Culleredo: homenaxe a Luz Pozo

O vindeiro mércores 14 de outubro na aula de poesía Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vilamelania-Vilaboa ás 20 horas terá lugar unha homenaxe á poetisa Luz Pozo Garza que consistirá na prantación dunha camelia na sua honra e na presentación do seu último libro Deter o día cunha flor, ilustrado con gravados de Xosé Valentín. Luz Pozo recibirá ademais o primeiro galardón anual da Biblioteca “Uxío Novoneyra” aos poetas máis destacados.

Yolanda Castaño representará a poesía galega no festival “Absolute Young Poetry”

O prestixioso Festival de Poesía Absolute Poetry vense celebrando dende 2005 na cidade de Monfalcone baixo a dirección de Lello Voce e reúne a poetas de diferentes procedencias na citada poboación do norte de Italia. O apartado dedicado aos novos autores, o “Absolute [Young] Poetry”, centra a súa atención este ano nos dialectos e linguas minorizadas de Europa e convida a autores chegados dende linguas como o galés, o occitano, o euskera, o galego, o ladino e dialectos italianos coma o lucano, o véneto, o bisiaco ou o milanés. En representación dos poetas novos galegos a convidada será Yolanda Castaño, que o día 9 participará nunha mesa redonda e igualmente ofrecerá un recital poético multimedia no Teatro de Monfalcone. Como vén sendo habitual nunha das citas poéticas máis experimentais e de vangarda do país, as postas en escea dos poetas participantes fusionarán a palabra lírica coa música, a performance, o slam, o audiviosual ou as novas tecnoloxías, explorando novos camiños para a expresión poética.

Entre outros convidados/as do evento, cabe salientar á bangladeshí Taslima Nasreen, ao vietnamita Tran Quang Hai ou á italiana Patrizia Valduga. O completo programa incluirá obradoiros, feira do libro, mesas redondas, laboratorios poéticos ou charlas que versarán sobre traducción, canto harmónico, vinculación de lingua e identidade e mesmo a relación entre poesía e música heavy metal.

Juan Carlos Mestre, Premio Nacional de Poesía

Juan Carlos Mestre (Vilafranca do Bierzo, 1957) foi galardonado co Premio Nacional de Literatura 2008 na modalidade de Poesía pola obra La casa roja. Concede o premio o Ministerio de Cultura para distinguir unha obra de autor español escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada en España durante 2008. Está dotado con 20.000 euros. [Ler nota de prensa completa]

A Coruña: presentación dun libro de Cesáreo Sánchez Iglesias

O venres 02 de outubro ás 20:00h preséntase o libro O Paraíso das Sombras de Cesáreo Sánchez Iglesias na sala “Ámbito Cultural” de “El Corte Inglés” da Coruña (no segundo andar). Participarán na presentación Tucho Calvo, Teresa Seara, Francisco Fernández Naval e o autor.

A Coruña: poesía e música co grupo Ouriol

Continúan os actos conmemorativos da inauguración da nova Biblioteca dos Rosales, na Coruña. Hoxe mércores 30 “SOÑOS E POEMAS DE CIRLOT”, un espectáculo poético-musical do grupo OURIOL (Eva Veiga, Bernardo Martínez e Fito Ares). A partir das 20:00, con entrada libre.

Presentación en Escocia dun poemario galego-inglés de Óliver Escobar

galicianO escritor galego Óliver Escobar presentará o vindeiro luns 7 de outubro en Escocia o seu poemario bilingüe galego-inglés Galician rhapsody, blues escocés, encargado pola Universidade de Stirling (Escocia) e publicado por Morgante (Rinoceronte Editora).

O libro xa está dispoñíbel nas librerías galegas e na rede. A presentación en Galicia terá lugar a comezos de xaneiro.

Culleredo: tertulias de poesía moderadas por Miguel Anxo Fernán-Vello

A concellería de Cultura do Concello de Culleredo a través das súas Bibliotecas Municipais, comeza o curso 2009/2010 de actividades de Animación á Lectura para adultos. A principal novidade este ano será a apertura duna Tertulia de Poesía que ten como obxectivo achegar a un público heteroxeneo pero amante da poesía a lectura compartida de poesía sendo una das primeiras Tertulias Poéticas que se organizan en Galicia e que desenvolverase todos os luns primeiros de mes, comezando o 5 de outubro, en horario de 20,30 h. a 22,00 h. e dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello. Máis información na web do concello.

Lugo: nova entrega da “revista oral” O pazo das musas 19

Mañá xoves 24 de setembro de 2009 ás 20 horas, no Museo Provincial de Lugo celébrase unha nova edición da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, nº 19, cos seguintes contidos: Activismo cultural, a cargo da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde; Exposición virtual: Un bosque nas miñas lembranzas, por Laura Pernás; Poesía, por Xiana Arias Rego; Xoias do Museo: Xoias tradicionais do MPL, por Mª del Rosario Fernández, e Música, a cargo de Celina da Piedade. A entrada é de balde. Máis información na web do museo.