Ramón Caride: libros xuvenís para pensar, entrevista de Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Ramón Caride no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Publica para primeiros lectores Catro amigos pillabáns e A pomba dona Paz: subxacen aí os mesmos valores da súa obra?
– Ramón Caride (RC): A pesar de seren libros cun forte compoñente gráfico e dirixidos ás primeiras etapas lectoras, son distintos: A pomba… é un libro feito expresamente para celebrar o Día Escolar da Paz e poñer de relevo cousas como a tolerancia, a ecoloxía e a convivencia nas aulas; mentres que Catro amigos… é máis ben un libro de aventuras protagonizado por animais. No fondo, non obstante, comparten os mesmos valores. (…)
– RN: Exogamia 0.3 tamén foi un título ben acollido por crítica e lectores.
– RC: É un libro de relatos para pensar e debater sobre a explotación infantil, as consecuencias da industria nuclear, os avances biomédicos ou a emigración clandestina. Está construído a partir de informacións xornalísticas e de avances recentes publicados en revistas científicas, buscando un dobre obxectivo: a máxima actualidade e a maior diversidade de técnicas narrativas. A súa excelente recepción demostra que os novos lectores non teñen apriorismos á hora de ler. En contra do que se di ás veces, creo que non debemos rebaixar o nivel de esixencia e precisión nos textos para adolescentes. Continuarei esta serie con Endogamia 0.2, xa redactado.
– RN: Non descoida a lírica: que achega A chuvia humana á súa obra anterior?
– RC: A chuvia humana é, esencialmente, un libro de micropoemas, epigramas ou aforismos, que de todo hai. Como tal, cun nivel de concisión extremo e extensión mínima. Creo que contén fortes doses de humor corrosivo e crítica social, como corresponde á que nos está a caer enriba a todos (e non é chuvia, precisamente). (…)”

Irlanda: presenza e actividades de Manuel Rivas

Manuel Rivas falou da literatura na televisión irlandesa con ocasión da súa participación no festival Cúirt de Galway a finais de abril. No festival Jonathan Dunne conversou con el e con Kirmen Uribe sobre a literatura e a identidade, para despois presentar a edición inglesa d’A desaparición da neve en tradución de Lorna Shaughnessy, edición que saíu con Shearsman Books o mes pasado. En maio de 2013 sairá a tradución, a cargo de Jonathan Dunne, de Todo é silencio co seu editor habitual Harvill Secker. Até o 24 de maio pode ser consultado na rede este vídeo.

Santiago: actividades destacadas dos 5 e 6 de xuño na Feira do Libro

Finaliza a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do sábado 5 e domingo 6 de maio son as seguintes:

* Sábado 5:
– 19:00 h. Presentación de Transmuta, de Xabier Cordal, publicado en Xerais. No acto intervirán, xunto ao autor, Manuel Bragado, Oriana Méndez, Mónica Caamaño e Arturo Casas.
– 20:00 h.. Presentación de Iria, de Anxo Angueira, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor Manuel Bragado e Xosé Luís Méndez Ferrín.

* Domingo 6:
– 12:30 h. Presentación do libro A aldea, de Xavier Frías Conde, publicado por Urco Editora. No acto, o autor estará acompañado por Tucho Calvo.
– 18:00 h. Paula Carballeira e un representante de Kalandraka Editora presentan O principio, novo álbum desta autora e narradora, ilustrado por Sonja Danowski.

Parlamento das Letras: Eva Veiga

Entrevista de Armando Requeixo a Eva Veiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Eva Veiga (EV): Se cadra, sóbralle aínda, ao igual que ao País en xeral, un certo complexo de inferioridade e nalgún sentido unha mentalidade minifundista. Así mesmo, tamén é xeneralizada a nosa escasa profesionalidade en materias de mercadotecnia e distribución. Podes xerar produtos marabillosos que, se non se poñen en valor e se non se fan visibles e desexables, só algúns con sorte chegan lonxe. Apenas existen axentes literarios, quizais tamén porque falla a infraestrutura necesaria. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EV: O noso presente literario goza, ao meu entender, de boa saúde e dunha gran riqueza. Hai xente moi nova, que vén achegando perspectivas diferentes, moi interesantes e cunha escrita de gran calidade. Tamén hai moita obra menor, pero iso sempre é así, o tempo vai decantando. É por iso que semella máis urxente unha boa promoción das obras, de modo que os lectores se sintan atraídos e se habitúen así á súa propia literatura. Por certo, coido fundamental que as e os profesores coñezan e amen a literatura. Sen este labor pedagóxico o ermo irá cada vez a máis. (…)”

Santiago: actividades destacadas do xoves 3 e venres 4 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do xoves 3 e venres 4 de maio son as seguintes:

* Xoves 3:
– 19:00 h. Presentación dos libros Ruído de fondo, de Daniel Salgado e Os fillos do mar, de Pedro Feijóo, publicados por Xerais. Acompañará aos autores Manuel Bragado. Ao remate do acto, os escritores asinarán exemplares dos seus libros.

* Venres 4:
– 19:00 h. Presentación do libro Herdeiros pola forza, de Xurxo Ayán e Manuel Gago, publicado por 2.0 Editora. Xunto cos autores, participa no acto Antón Lado.
– 20:00 h. Presentación do libro Un pozo moi fondo, do doutor José Luís Iglesias Díaz, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Nieves Herrero e Francisco Castro.

Santiago: actividades destacadas do 1 e 2 de maio na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do martes 1 e mércores 2 de maio son as seguintes:

* Martes 1:
– 20:00 h. Mesa redonda: Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Ao final do acto, os autores asinarán exemplares dos seus libros.

* Mércores 2:
– 18:30 h. Presentación do libro Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, publicado por 2.0 Editora. Participan no acto Martiño Noriega e Manuel M. Barreiro.
– 19:00 h. Presentación do libro O silencio, de Mario Regueira, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Arturo Casas e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación de Dark butterfly de Rexina Vega. Intervirán: Armando Requeixo, Rosa Enríquez, Manuel Bragado e a autora

Cristina Ferreiro: “Sempre foi moi difícil publicar, non hai moito cambio pola crise”

Entrevista a Cristina Ferreiro en El Progreso:
“A lucense Cristina Ferreiro, de 28 anos de idade, suma o Fiz Vergara a súa lista de premios gañados nos últimos anos nas modalidades de poesía e de narrativa, aínda que confesa que está máis cómoda no primeiro xénero literario. A moza, quen reside en Granada, asegura que para os escritores novos estos certames son a porta para publicar no difícil mundo editorial.
– El Progreso (EP): Que lle supuxo gañar o certame de poesía Fiz Vergara Vilariño?
– Cristina Ferreiro (CF): Pois foi unha sorpresa moi grande porque é un premio que ten moito prestixio na comunidade galega. É o primeiro premio desta magnitude que gaño e é algo bo para a miña carreira.
– EP: En que se centra o poemario co que gañou o premio sarriao, Abecedario póstumo?
– CF: Ten unha temática bastante actual. Como dixo o xurado do premio, non me quería centrar nunha crítica social, senón actuar como receptora do que acontece na actualidade.”