Festival de poesía “Sopa de alg-as”

Esta fin de semana a asociación de artistas galegos alg-a organiza un festival de poesía. As actividades desenvolveranse no laboratorio que a asociación ten en Valadares (Camiño da Igrexa, 254) e a entrada será libre. A programación ábrese o venres día 19, ás 18:00 horas cun taller de poesía
impartido por María Lado. A inscrición é de balde.

Os actos continúan o sábado 20, a partir das 17:30, coas seguintes intervencións:
17:30 colectivo a porta verde do sétimo andar
18:30 Elvira Riveiro (poeta)
19:00 Silvia Penas (poeta)
19:30 Ledicia Costas (poeta)
20:30 Mr Caracter acústico (rock)
21:30 Leo i Arremecaghona (poeta e músico
22:30 AID (rapeira)
Micro aberto para todos os que desexan participar!

Durante a xornada do sábado tamén participarán as artistas Antía Sánchez e Lucía Romaní cunha intervención de poesía visual, a artista nelaque cunha instalación titulada “escritos no vento” e o artista mig seoane coa videoinstalación “autopoema colectivo”.

Barcelona: presentación do poemario galego-català El rostre de la terra, de Cesáreo Sánchez Iglesias

Este mércores 17 de febreiro, ás 20 h. na Galería Sargadelos de Barcelona ( R/ Provença, 274-276), terá lugar a presentación do poemario bilíngüe galego-català El rostre de la terra, de Cesáreo Sánchez Iglesias (Ed. Periferic Poesia). A tradución do galego é de Xulio Ricardo Trigo; intervirán xunto co autor o tradutor e Pura Salceda.

Vigo: presentación do poemario Incivil

O venres 29 de xaneiro ás 19:30 na Casa do Libro de Vigo (r/ Velázquez Moreno, 27) preséntase o poemario Incivil, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. O acto contará coa participación do autor acompañado por Xesús Alonso Montero, autor do prólogo, e David González Couso, director de publicacións de Toxosoutos. A entrada é libre.

A Coruña: Joan Margarit e Pepe Cáccamo no ciclo Poetas di(n)versos

Poetas dinversos

O martes 19 de xaneiro terá lugar a terceira sesión do ciclo Poetas Di(n)versos, desta volta coa participación do catalán Joan Margarit, Premio Nacional de Poesía 2008, e o galego Xosé María Álvarez Cáccamo. Será ás 20:30 na Casa de Cultura Salvador de Madariaga (Durán Loriga, 10, A Coruña), con entrada libre.

A Coruña: presentación de Once máis 15

Edicións do Cumio presenta este venres 15 no Fórum Metropolitano da Coruña o espectáculo poético-musical Once máis 15, libro-CD froito da unión entre once poetas galegos de todos os tempos e quince grupos da escena musical actual. Versos que van dende Rosalía e Curros ata Antón Lopo e Daniel Salgado convértense en cancións por virtude dun elenco variado de músicos no que conviven a electrónica, o pop, o rock de diversa inspiración e case todos os estilos imaxinables.

O libro recolle as versións orixinais dos poemas, aquelas que serviron como punto de partida para as composicións dos músicos, así como pequenas biografías dos autores. Por parte dos músicos, a edición aporta imaxes das bandas e textos que os presentan.

No concerto no Fórum, dentro do ciclo Espazo Aberto, presentará o proxecto coas actuacións de Elanor, Xurxo Mares e Miguel Alonso. O concerto será o venres 15 de xaneiro ás 20 h e o prezo das entradas será de 3 euros.