Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (V)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CPR Cardenal Cisneros de Ourense do seguinte xeito, con alumnado de tres continentes, dezaseis nacionalidades distintas e nove linguas nai fusionados de xeito sorprendente no galego:
1.- Actuación o día 24 ás 10:15 h no centro:
– Educación Infantil: Interpretación dunha canción con letra adaptada pola súa profesora.
– Primaria: Un grupo de alumnos interpretará un rap coa letra feita por eles mesmos na honra de Rosalía. Outros recitarán poemas.
– ESO: Un grupo de alumnos cantarán ao son da coñecida canción de Abba, Mamma mía, unha letra composta por eles e os seus compañeiros.
2.- Todos levarán no seu peito unha camelia feita por cada un deles na que vai a “esencia de Rosalía” concentrada dentro da flor expresada cun poema da escitora. Deste xeito despois do acto levaron un anaquiño da homenaxeada ás súas casas, agasallando a flor.
3.- Unha colección de filatelia temática sobre Rosalía está exposta no centro.
4.- Para atender á convocatoria do graffiti, ao non ter paredes dispoñibles, varios grupos de alumnos crearon deseños nas fiestras dunha das aulas do centro para facer a Rosalía visible dende a rúa.
Como engadido, o grupo de Secundaria participou ás 20:00 h. no acto na súa honra promovido en Ourense polo grupo RosalAuria no Liceo de Ourense.

Lugo: presentación do libro colectivo Alén do silencio

O venres 7 de marzo, ás 19:00 horas, no IES Lucus Augusti (Avenida Rodríguez Mourelo, s/n) de Lugo, preséntase o libro colectivo Alén do silencio. No acto participan, entre outras/os, Natalia Alonso, Inma Alonso Rodríguez, Beti Arias, Xesús Bermúdez, Ana Croas, Luz Darriba, José Estévez, María José Fernández López, Montse González, Xosé Iglesias, Catarina Laxe, Iria López, Beatriz López Dorado, Aarón López Pereiro, Manuel Celso Matalobos, Ani Modia, Toño Núñez, Sara Otero, Carmen Pardo, Luísa Paz, Mónica Pérez Llenderrozos, Evinha de la Torre e Eva Xanín.

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (IV)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CPI da Gudiña cun vídeo preparado polo alumnado de 4º da ESO co poema de Rosalía Castellanos de Castilla.

No CPI Manuel Suárez Marquier, do Rosal, o alumnado de EP e ESO participou nunha actividade audiovisual e o luns 24 de febreiro fixeron un acto coa lectura de poesía proposta:

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (III)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal:
“Durante a semana previa tiveron unha actividade titulada Rosalía do A ao Z, que culminou o luns 24 cun recitado colectivo de poemas e varias presentacións informáticas.”

E no IES Félix Muriel de Rianxo:
“Un día parecíanos pouco, así que acordamos dedicarlle varios días á autora de Cantares. Este ano, no día que se cumpría o 177 aniversario do seu nacemento enchemos o centro con poemas dela, coas súas obras, con poemas que o alumnado fixo para ela, con recreación de poemas seus… con antoloxías poéticas coma a que presentamos no artigo anterior…
Todo comezou no local do ENDL co alumnado rotulando os anuncios que logo colgariamos polo centro. Mais tamén houbo traballo previo entre o alumnado que reescribiu a Rosalía… Poemas de Cantares e de Follas foron reinterpretados polo alumnado cunha estética máis “actual”. E así encheron a cafetaría, de xeito que a xente que foi tomar café hoxe puido ler as súas creacións.
Mais non facía falta ir tomar un café para saber de Rosalía hoxe no Félix Muriel… Con entrar no centro xa se podía ver a mesa coa bibliografía e mais o taboleiro informativo..
E o xoves 27 Helena Villar Janeiro imparte unha charla-conferencia para alumnado de 2º e 3º da ESO sobre a autora. Ese día escoitaremos ao alumnado que leva semanas ensaiando poemas seus musicados…”

Lugo: presentación da Obra reunida (1994-2008) de Verónica Martínez Delgado

A cuarta feira 5 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Ramón Ferreiro, a dez metros da Praza da Horta do Seminario) de Lugo, preséntase Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado, publicado por Amargord. No acto, xunto á autora, participan José Estévez, Carmen Blanco e Susana Vázquez e María José Fernández López, quen recitarán acompañando á poeta.

Madrid cántalle a Rosalía

Desde Galego en Madrid:
“O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro.
Onte -convidados por Manuel Pereira, Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG para homenaxar a Rosalía- percorremos as rúas madrileñas coa poesía da escritora galega.

Xuntámonos na rúa Ballesta, número 13, ao pé da casa onde Rosalía viviu entre 1856 e 1858, alí Manuel Pereira Valcárcel, escritor do Grupo Bilbao, leu o manifesto publicado pola AELG con motivo desta data.
E comeza o recital de poemas, desde os máis veteranos, como Sabino Torres

aos máis novos, as alumnas e alumnos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas -Julia Badino Baamonde na foto- :

O mestre de cerimonias, Vicente Araguas, escritor e membro tamén do Grupo Bilbao, recitou versos de Rosalía e dirixiunos na Negra Sombra, o himno rosaliano en Madrid

Seguimos camiñando ata a igrexa de San Ildefonso, onde Rosalía casou con Manuel Murguía o 10 de outubro de 1958:

E velaquí algúns dos participantes na homenaxe diante da Igrexa de San Ildedonso en Madrid, unha noite fría pero chea de ilusión e esperanza, lembrando sempre a Rosalía:

Moaña: fotos da lectura pública do Día de Rosalía

Desde o blogue O Morrazo en fotos:
“O luns 24 de febreiro, celebramos no local da Asociación de mulleres de Moaña o Día de Rosalía, promovido dende a AELG, que convocou á xente aos recitais, que simultaneamente se celebraron por todo o país.
Un numeroso grupo de veciñ@as de Moaña asistiron as lecturas, recitais, cantos e músicas sobre a obra de Rosalía de Castro.”

Ferrol: presentación de Xalundes, coloquio e recital do Grupo Surrealista Galego

O xoves 27 de febreiro, ás 19:30 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) en Ferrol, preséntase o poema visual Xalundes do Grupo Surrealista Galego. Posteriormente haberá un coloquio sobre as súas actividades e un recital poético de varios dos seus membros.