Desde Xerais:
“A escritora e activista María Reimóndez recibiu o Premio Dora Vázquez 2012 polo seu artigo Desobediencia. Reproducimos o vídeo do discurso da autora de libros como O club da calceta ou Pirata na recollida do premio en Arteixo, que lle foi entregado pola concelleira da Muller, Fina Zas.”
Arquivo da categoría: Premios xornalismo: ditames
Juan Luís Blanco Valdés gaña o XVI Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela
“Unha serie de catro artigos publicados por Juan Luís Blanco Valdés no xornal Galicia Hoxe recibiu o recoñecemento do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela na súa XVI edición. Entre os aspectos valorados polo xurado destacan “a calidade literaria, o uso do léxico e o sentido do humor” de Blanco Valdés, así como a achega do escritor a “temas de actualidade dende un coñecemento profundo da cultura popular”. Así o fixo constar na súa acta o tribunal presidido por Mercedes Cuiña Puente e reunido o pasado 29 de agosto na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. O acto de entrega do premio será o venres 16 de setembro ás sete da tarde, no marco da XXV Feira do Moble de Galicia. O galardón está dotado con 1.000 euros, talla conmemorativa e diploma acreditativo. Unha vez teña lugar este acto, quedará aberto o prazo de recepción de novos artigos para todos os interesados en participar na vindeira edición deste premio.” Vía Galicia Hoxe.
Moncho Paz gaña o premio de xornalismo Johán Carballeira
O
xornalista Moncho Paz (Vilalba, 1970) foi distinguido co VIII premio de xornalismo Xohán Carballeira, organizado polo concello de Bueu (Pontevedra) polo traballo Entrei en Radio France porque falaba galego. O xurado, constituído por Carmen Novas Ferradás, Manuel Antón Mosteiro García e Óscar Iglesias Arauxo, reuniuse o sábado 19 de marzo de 2011 para resolver o dito premio, actuando como secretario e en representación do Concello de Bueu Xabier Framil Barreiro. O traballo gañador é unha entrevista ao xornalista e escritor Ramón Chao, que se caracteriza por fuxir dos tópicos e que demostra unha boa documentación previa por parte do autor, segundo a resolución do xurado, que se reuniu onte. Segundo esta resolución, o autor da entrevista logra, a partir dun tema de actualidade, a presentación da obra Prisciliano en Compostela, intercalar momentos do pasado e do presente de Ramón Chao e consegue conxugar a necesaria distancia xornalística e o achegamento ao personaxe.
Xosé Carlos Caneiro gaña o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego
O
venres 11 de marzo tivo lugar en Pontevedra o fallo da VIII edición Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia coa vocación de impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación. Nesta ocasión o artigo gañador foi Sumar, Ana, de Xosé Carlos Caneiro, publicado en La Voz de Galicia o 28 de setembro de 2010, a propósito da morte de Ana Kiro. Nesta edición presentáronse un total de 23 artigos en galego.
Miguel Pardo Pereira gaña o IX Certame Xornalístico Dora Vázquez
Miguel Pardo Pereira gañou o IX Certame Xornalístico Dora Vázquez, convocado polo Concello de Arteixo, baixo a temática Muller e Educación, grazas ao seu artigo Non é broma. O galardón, dotado con 600 euros, será entregado o venres 4 de marzo ás 19:00 h. no Centro Cívico de Arteixo.
Luís González Tosar gaña o premio Puro Cora de xornalismo
Xosé María Lema Suárez gaña o XV premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela
Xosé María Lema Suárez
ven de gañar a XV edición do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela que organiza a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada por cinco artigos publicados nos medios El Correo Gallego, Xonal de Galicia, La Voz de Galicia e Música na Noite. O xurado, conformado por Nuria Campos, Valentín García Gómez, Miguel Ramón de la Calle, Luis Reimóndez e José Manuel Bouzas, valorou dos artigos de Lema Suárez “a defensa da lingua galega como definitoria da identidade e valor fundamental da nosa cultura”. O autor recibirá o galardón no marco da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar o vindeiro 17 de setembro.
Vía Fervenzas Literarias.
Marica Campo gaña o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo
O VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010, dotado con 1.200 euros e a publicación nos once medios de comunicación colaboradores, foi para o artigo «A procura do tesouro», da escritora lucense Marica Campo. O xurado tamén lle concedeu un accésit ao artigo «Por unha Galiza neofalante», de Marcos Abalde Covelo.
Ao certame presentáronse 39 traballos que, segundo o xurado, no seu conxunto «supoñen unha extraordinaria radiografía da visión sociolingüística do noso país».
Servizo de Normalización Lingüística
Concello de Carballo
Premios da AELG 2010
[blogaliza.org emitiu os premios ao vivo por qik.com]
ENSAIO, LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, POESÍA, NARRATIVA, TRADUCIÓN, TEATRO, TRAXECTORIA XORNALÍSTICA E BLOG LITERARIO
Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2009 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.
Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.
Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.
Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2009 son:
Ensaio: Xesús Alonso Montero, pola súa obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)
Literatura Infantil e Xuvenil: Agustín Fernández Paz, pola súa obra Luz do Senegal (Xerais)
Poesía: Luz Pozo, pola súa obra Deter o día cunha flor (Baía)
Narrativa: Xosé Cid Cabido, pola súa obra Unha historia que non vou contar (Xerais)
Tradución: Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, pola tradución da obra O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia)
Teatro: Rubén Ruibal, pola súa obra Delimvois (Xerais/IGAEM)
Mellor traxectoria xornalística: Manuel Rivas
Blog Literario: Manuel Bragado, polo seu blog Brétemas
Institucións: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Escritor Galego Universal: Juan Gelman
Alberto Pena gaña o Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo
O xurado do VII Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo, composto por Alfredo Conde Cid, Víctor Fernández Freixanes, Manuel Fernández Areal e Carlos Valle, outorgoulle onte o galardón a Alberto Pena polo texto titulado Cousas da lingua, publicado no Diario de Pontevedra. O premio está dotado con doce mil euros.