Vagalumes e A Banda da Loba, galardoados cos premios San Martiño de Normalización Lingüística

Desde La Voz de Galicia:
“O padroado dos premios San Martiño de Normalización Lingüística vén de resolver por maioría a concesión dos recoñecementos correspondentes á edición deste ano á Asociación Cultural Vagalumes e á agrupación musical A Banda da Loba. O colectivo Vagalumes acadou o premio San Martiño á difusión da lingua galega na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. A concesión baséase no longo percorrido da asociación no desenvolvemento e fomento da lingua galega. Desde o ano 2009 ata a actualidade a asociación ten promovido conferencias, coloquios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais, ciclos de teatro, publicacións e homenaxes en prol da normalización, defensa e difusión do galego. A derradeira homenaxe tivo lugar hai poucas semanas, co gallo da conmemoración do centenario do xornal El Emigrado (1920-2020).
Pola súa parte, A Banda da Loba é recoñecida co premio San Martiño á difusión lingüística no ámbito galego. A Banda da Loba, que ten entre as súas integrantes dúas estradenses -as irmás Andrea e Marcela Porto-, é unha das voces máis frescas e renovadoras do panorama musical galego. A banda ten publicados dous traballos discográficos: Bailando as rúas (2017) e A fábrica da luz (2019). Caracterizada no aspecto creativo polo eclecticismo, aunando a tradición con ritmos como o pop, o reggae ou o ska, a súa identidade como banda aséntase nunha defensa firme da muller, a terra e a lingua. Neste senso, a banda ten musicado poemas de autores coma Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Rosalía de Castro.
O padroado decidiu deixar este ano deserto o premio San Martiño a toda unha vida de dedicación á normalización lingüística. Ademáis, debido a motivos de protocolo sanitario, os premios da presente edición non se entregarán nun acto público, como viña sendo habitual nos últimos anos, senón no transcurso dunha rolda de prensa no Teatro Principal que terá lugar o día 13 de novembro.”

As Fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo reciben o Premio Otero Pedrayo 2020 en homenaxe á Xeración Nós

Desde a Xunta de Galicia:
“As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo son os gañadores da edición dos Premios Otero Pedrayo 2020, que recoñecen o seu papel de difusión do legado dos principais persoeiros da Xeración Nós. Así se decidiu hoxe na reunión do xurado na que participaron de xeito telemático o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, fixéronse dúas mencións, unha ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (centro museístico do Estado e de xestión autonómica), e outra ao Concello de Cambados.
A entrega do Premio Otero Pedrayo será o 30 de outubro en Ourense, se a situación sanitaria o permite. Está promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. Instaurouse en 1977, converténdose no premio cultural máis lonxevo de Galicia, e ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.”

Acto de entrega do I Premio de Oratoria Filomena Dato

“O pasado ano 2019 a Asociación Cultural Lisístrata convocaba o I Premio de Oratoria Filomena Dato para o alumnado dos diferentes ciclos do Ensino Obrigatorio, coa intención de promover o Idioma Galego e o Feminismo, ademais de render homenaxe a Filomena, un dos escasos referentes do feminismo do S. XIX e segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século.
Este premio, o primeiro que leva o nome da “poeta das Mariñas” e que nesta primeira edición ten como tema a sororidade, terá o seu acto de entrega o domingo 26 de xullo ás 12:00 h. no Anfiteatro do Concello de Arteixo. Será un acto axustado ao protocolo Covid que consistirá nunha breve presentación, entrega de premios as persoas gañadoras, que expoñerán o seu traballo ante o público e como colofón a obra de Filomena soará na voz de Ana Hermida.”

Os premios Ínsua dos Poetas recoñecen Pilar García Negro, Sés e o persoal sanitario

Desde Nós Diario:
“A XII edición da Festa da Palabra conmemorará este domingo no Carballiño o centenario da revista Nós (1920-2020). “Será un acto para pór en valor o legado de persoas como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Otero Pedrayo e outros destacados intelectuais ourensáns daquela época”, dixo o presidente da Fundación “Insua dos Poetas”, Luís González Tosar.
Os premios “Insua dos Poetas” recoñecerán entre outras a traxectoria investigadora, ensaística, docente da profesora Pilar García Negro; o compromiso coa lingua da cantautora María Xosé Silvar, Sés, o presentador Xosé Manuel Piñeiro; así como Regina Jallas, que leva a cabo un importante labor de coidado e atención a anciáns galegos en Rio de Janeiro.
A nivel de colectivos, os galardóns premiarán o Cine Club Carballiño, fundado en 1969; a asociación pola liberdade afectiva e sexual Alas da Coruña, que desenvolve un importante labor social e cultural no colectivo LGTB dende o compromiso co galego e a Festa da palabra tamén recoñecerá aos traballadores sanitarios da residencia dos Milagros, en Baños de Molgas, polo esforzo, na súa loita en primeira liña contra a pandemia da COVID-19.”

A AELG rexeita participar no Plan Cultural para a reactivación do sector tras a Covid-19

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, non participará do Plan Cultural que vén de publicar a Consellaría de Cultura.

Esta posición emana do convencemento de que estamos ante un plan que non vai redundar en beneficio da cultura galega, nomeadamente da súa literatura e, moi especialmente, dos seus creadores e creadoras en lingua galega.

Para alén das liñas estratéxicas que se marcan nese plan e que, desde a AELG non podemos compartir, pois fan do turismo xacobeo a peza angular dun plan que, deste xeito, só ten de especificamente cultural o nome, que non ten como elemento fulcral a posta en valor dun patrimonio cultural cada vez máis deteriorado, e que contén no seu desenvolvemento normativo cláusulas claramente abusivas. Como entidade que representa, asesora e defende ás escritoras e escritores galegos, manifestamos o noso estupor ante un plan que, de facto, expropia as creadoras e creadores dos seus dereitos persoais e patrimoniais sobre a súa obra, ao ser unha cesión de dereitos sen límite de tempo, espazo xeográfico, medio de explotación ou lingua, descoñecendo a diversidade das tipoloxías de proxectos, os dereitos concretos e o seu correcto desenvolvemento.

Por outro lado, a AELG, entidade colexial que representa ás escritoras e escritores, só foi convidada á presentación deste plan xa fechado e publicitado antes da súa presentación ás entidades e persoas ás que presumibelmente se dirixe. Un plan que, por outro lado, só pretende crear un banco de actividades e non aproveita o xa feito, materiais de calidade que aínda poden e deben ser difundidos. Un plan que, aínda por riba, non pon o seu corazón na lingua galega e unha vez máis acode ao plurilingüísimo cando o que precisamos é moito mais galego, moita mais promoción da nosa lingua. Deste xeito, obriga aos creadores e creadoras, nunha situación de fraxilidade económica como a actual, a aceptar condicións inaceptábeis no uso da súa lingua e na explotación da súa obra. A AELG fai proxectos nos que participan escritoras e escritores, ademais de fotógrafos, deseñadores, etc., polo que non só poría en risco os dereitos patrimoniais da AELG como entidade senón, tamén, as dos participantes no proxecto ao poder lesionar os dereitos individuais dos creadores que nel participen.

Como xa dixemos, discrepamos deste tipo de estratexias culturais e reclamamos políticas que teñan en conta as persoas, potenciando realmente o tecido cultural, que estean dirixidas ás creadoras e creadores que, con tanto esforzo e sacrificio se forman e sacan adiante as súas obras, roubando horas ao sono ou á familia, nun contexto social en que a creadora ou o creador dificilmente poden vivir do produto da súa obra (aínda que escasos e encomiábeis son os casos e cheos de fulgor).

Nesta tesitura a AELG fai un chamamento a todas as institucións, con independencia do seu ámbito territorial ou de responsabilidades públicas, para que manteñan os orzamentos destinados á cultura e, dentro dela, á creación literaria. Non esquezan que cando falamos de creación literaria falamos do primeiro elo dunha engrenaxe que se traduce en múltiples postos de traballo, porque entre a escritora e a lectora, foi necesario crear unha cadea en que están implicados desde as e os traballadores dunha tenda de informática, os e as traballadoras dos diversos proceso da edición, das que traballan nas imprentas, até as libreiras e todo un proceso de distribución e mediación (nun sempre por chegar plan de lectura). E isto por poñer un único e pequeno exemplo do que implica non investir en creación literaria.

Por outro lado, a literatura é tamén un ben de primeira necesidade, pois non só os produtos alimentarios son necesarios para o ser humano, tamén a saúde emocional que axuda a levar a vida é imprescindíbel e aí, a literatura ten un papel esencial (e cando se fala, por exemplo, de recuperar festas e verbenas, xusto isto se está a recoñecer).

De acordo co dito, a AELG declara tamén a súa preocupación polo que está a suceder xa cos premios literarios.

Primeiro, porque os premios son unha potente ferramenta normalizadora para a nosa lingua. Os premios propiciaron ao longo do tempo a posta en valor, a dignificación e, por tanto, a defensa da nosa lingua e a nosa cultura. A súa existencia promoveu a creación literaria das nosas autoras/es, achegou a cidadanía á nosa literatura e xerou obras de gran valor que hoxe son recoñecidas non só no país, senón no resto do Estado e incluso a nivel internacional, fornecendo o noso sistema literario e garantindo a supervivencia da nosa lingua, ao tempo que promoveu a aparición de autoras/es que hoxe son exemplo da categoría das nosas letras. Por iso, desde a AELG observamos con preocupación algúns acontecementos recentes -quer a desaparición dalgúns certames, quer a diminución nas súas dotacións económicas- que, de confirmarse, debilitan a nosa lingua e a nosa literatura, nunha situación xa de por si feble. A lingua galega, hoxe aínda minorizada, é o noso xeito de interpretar a realidade e poñerlle nome ao que nos rodea, pero non só; é tamén o noso xeito de ser e estar no mundo. En definitiva, é o que nos identifica. Por esta razón e polos graves prexuízos que estas situacións poden ocasionar, queremos pedirlle encarecidamente ás institucións implicadas, que actúen na defensa e preservación da nosa lingua e a nosa cultura, no convencemento de que a súa defensa e promoción é un elemento fundamental que contribúe ao ben común e á supervivencia da literatura galega.

Segundo, porque os premios son, maioritariamente, a garantía de publicación dun libro e de percepción dos dereitos de autoría desa obra ademais do premio económico, por tanto, a pesar de que as súas contías sexan pequenas, poden ser unha axuda para unha escritora nova que cada vez máis e, nestas datas xustamente, está parada ou nun erte ou sen ingresos.

Terceiro, porque os premios foron e deben ser, unha ferramenta de visibilización das nosas autoras e autores. Unha das formas máis axeitadas de homenaxealos, lembrarnos que, a pesar de ser tan curta, a carreira literaria de Eusebio Lorenzo Baleirón segue a ser un exemplo para moitas mozas e mozos e non queremos esquecernos dos seus versos, dos seus lugares vitais, do que representa para a nosa literatura e para a nosa cultura. Igual que non queremos que quede no esquecemento unha figura como a de Victoriano Taibo, escritor e mestre represaliado que traballou arreo para manter viva a nosa lingua.

Os premios son todo isto, unha ferramenta idónea para crear literatura en lingua galega e ese PIB que tanto preocupa aos nosos xestores, por iso reclamamos que se manteñan e que se convoquen dignamente, con garantías para as escritoras e escritores.

A AELG fai un chamamento á Consellaría de Cultura e a todas as institucións que inciden neste ámbito, para que non sexa a literatura e a cultura en lingua galega, outra vez, a peor parada nunha situación de crise.