109 obras compiten nos tres premios Xerais 2011, que se fallarán o vindeiro 11 de xuño

Os xurados dos Premios Xerais declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 3 de xuño. Os premios serán fallados o sábado 11 de xuño na illa de San Simón. Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2011, nomeou aos membros dos tres xurados:
– O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren corenta obras, está formado por: Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
– O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e tres obras, esta formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora), María Dolores Tobío Iglesias (profesora), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
– O xurado da XXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e seis obras, está formado por: Rodrigo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Manuel Lourenzo González gaña o premio de literatura infantil O Barco de Vapor

Manuel Lourenzo González obtivo o premio de literatura infantil O Barco de Vapor, no seu vixésimo sexta edición. Dotado con 6.000 euros e convocado pola Fundación SM, o premio pretende potenciar a creación de literatura infantil e xuvenil en galego que fomenten o gusto pola lectura e transmita valores humanos, sociais, culturais e relixiosos que axuden a construír un mundo máis digno. O xurado, formado por Manuel Figueiras, especialista en literatura infantil e xuvenil; Isabel Soto López, crítica literaria e tradutora; e Xavier Senín, catedrático de bacharelato, considera que a novela gañadora é “unha narración chea de imaxinación e fantasía, que destaca polo acertado deseño do mundo no que transcorre, co uso dunha linguaxe propia que dá conta de todas as súas peculiaridades”. Os organizadores informaron nun comunicado de que o premio se converte este ano en bienal, polo que a próxima edición se fallará en 2013.” Vía La Voz de Galicia. Tamén en Galicia Hoxe e La Opinión.

Convocado o Certame Literario das Letras Galegas

O Concello de Vilalba, a través da concellaría de Cultura, convoca unha nova edición do Certame Literario das Letras Galegas, no que se repartirán 780 euros en premios entre os gañadores das distintas modalidades. Haberá dous premios abertos a todos os mozos de 15 a 18 anos de toda a comarca de Terra Chá: o Manuel Mato Vizoso para o mellor traballo en prosa galega e o Xosé María Chao Ledo, para o mellor poema inédito en galego. Ambos están dotados con 210 euros e diploma. No ámbito do municipio vilalbés, na categoría de dez a 15 anos, estarán os premios Xosé Lois García Mato en prosa, dotado con 120 euros, e García Hermida, de 100 euros, en verso. Para os menores de dez anos, convócanse os premios Carmiña Prieto Rouco e Lois Pereiro, en prosa e poesía, respectivamente. O prazo para presentar as obras finaliza o 6 de maio, ás 14:00 horas. Os traballos deben remitirse ao consistorio (Praza da Constitución, 1. C. P. 27800, Vilalba), cun pseudónimo e un sobre pechado aparte cos datos persoais do autor.

Lugo: entregados os Premios da Edición 2010

O gremio editorial galego celebrou o sábado 12 de marzo en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores. O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo. Nesta VI Noite da Edición foron homenaxeadas no apartado da Edición Histórica as editoriais Ir Indo e Hércules de Ediciones, polo seu XXV aniversario, así como o que fora director e editor de Edicións Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, falecido no ano 2006. Os editores nomearon socio de honra ao seu ex presidente, Alfonso García Sanmartín, ao que se lle recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional. O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu en Espazo Lectura, unha iniciativa da sociedade civil coa que se pretende incentivar a lectura e a relación cos libros desde asidades máis temperás.
Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores das correspondentes modalidades:
Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2010: Todo é silencio, editado por Edicións Xerais, de Manuel Rivas.
Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2010: Construtores, editado por Kalandraka Editora, de Xulio Gutiérrez.
Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano 2010: Estremas, editado pola Editorial Galaxia, de Ana Romaní.
Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil 2010: Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka Editora, de Pinto & Chinto.
Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2010: 30 gramos, editado por Alvarellos Editora, traducido por Ramón Nicolás.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.
Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo do ano 2010: Gramática práctica galega, editado por Baía Edicións, de Xoán López Viñas e outros.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010: Xosé Neira Vilas.
Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010: Asociación Culturgal, iniciativa do sector editorial galego consolidada e formalizada no ano 2010 como entidade asociativa responsable da Feira das Industrias Culturais de Galicia.

Convocado o VI Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca o VI Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, segundo as bases publicadas no DOG nº 41, do 1 de marzo de 2011. A súa dotación económica é de 6.000 euros. Así mesmo, a Agadic poderá editar o texto galardoado nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame.
O período de admisión remata o 3 de xuño de 2011. A decisión do xurado producirase antes do 30 de novembro de 2011.
– Dirixido a: persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias.
– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo. Quedan excluídas as obras de teatro breve e os textos para teatro de monicreques. Quedarán excluídos os orixinais que resultasen ser obra de autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores. Nesta mesma liña, os autores que resulten galardoados na edición 2011 non se poderán volver presentar nas dúas convocatorias posteriores.
Forma de presentación: Os orixinais deben remitirse dentro do prazo establecido á sede da Agadic en Santiago (Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro, 15703) por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, paxinados e grampados ou encadernados. Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio a que optan. Non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.
Documentación: Xunto cos textos, os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio a que optan. No interior deste sobre pechado deberá incluírse:
* solicitude de participación debidamente cuberta e asinada segundo o anexo que figura ao final das bases.
* fotocopia do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
* declaración asinada polo autor de que o texto presentado non foi publicado nin premiado en ningún momento anterior.
Xurado: Para a avaliación dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da Agadic proposto pola Dirección da Axencia.
Criterios de valoración:
* Calidade literaria: 30 puntos.
* Calidade dramática: 30 puntos.
* Viabilidade escénica: 20 puntos.
* Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos.
* Coidado da lingua: 10 puntos.

A A. C. O Facho convoca o Concurso de Teatro Infantil

“Assumindo como próprias as palavras de Juan Ramón Jiménez quando afirmava que “Teatro infantil é aquele que também lhe gosta aos nenos”, a Junta Directiva da Associaçom Cultural O Facho acordou convocar de novo o Concurso de Teatro Infantil, que, nesta nova etapa, se regerá polas seguintes

BASES:

1º) Poderám optar ao devandito prémio todas as pessoas que pressentem obras inéditas –em qualquer tipo de suporte- nom representadas, nem premiadas noutros certames e que esteiam escritas em língua galega.
2º) Estabelece-se como prémio único, a ediçom da obra ganhadora, da que o autor ou autora receberá 500,.- € e como mínimo o 40% da ediçom..
3º) A obra, que nom poderá exceder os 80 fólios, será presenteada por quintuplicado, em formato DIN A4, a dobre espaço e mecanografados por umha soa cara.
4º) Os originais para o Concurso enviaram-se por correio á sé da Associaçom Cultural O FACHO. R/ Frederico Tápia n.º 12-1º A Corunha (15005) ou a Caixa de Correios n.º 46, Oficina Principal de A Corunha. Apresentarám-se sob um lema, que figurará na portada dos textos enviados, e virám acompanhados de um envelope fechado que contenha no exterior o lema da obra e, no interior, o nome, apelidos e telefone do autor ou autora.
5º) O prazo de admissom de originais finaliza o dia 31 de Março de 2011 às doce da noite. O falho do prémio fará-se público no mês de Maio.
6º) Os ganhadores serám elegidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O FACHO. O mesmo está composto por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego: Xosé Manuel Rabón, director teatral; Susana Longueira, actriz; Francisco Pillado Maior, director de Edicoes Laiovento.
7º) O júri poderá declarar deserto um ou vários dos prémios do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se pressentem e que nom esteiam contempladas nestas bases, assim como as duvidas que podam existir na sua interpretaçom.
8º) A participaçom neste Certame implica assumir as bases do mesmo.
9º) Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, no local de O Facho, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom. No caso de que o autor o autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
10º) Esta convocatória entrará em vigor ao dia seguinte da sua publicaçom nos médios.

J. Alberte Corral Iglesias
Secretário d’O Facho

Na cidade d’A Corunha, Janeiro 2011.”

A A. C. O Facho convoca o Concurso de contos de nenos para nenos Carlos Casares

“Recuperados em 2008 os prémios literários que desde os anos sessenta convocou O Facho e nos que participarem ou ganharem muitos dos escritores e escritoras que hoje fam possível com a sua obra umha literatura galega de qualidade e de grande importância nas letras universais, fai-se a convocatória para 2011 do Concurso de contos de nenos para nenos Carlos Casares e em afectuosa homenagem ao primeiro ganhador do Certame de Literatura Infantil no ano 1968 com a sua formosa obra A galiña azul que acadaria a honra de ter sido o fito fundacional da bem viçosa Literatura Infantil e Juvenil Galega contemporânea.

BASES DO CONCURSO:

1. Poderám participar rapazes e rapazas que pressentem as suas obras em Língua galega. Os trabalhos presenteados deveram ser originais e inéditos em toda a sua extensom.
2. O prazo de admissom de originais finaliza o dia 31 de Março de 2011 às doce da noite.
3. A apresentaçom de originais para o Concurso fará-se por correio postal dirigido à sede da Associaçom Cultural O FACHO. R/ Frederico Tápia, 12-1º 15005 A Corunha. Podendo fazer individualmente ou por médio do centro onde curse os seus estudos.
4. No caso em que sejam os centros escolares os que pressentem os originais ao Concurso, deveram fazer umha pré-selecçom dum máximo de dous trabalhos por categoria, qualquer outro terá que ser apresentado individualmente.
5. As obras haverám de serem relatos originais e nom estarem editados por nengum procedimento impresso ou electrónico, nem terem sido premiados em qualquer outro concurso ou certame literário e em condiçons para que os seus direitos de publicaçom podam ser cedidos à Associaçom Cultural O FACHO por período de três anos contados a partir do dia do falho do júri.
6. Para além da originalidade literária, o júri valorizará a riqueza lingüística e o conhecimento gramatical reflectido nas obras.
7. Estabelecem-se duas categorias:
Categoria A Nenos e nenas de 6 a 12 anos.
Categoria B Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos.
8. As quantias dos prémios serám as que seguem:
Categoria A
1º: 400,.- € em efectivo.
2º: 400,.- € em efectivo.
Categoria B
1º: 500,.- € em efectivo.
2º: 400,.- € em efectivo.
9. Cada autor só poderá apresentar umha obra atendo-se aos seguintes limites de extensom:
Categoria A. Um máximo de cinco fólios.
Categoria B. Um máximo de dez fólios.
10. As obras haverem de se apresentar por duplicado, manuscritas ou mecanografadas, encadernadas ou grampeadas e levaram por detrás do último folio os seguintes dados:
Nome e apelidos do autor/a.
Endereço e telefone. Correio electrónico.
Centro onde cursa os seus estudos.
Categoria na que participa.
11. Os prémios serám escolhidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O Facho em falho que se fará público no mês de Maio.
12. O júri poderá declarar deserto um ou vários dos prémios do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se pressentem e que nom esteiam contempladas nestas bases, assim como as dúvidas na sua interpretaçom.
13. A participaçom neste Concurso implica a aceitaçom das presentes bases.

A Corunha, 10 de Janeiro 2011.”