O Temple, Cambre: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

O sábado 30 de xuño, ás 20:30 horas, no Paraugas do Temple en Cambre, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, publicado en Sotelo Blanco Edicións, dentro dos actos sobre o Orgullo GLBT organizados polo BNG e Galiza Nova desta localidade.

Vigo: o venres 29 de xuño comeza a Feira do Libro

Comeza a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do venres 29 de xuño son:

19:30 h.: Xosé Neira Vilas será o encargado do pregón inaugural desta Feira. A partir das 20:30 horas asinará exemplares das súas obras.
20:30 h.: presentación de Acuática alma, de Marta Dacosta, publicado en Espiral Maior. Xunto á autora participa Rexina Villar.

Parlamento das letras: Bieito Iglesias

Entrevista de Armando Requeixo a Bieito Iglesias no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Bieito Iglesias (BI): Ás nosas letras fáltalle un pobo. Como deixou dito Deleuze, o autor dun pobo menor escribe sempre pra un pobo que falta, que existe só porque o escribe e mentres o escribe. Faltan bos autores, como en toda parte, porque, de acreditarmos no cómputo do Eclesiastés, de mil non hai un bo. Sobran liridades e literatizos de escaso caletre (capaz que as intelixencias preclaras deserten das letras por preferir o número, querse dicir as enxeñerías). Están sobros tamén os intrusos, nunha época na que —como ten comentado un observador italiano— todos aqueles que non valen pra rexentar unha lavandería nin pra xogar ao balompé nin pra gobernar nin pra pór bombas contra o goberno… escriben libros. Ningún dos defectos anteriores é endémico da Galiza, partillamos eses andazos con toda a ecúmena occidental. Aquí cómpre engadir, siescaso, o filisterismo dun sistema literario que pon os ‘valores positivos’ e a defensa da comunidade de falantes por cima de calquera autonomía estética, cando a grande literatura sempre introduce laceraciós no corpo social e canxa mal coa corrección ben-pensante e coas coitas das almas belas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– BI: A cousa está como ha de ir (ao nabizo).”

Rianxo: presentación do primeiro volume da Obra Completa de Manuel Antonio

O venres 29 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo organizan a presentación do número 76 do suplemento cultural A Voz de Barbantia e do primeiro volume da Obra Completa de Manuel Antonio, editada conxuntamente pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. No acto estarán presentes Xosé Luís Axeitos, editor literario; Diego Rodríguez, Xesús Santos Suárez e Adolfo Muíños.

Lugo: presentación de Un niño no xardín, de Xoán Neira

O venres 29 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Un niño no xardín, de Xoán Neira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado e Xosé Miranda.

Vigo: presentación de Cartas ao director, de Rafael Laso Lorenzo

O xoves 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase o novo libro de Rafael Laso Lorenzo, Cartas ao director, publicado en Tambre. No acto, xunto ao autor, intervirán Ricardo Soto e Fran Alonso.

A Coruña: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes

O xoves 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Biblioteca González Garcés (Rúa Miguel González Garcés, s/n) da Coruña, preséntase o libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde García, Che Turnes e Manuel Bragado.