Marcos Calveiro, Agustín Fernández Paz e Luís González Tosar na Feira do libro da Coruña

Na Feira do Libro da Coruña (xardíns de Méndez Núñez), ás 20 horas Edicións Xerais de Galicia presenta Festina Lente, de Marcos Calveiro. No acto intervirán Óscar Sánchez, Manuel Bragado e o autor.
Ás 20:30 horas o escritor Agustín Fernández Paz asina na Coruña exemplares do seu último libro, O único que queda é o amor (Edicións Xerais de Galicia).
Ás 21 horas Luís González Tosar presenta o seu poemario Estúrdiga materia (Editorial Galaxia) acompañado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Luciano Rodríguez e Víctor Freixanes.

Xoán Carballo, poeta ambulante

«Seguindo a liña da “Volta ás Rías Galegas en verso” e de “Elaborando o meu delirio”, presento a nova xira que levará A casa do poeta polos pobos da nosa terra, recuperando as vellas tradicións trobadorescas e levando a cultura ás rúas, as prazas… Convertendo este proxecto nun espectáculo en movemento, que eleve a poesía e outras artes tamén con menos repercusión ao lugar que lle corresponde, amosando un anaco máis da diversidade cultural de Galicia.» (Xoán Carballo)

Celanova: I Encontros de poesía nova

En Celanova (Casa dos poetas, Celanova), entre o 18 e o 19 de xullo do 2008, terán lugar os primeiros ENCONTROS DE POESÍA NOVA, no contexto do centenario de Manuel Curros Enríquez.
Entre os participantes figuran César Antonio Molina, Luis Alberto de Cuenca, José Antonio de Ory, Miguel Anxo Fernán-Vello, Helena de Carlos, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Baldo Ramos, Paulino Vázquez, Cecilia Quílez, Berta Dávila, José Ramón Trujillo, Emilio Ruiz Barrachina, José Manuel Lucía Megías, Justo Bolekia, Javier Pérez Vazo, Basilio Rodrígez Cañada e Xosé Luis Méndez Ferrín. O encontro finalizará co espectáculo poético-musical QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR, sobre a obra poética de M. Curros Enríquez, pola Compañía teatral Casahamlet e con dirección de Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.

I Encontro Cidade da Coruña

Os próximos días 18 e 19 do mes que andamos a Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e Cedro, o I Encontro Cidade da Coruña, unha actividade que nace coa pretensión de estenderse a outras cidades do país.
O venres 18 de xullo celebrarase unha mesa redonda que, baixo o título “Narrativa con memoria histórica”, contará coa presenza de Lidia Jorge, Carme Riera e Manuel Rivas. Será na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12).
O día seguinte, no Teatro Rosalía de Castro, con presentación de Antía Otero, está previsto un recital poético e lectura de textos a cargo de Marica Campo, Yolanda Castaño, Lidia Jorge, Luz Pozo, Carme Riera, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras e Xavier Seoane, alén da actuación musical de “Carmen Rey Grupo”, cun son próximo do rhythm and blues, coa esencia do funk e do jazz.
A entrada é de balde até completar aforo. (Gabinete de Comunicación da AELG – Tfno: 660 530 525 – correo-e: prensa@aelg.org)

Vigo: preséntase Estúrdiga materia, de Luis González Tosar

O mércores 16 de xullo, ás 20:00, terá lugar no Centro Social Caixanova de Vigo (R/ Policarpo Sanz, 24-26) a presentación do libro Estúrdiga materia, de Luis González Tosar. Participarán no acto Guillermo Brea (director da Obra Social), Víctor F. Freixanes (editor) Xosé Luis Méndez Ferrín (escritor e autor do limiar), Manuel Quintana Martelo (pintor e autor das ilustracións), así como o autor do poemario.

Exposición plástico-poética en Cabanas Raras

«Com este cartom postal, que reproduze o desenho feita com o poema Casa Skylab, anunciamos que o dia 21, estaremos com o nosso recital, com a nossa exposiçom, “Poesia para ver, Poesia para ler”, em Cabanas Raras, no Bierzo, com motivo das festas da nossa aldeia, as festas de santa ana.
“Poesia_para_ver/Poesia_para_ler” é um projecto que procura novos caminhos de expressom, novas formas de contacto com o público/leitor, convertindo o poema num objecto plástico que se poda ao tempo ler e ver, recitar e expor, num intento de achegar a poesia, e a literatura em geral a novos públicos, intentando romper o muro que separa a criaçom da vida cotiá. O resultado: poemas/cartazes que perfeitamente podem decorar as paredes dumha casa, dumha oficina, dum bar, dumha rua…
E, exclussiva mundial, em Setembro, para quem nom poda achegar-se até Cabanas Raras nesse dia, estarei, sem nom há novidades que nom o permitam, num famoso e estupendo festival da poesia que se celebra no sul da nossa naçom.» (Ovnis e Isoglossas)