A Coruña: recital de A hostia en verso: Poetas Carnívoros vs. Poetas Veganos

O martes 4 de decembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso, baixo o título Poetas carnívoros vs. poetas veganos. Conducido por Lucía Aldao e María Lado, o recital enfrontará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa e Cesáreo Sánchez Iglesias nun duelo sen tregua. O elenco complétase coa música en vivo de Mig Seoane.

Boiro: nova edición do Slam Arousa

“Slam Arousa volverá aos bares a vindeira semana. Neste caso á Pousada das Ánimas, en Boiro, durante a ponte, o día 6 de decembro, ás 22:30 horas. Nesta ocasión participarán os gañadores das edicions anteriores, como convidados (Celia Parra e Ramón Blanco).
Normas de recitado slam.arousa:
– Podes recitar calquera texto sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A partir de 3 minutos, descóntase puntuación sobre o veredicto do público.
– Non podes usar música, disfraces ou accesorios.
– É tan importante o texto coma un bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
– Non é imprescindible saber o texto de memoria… pero axuda, claro!
– Por votación popular decídense 3 finalistas, que volven recitar un texto (preferentemente diferente, para gañarse ao público), esa mesma noite.
– Destes 3 finalistas, sempre por votación popular, vén seleccionado o gañador que pasa á final na Illa de Arousa, no mes de marzo.
– O gañador, pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor para deleitar ao público.” Desde Certo.

O retorno ao recital (II)

Reportaxe en Cultura Galega:
“A poesía recitada continúa a reclamar o seu espazo na nosa cultura. A iniciativas como os recitais Poetas Di(n)versos, Picaversos ou Poetas da Hostia, súmanse novas propostas. Os Slams Poéticos están a levar a Arousa e Vigo un torneo de recitados, mentres esta última cidade vía recentemente a segunda edición do seu Festival Polipoético. A poesía pide a palabra.
Sther F. Carrodeguas é a responsable do Slam Poético Arousa, unha iniciativa que chegou este outono á nosa terra. Un Slam poético consiste nun torneo, baseados nas competicións de hip-hop, n o que dous competidores len textos propios sen contar con máis recurso do que a súa voz e presenza, sen música ou obxectos de apoio. De cada unha destas roldas un xurado selecciona un dos participantes ata chegar a unha final, da que sae o gañador da rolda. Segundo explica a coordinadora, o proxecto xurdiu dun obradoiro que deu a poeta catalá Irene La Sen sobre este tema en Rianxo. “Eu xa levaba un tempo traballando na cuestión dos recitais, e esta fórmula pareceume bastante sinxelo de organizar. Entón primeiro pensei en o facer aquí, aos poucos foron empatando as cousas e ao final ampliou a toda a Ría de Arousa”. O proxecto intégrase na liga que se celebra a nivel estatal “vai haber seis sesións cada ano, que é o número imprescindible que permitirá que o finalista poida acudir á final estatal. Decidimos organizar un cada mes, de vila en vila, serán cinco roldas locais e despois unha final que quero que sexa na Illa de Arousa, aínda está por fechar”. O que asista á final estatal terá a opción de recitar en castelán, con subtítulos nunha pantalla ou sen apoio de ningún tipo. (…)”.

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o domingo 2 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2012, remata esta edición no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2012, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Domingo, 2 de decembro
– 12:00 h. Redelibros: novos camiños para a edición. NO SALÓN.
– 12:00 h. Cine e literatura: A Esmorga de Blanco Amor na gran pantalla. NO GARAXE.
– 12:30 h. Eloy Varela e Fina Casalderrey: Dúas letras. A curta que arrasa nos festivais galegos, publicada en Galaxia. NO GARAXE.
– 13:00 h. Conversa de María Solar con José Domingo, Xavier Alcalá e dos lectores/as de Espazo Lectura con Agustín Fernández Paz. NO SALÓN.
– 13:00 h. Mesa redonda: O teatro para nenos e nenas en Galicia. Organizada por Escena Galega. NO ESTUDIO.
– 16:30 h. Camilo Franco: Dez obras na vida de Vidal Bolaño. NO SALÓN.
– 17:00 h. Francisco Pillado (coord.): Banqueiros, publicado en Laiovento. O teatro tamén ten algo que dicir ante a imposición da crise. NO SALÓN.
– 17:30 h. A máquina do tempo. Un disco-libro ilustrado que fala da memoria. NO PATIO.
– 17:30 h. Manuel Rivas: As voces baixas. Lectura dun fragmento. Participa, xunto ao autor, Manuel Bragado. NO SALÓN.
– 18:00 h. Presentación da Obra completa de Roberto Vidal Bolaño, publicada por Positivas, e da Asociación Roberto Vidal Bolaño. NO SALÓN.
– 18:00 h. Sinatura no stand de Xerais da triloxía Dragal, de Elena Gallego.
– 18:30 h. Presentación a xeito de recital do libro Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, acompañado por Ledicia Costas.
– 19:00 h. Conversa de Belén López con Manuel Lourenzo, Teresa González Costa, Teresa Moure e María Reimóndez, sobre Escrita teatral. NO SALÓN.

A Coruña: presentación de Versus

O xoves 29 de novembro, ás 19:30 horas, na FNAC (Praza de Lugo) da Coruña, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo dos outros autores do libro (Antón Borrazás, Miguel Queipo, Hugo Álvarez e Manuel G. Pombo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.