Santiago: presentación de O máis estraño. Contos reunidos, de Manuel Rivas

O mércores 26 de outubro, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase O máis estraño. Contos reunidos, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto participa, co autor, Manuel Bragado. Crónica posterior en El País.

Vídeo do espectáculo O embigo do mundo, na presentación de Extramunde, de Xavier Queipo

Vídeo co espectáculo (O embigo do mundo / L’ombelico del mondo) de presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, novela gañadora do Premio Xerais 2011, o venres 21 de outubro no Museo do Mar de Vigo. De Xabier Viana, vía Xerais.

‘Manuel Rivas reúne no libro O máis estraño relatos coñecidos e outros inéditos’

Manuel Rivas reúne en O máis estraño (Xerais), o seu novo libro, unha colección de contos nos que inclúen algúns dos relatos que acadaron identidade fóra dos libros, como A lingua das bolboretas, e outros textos que aínda non viran a luz dos lectores. Rivas presentou onte en Madrid a tradución ao castelán deste mesmo volume (Lo más extraño, publicado por Alfaguara) e presentará o vindeiro mércores en Santiago a súa edición en galego. Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están “reescritos”, pero si que se presentan aos lectores “cunha revisión estilística” para que vaian cos tempos. En calquera caso, Rivas, segundo explica, non quixo volver escribilos. “Tamén resistín a tentación de deixar de lado aqueles que xa non me gustan como cando os escribín”, afirmou o escritor. (…) O escritor, nomeado recentemente doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, acaba de regresar de Serbia, onde presentou a versión para ese idioma da súa premiada novela O lapis do carpinteiro, sinalou en Madrid que os relatos “son a sombra dos soños e por iso o último dos relatos que inclúe este novo libro leva ese título”. É un dos tres inéditos que ofrece o volume, xunto co O espertar da criada e O misterio de Uz. (…).” Vía La Voz de Galicia.

Muxía: presentación do poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente

O sábado 22 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa do Voluntariado (Rúa Camposa, s/n.) de Muxía, preséntase o poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente, publicado conxuntamente pola Fundación López Abente e a Editorial Alvarellos na Colección Rescate. No acto participan Félix Porto, Xosé Luís Méndez Ferrín, Miro Villar, Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos. Reseña posterior en La Voz de Galicia.

Malpica: Cea das Letras, coa presentación de Amantes, de María Lado e As crebas, de Miro Villar, o 12 de novembro

O sábado 12 de novembro, ás 22:00 horas, na casa de turismo rural Casa Arpón (A Pontella, Malpica), terá lugar a Cea das Letras, na que se fallará o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas, e presentar o libro gañador da V edición, Amantes, de María Lado. O prezo da cea é de 25 euros, e é preciso anotarse previamente chamando ao número 675-607127. Os asistentes serán agasallados cun exemplar do libro.
Previamente, no salón de actos da Confraría de Malpica (Praza Anselmo Vilar Amigo, s/n.), ás 20:00 horas, preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior.

Lalín: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 21 de outubro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón Aller (Rúa Ramón Aller, 9) de Lalín, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participa, acompañando ao autor, Luís Couto.

A Coruña: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei

O venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto estará acompañado por Francisco Pillado e Xosé Ramón Freixeiro.

Vigo: presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, e do espectáculo artístico O embigo do mundo

O venres 21 de outubro, ás 20:15 horas, no Museo do Mar de Galicia (Avenida Atlántida, 160) de Vigo, preséntase o libro Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011. Con motivo da presentación, representarase o espectáculo O embigo do mundo / L’ombelico del mondo, que conta coa participación de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Riolagares (MisterChoco e Xavier Queipo).

A Coruña: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación

O xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala de prensa da Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24), preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Ademais dos coordinadores da publicación, intervirá Mariña Pérez Rei e proxectarase unha videocreación poética de catro minutos de duración, obra de de Cristina Ferreiro Real. O acompañamento musical corre a cargo de Brais Morán (guitarra).