiseñor, 16), preséntase Eu violei o lobo feroz, poemario de Teresa Moure, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Rafa Vilar.

Ramón Nicolás: Berta Dávila e as fracturas da poesía

Entrevista de Ramón Nicolás a Berta Dávila en Qué leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Desde os seus comezos como creadora alterna prosa e poesía. Que a leva a un ou outro xénero?
– Berta Dávila (BD): No meu caso, os proxectos de poesía adoitan ser máis continuados no tempo, detéñense e retómanse, pero permanecen como pano de fondo. Supoñen case sempre un enfrontamento coas palabras, un acto de abrir fendas ou fracturas. Creo que, cando escribo narrativa, o intento responde máis á idea de pechar ou conectar esas fracturas entre si, de construír os bordos do oco, en vez de sinalalo como fai o poema. Iso creo, pero non o teño moi claro, porque ás veces sucede o contrario.
– RN: O proceso de creación e maduración de textos poético en vostede, polo que coñezo, é moi meditado. Tamén na narrativa?
– BD: Para min son procesos de escritura moi diferentes. Cada vez corrixo máis o que escribo e síntome máis insegura. Cando escribía Raíz da fenda fun colgando os poemas no corredor da miña casa para ordenalos e corrixilos, necesitaba velos todos á vez, se non na miña cabeza, polo menos si na miña parede. Cando traballo en narrativa o fago sempre en ordenador, imprimo as versións e corrixo a man, supoño que é o máis convencional. (…)”

Dez anos sen Xela Arias

Artigo de Marga Do Val en Sermos Galiza:
“Hai dez anos a morte de Xela Arias con só corenta e un anos, moitas ganas de vivir e quizais no mellor da súa vida, nai dun fillo, conmocionaba o mundo cultural galego. Unha delegación de escritores e escritoras atopábase no marco da reunión anual da Federación Galeusca, en concreto no Museo da Paz de Gernika, cando esta mala nova chegou a través dunha chamada telefónica do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo á escritora Yolanda Castaño, a noticia batía coma un mazazo.
Profesora de literatura de ensino medio nos últimos tempos, ligada desde o inicio a Edicións Xerais de Galicia, onde realizara traballos de corrección de estilo, poeta e recoñecida tradutora, nacera en Lugo en 1962, aos sete anos trasládase cos seus pais a Vigo que será xa o seu lugar de residencia. Xela Arias tamén foi un dos rostos que se levantou contra a burla negra do Prestige a súa voz estivo presente en moitos actos de protesta e queda reflectida en publicacións como Alma de Beiramar (2002).
Desde unha perspectiva actual aínda sorprende no panorama literario o poemario publicado en 1986 Denuncia do equilibrio, innovador de forma e transgresor de contido, como abraia en 1990 Tigres coma cabalos, quizais un dos libros máis fermosos como obxecto da poesía galega, quizais un dos espellos-pozos nos que caer ou dos que fuxir para indagarmos sobre a dependencia e a liberdade, o ser ou non ser, unha ousadía.
En 1994 ofrécenos a súa experiencia da maternidade e preséntanos unha nai inédita no seu entrañábel Darío a diario. Todos estes poemarios circulan hoxe de man en man, ás veces en exemplares fotocopiados, hai quen aínda consegue dar con algún en librerías de vello, todos, agardan unha reedición. Unha autora que xa cumpre todos os requisitos para ser homenaxeada co día das Letras Galegas, incluso o das obras esgotadas. (…)”

A Coruña: presentación da exposición Lúa Coruña e posterior recital

O martes 5 de novembro, ás 19:30 horas, na Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarita, s/n) da Coruña, preséntase a exposición de fotografías de José Caruncho Lúa Coruña. Tras a presentación da colección de fotografías, proxectaranse no Planetario algunhas das fotos e o autor comentará como se fixeron e que procuraba con esta serie de imaxes. De seguido, coa axuda do proxector do planetario, explicaranse brevemente os cambios que teñen lugar no noso satélite durante un dos seus ciclos, para acabar cunha escolma de textos literarios relacionados coa Lúa, escollidos e lidos pola escritora Estíbaliz Espinosa. O acto estará aberto ao público, até completar o aforo.

Manuel Álvarez Torneiro: “Temos que ter o valor de darnos un futuro”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Álvarez Torneiro en Praza:
“- Praza (P): Recibiu o premio [Nacional de Poesía] como unha boa noticia para o galego. Dixo que, por fin, esta lingua comezaba a recuperarse. A que se refería?
– Manuel Álvarez Torneiro (MAT): Pois creo que o galego está recuperándose en gran parte grazas á cultura, á poesía…., e iso que a poesía é a cincenta da literatura. Que unha obra en galego gañe o Premio Nacional de Poesía dálle pulo ao galego, fai que se fale da poesía en galego en Almería, en Tenerife… É algo novo porque é a primeira vez, e temos que aproveitar o tirón… (…)
– P: Hai nos seus poemas moitas referencias a escritores, pintores, -vostede tamén pinta-, músicos… E empezou a publicar no tempo do que se chamou “culturalismo”. Que ten que ver Álvarez Torneiro con iso?
– MAT: Pois a verdade é que a min gustaríame ser pintor. E considero que a música é a arte das artes. Pero non se pode ser todo. Por iso cito moitos músicos, pintores… En canto ao que dis, eu creo que o que houbo foi un intento de superar un certo ruralismo, entendido como o discurso da miña aldeíña, todo moi pacato… Tiñamos que saír, buscar por fóra, encontrarnos con outras literaturas. Iso é culturalismo? Eu creo que, simplemente, é xente culta que escribe do que ve, do que le…
– P: Ferrín situouno na Xeración das Festas Minervais. Tamén o situaron, en concreto, coa Escola da Tebra. Vostede idenfícase, polo seu xeito de escribir, máis coa xeración dos 50, malia as diferencias entre os autores deste tempo?
– MAT: Podería dicir que estou cos dos 50… e cos do Século de Ouro español. Sempre é difícil establecer ese tipo de clasificacións. Son da xeración de Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Ferrín…, pero todos somos moi diferentes.
– P: Se cadra Os ángulos da brasa é máis directo, no seu estilo, que outros libros seus. Por que?
– MAT: Ten que haber unha crítica porque o que ves todos os días é que a xente está mal. Ves que a xente está descontenta, que sufre, que non atopa saídas… Os escritores non vivimos nunha torre de cristal. E, aínda que ás veces non apuntemos directamente á diana, temos que dicir as cousas. Aínda que non sexas moi directo, moi brusco, e lle deas voltas.
– P: Os seus libros están cheos, tamén, de reivindicación da palabra. E preocupación polo léxico e riquezas das imaxes utilizadas é unha das características que a crítica salienta da súa obra. Non será casualidade…
– MAT: É que creo na función da palabra, no sentido da palabra. Non debemos empregar as palabras con lixeireza. O poema non é dicir por dicir. Temos que explicar as cousas ben. A poesía, para min, é un xénero de rango superior. E ten que ver con isto, co traballo coa palabra. Coa procura da maxia, do misterio… (…)”