Pontevedra: Festival PontePoética, actividades do fin de semana do 20 e 21 de abril

O sábado 20 e domingo 21 de abril continuará a nova edición do Festival de Poesía PontePoética, promovido polo Concello de Pontevedra, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa:

Sábado 20
18:30 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital dos poetas: María do Cebreiro, Biel Mesquida e Claudio Pozzani. Presenta: Antón Sobral.
20:00 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética 3: Lino Braxe, Raquel Lanseros, Claudio Rodríguez Fer, Rosa Alice Branco, Biel Mesquida, Marta Dacosta, Roger Wolfe, Kirmen Uribe, María do Cebreiro e Claudio Pozzani. Presenta: Yolanda Castaño.

Domingo 21
11:00 h. Fundación Cuña-Casasbellas. Sala Versus (Rúa de Xerardo Álvarez Limeses, 12).
Obradoiro especializado de Poesía: Kirmen Uribe.

Rosalía é Mundial

Reportaxe en Praza:
Farväl älvar, farväl källor, farväl alla backar små. Deste xeito comeza en sueco o poema Adiós ríos, publicado no Cantares Gallegos de Rosalía. A Fundación Rosalía e a Universidade de Vigo presentaron este xoves o proxecto Rosalía é Mundial, que fai un chamamento á tradución de poemas de Cantares gallegos ás linguas do mundo para celebrar os 150 anos da publicación desta obra.
Neste momento xa se poden atopar na web do proxecto as traducións de Airiños, airiños aires e Adiós ríos, adiós fontes a 15 linguas: Catalán, Checo, Español, Eusquera, Galurés, Grego, Inglés, Italiano, Polaco, Portugués, Romanés, Sueco e Ucraíno. O chamamento está aberto até o 1 de xullo e os organizadores contan con chegar a 50 linguas.
A coordinación das traducións corre a cargo dos profesores Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo, e Malores Villanueva, da Universidade de Barcelona. Na iniciativa están participando de forma desinteresada tradutoras e profesoras de moitas universidades estranxeiras, desde Finlandia até Armenia, xunto cun numeroso grupo de exalumnos dos cursos de galego para estranxeiros da USC e da UVigo.
As traducións dos poemas estarán tamén en PDF para poderen ser baixadas por calquera usuario como se for un cartel. Na semana previa ás Letras quérese “que todo o Casco Vello de Vigo estea decorado con estes carteis-poemas, que a xente poida descolgalos e levalos, que estean en bares e comercios a disposición da xente, que a xente leve os versos de Rosalía no idioma que queira para a casa, para o traballo, etc.”. Sin ela vivir non podo, non podo vivir contenta, ou como se diría en romanés: Fără ea să trăiesc nu pot, nu pot trăi bucuroasă.”

Pontevedra: Festival PontePoética, actividades do venres 19 de abril

O venres 19 de abril comeza unha nova edición do Festival de Poesía PontePoética, promovido polo Concello de Pontevedra, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa:

Pola mañá. Encontro poético con alumnado do IES A Xunqueira I, IES Sánchez Cantón e IES Valle-Inclán.
18:30 h. Teatro Principal de Pontevedra (rúa de Paio Gómez Chariño s/n).
Inauguración de PontePoética 3 e recital dos poetas: Claudio Rodríguez Fer, Marta Dacosta e Roger Wolfe. Presenta: Xaime Toxo.
20:00 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital dos poetas: Raquel Lanseros, Lino Braxe e Rosa Alice Branco. Presenta: Goretti Canario.
22:30 h. Pub Pequeño Karma (rúa de Paio Gómez Chariño, 29, baixo).
Performance poético-musical: A marcha da sombra. Poesía en vivo con voz, corpo e alma, con Claudio Pozzani.

Arteixo: presentación de Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho

A sexta-feira 19 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do Candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase o libro Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho, publicado polos Cadernos Q de Vián. No acto, xunto ao autor, participa Paco Gallego.

Cáceres: conferencia e recital poético de Mario Regueira e Lorena Souto

O xoves 18 de abril, ás 12:00 horas, no Laboratorio 2 da Facultade de Filosofía e Letras de Cáceres, o Centro de Estudos Galegos de Cáceres, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), ofrece unha nova conferencia na Facultade de Filosofía e Letras desta cidade.
Mario Regueira e Lorena Souto presentarán en Cáceres os relatorios Literatura galega, unha literatura política e Resistir hoxe: Novos panoramas na poesía galega actual nos que, ademais de facer un percurso histórico polos diferentes períodos, recitarán versos propios e doutros autores/as da nosa literatura.