A Coruña: Lucía Aldao e María Lado actúan no Patachim

Venres 7cartazac
23:00
O Patachim (Orillamar 16)
Entrada: libre até completar capacidade

LUCÍA ALDAO E MARÍA LADO (poesía e música) actuarán dentro do ciclo “CONTAMOS CONTIGO: A palabra como protagonista”. É unha actividade da campaña “A cidade que le”.

MOITA POESÍA, POUCA DIVERSIÓN

Despois de pasear durante uns cantos anos o xa mítico “Onde estea un cubata que se quite un soneto”, María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) voltan aos bares coa mochila chea de versos. O formato é clásico, a actitude non. Trátase dun recital desenfadado onde sobre todo haberá poesía, como ten que ser, e algunha que outra sorpresa.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/GKsQC8KSp84" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Culleredo: presentación da Poesía galega completa de Ramón Cabanillas

O 5 de maio, ás 20:00 na Biblioteca “Uxío Novoneyra” (Pazo de Vila Melania – Vilaboa, Culleredo), terá lugar a presentación do libro Poesía galega completa, de Ramón Cabanillas. O acto, que contará coa participación de Celestino Poza Domínguez (concelleiro de Cultura de Culleredo), Manuel Bragado (director de Xerais), Xosé María Dobarro (coautor da edición) e Xosé Ramón Pena (coautor da edición).

Ourense: presentación de Incivil, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

A Editorial Toxosoutos e a Livraria Torga de Ourense teñen o pracer de convidalo á presentación do libro Incivil. Intervirán Xoán Carlos Domínguez Alberte (autor) e Delfín Caseiro (profesor e escritor). Será o mércores 5 de maio de 2010, ás 20:00 h. na Livraria Torga – Ourense.

María do Cebreiro publica en inglés na Shearsman Books

«Un de Manuel Rivas, outro de Miguel Anxo Murado, dous de Chus Pato e agora outro de María do Cebreiro. Se non lle fallan as contas ao tradutor Jonathan Dunne, cinco son os libros de versos galegos importados até hoxe pola literatura inglesa. O máis recente, publicado hai só uns días, é I Am Not from Here, da poeta e profesora María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago, 1976), a tradución inglesa de Non son de aquí (Xerais, 2008). Helena-Miguélez Carballeira, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Bangor (Gales), preparouna para o selo británico Shearsman Books.

Non é a primeira vez que a editora de Exeter, no oeste de Inglaterra, pon os ollos na poesía galega. No seu catálogo están tres dos cinco libros dos que fala Dunne. En 2007 publicou Selected poems, unha escolma de Rosalía con textos de Follas Novas (1880) e Cantares gallegos (1853) traducidos por Michael Smith, e Charenton, versión da canadense Erín Moure do poemario homónimo de Chus Pato (Ourense, 1955). Só dous anos máis tarde repetiría autora, tradutora e título orixinal con m-Talá. Ambos volumes viran a luz orixinalmente en Xerais (2004 e 2000) e chegan tamén ao mercado canadense a través de Buschek. […]» (Xornal.com)