Santiago: presentación da nova edición de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

O mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 h., no Centro Social Novacaixagalicia (Praza de Cervantes, 17) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da nova edición de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, acto co que o Concello da cidade e a Editorial Galaxia conmemoran o 50 aniversario da publicación desta obra.  No acto participan Guadalupe Rodríguez Silva, Víctor F. Freixanes e o propio autor, contando tamén coa presenza do actor e director Cándido Pazó, quen fará un breve apuntamento escénico sobre o seu espectáculo baseado no libro, que se estreará no Salón Teatro de Santiago o 28 de xaneiro ás 20:30 h., onde permanecerá durante tres días. Aquí se pode descargar a presentación do espectáculo: Dossier Memoria das Memorias dun neno labrego. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.

Vilaboa, Culleredo: presentación do libro Mazás vermellas

O mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro Mazás vermellas, editado por Espiral Maior e a Concellaría de Cultura de Culleredo, froito do II Taller de Poesía dirixido en 2010 por Miguel Anxo Fernán-Vello. No acto, que contará coa participación de Celestino Poza e o director do Taller, haberá un recital dos poemas recollidos na publicación, acompañado do Dúo de Guitarra e Voz do Conservatorio de Música de Culleredo.

Santiago: presentación de A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte

O martes 25 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte, coordinado e dirixido por Xosé María Lema Suárez, publicado por Xerais, no que participan, alén del, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Roberto Mouzo Lavandeira e Xosé María Rei Lema. No acto acompañarán aos autores Jorge Mira e Manuel Bragado.

Sober: presentación de Petroglifa. Poemas a Sober, de Xosé Lois García

O sábado 22 de xaneiro, a partir das 19:00 h., na Casa da Cultura (Praza do Concello, s/n.) de Sober, terá lugar a presentación do poemario de Xosé Lois García Petroglifia. Poemas a Sober, publicado en Toxosoutos. Vía Fervenzas Literarias.

Santiago: presentación de Canibalismo, de Marcos Abalde

O venres 21 de xaneiro, a partir das 19:30 h., na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Compostela, preséntase o libro Canibalismo, de Marcos Abalde, publicado por Estaleiro Editora. No acto, acompañando ao autor, participan Iria Sobrino e Roi Vidal. O texto obtivera o XI Premio de Teatro Josep Robrenyo convocado pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral (AIET), entre obras orixinais escritas en calquera das linguas oficiais do Estado.

Ferrol: presentación de Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo

O mércores 19 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo, publicado en Laiovento. No acto, acompañando ao autor, intervirán Francisco Pillado e Francisco Rodríguez.

Lugo: presentación de Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo

O xoves 20 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo, publicado pola Editorial Trifolium. No acto de presentación o autor estará acompañado por Antonio Reigosa e polo editor do libro, Xan Arias.

A Coruña: presentación de Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás

O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, preséntase a obra Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás, publicada en Espiral Maior, e que compendia os nove poemarios individuais escritos en galego até o de agora polo autor vigués. No acto intervirán, ademáis do propio autor chegado expresamente de Venezuela, o Presidente da Real Academia Galega e prologuista do libro, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Castaño como responsable da edición e César Portela, colega de profesión do arquitecto e escritor. Crónica posterior en Xornal e La Opinión, e entrevista en La Voz de Galicia, con outra posterior en La Opinión.

A Coruña: presentación do libro Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo

O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), na Coruña, terá lugar a presentación do libro Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo, publicado en Laiovento. No acto, acompañando ao autor, intervirán Felipe Senén e Francisco Pillado.