Arquivo da categoría: Recitais
A Coruña: recital de Oriana Méndez e Xi Chuan no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
7 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Oriana Méndez e o poeta chinés Xi Chuan. Máis información aquí: Poetas Di(n)versos outubro 2013.
Vilagarcía: edición XXXI da Mesa das Verbas
A Coruña: presentación de Espiral de sombras, de Xavier Seoane
Pontevedra: presentación de Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño
O
luns 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, ás 20:00 horas, no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Sarmiento, 51), preséntase o libro colectivo Con barqueira e remador, coordinado e traducido por Yolanda Castaño, e publicado pola Deputación de Pontevedra, como froito do I Obradoiro Internacional de Tradución Poética que tivo lugar no outono do ano pasado na illa de San Simón. No libro recóllense poemas de Marko Pogačar (croata), Txema Martínez (catalán), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Brane Mozetič (esloveno), Sergei Timofejev (letón de expresión rusa) e Merja Virolainen (finés), nunha edición multilingüe cos orixinais e as traducións ao galego, con limiar da propia Yolanda Castaño. A presentación incluirá algo de música e a presenza de dous dos poetas antologados: o catalán Txema Martínez e a finesa Merja Virolainen.
Ribeira: presentación de Cantares gallegos, hoxe, de Pilar García Negro
Lugo: recital con poesía e música e presentación de Versus cianuro
O
venres 20 de setembro, ás 20:00 horas, no Club Clavicémbalo de Lugo (Rúa Paxariños, 23), terá lugar a presentación do libro Versus cianuro. Na parte poética recitarán Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán, María José Fernández, Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Rochi Nóvoa Vázquez, Miro Villar, Paula Sánchez Lourido, Montse González Álvarez, Lupe Bao e José Estévez. E na parte musical Anxos, Branca, Pepa, Carolina, Os Fokgazais, e Foolmakers. A Plataforma contra as minas (Adega, Comisións Labregas e Fruga) lerá un comunicado como fin de festa. O acto será presentado por Lois Pérez e José Estévez.
Crónica da entrega do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
Desde
o blogue de Alfredo Ferreiro, O levantador de minas:
“Onte, sábado 14, ás 19:30 estabamos en Sarria para a entrega do premio a Eva Veiga polo seu libro A distancia do tambor. A velada deu para moito, e porén non foi máis que o memorábel colofón dun evento organizado con primor polos amigos da Asociación Cultural Ergueitos, que neste ano atinxía a décimo terceira edición. O acto foi conducido por Rosa Enríquez, quen ofreceu unha atinada reflexión sobre a importancia dos premios literarios para os autores e para os lectores, ademais de describir o esforzo sobradamente recompensado que desde o xuri tivemos que realizar para escoller un traballo entre os 82 presentados, cando eran polo menos media ducia os que sen dúbida podería ser galardoados. A continuación, o outro xurado, Xerardo Quintiá, vencedor dunha edición pasada, debullou con perspicacia e sentimento as liñas mestras da obra premiada anticipando para o público as virtudes dun poemario que sen dúbida será visto como unha obra maior. (…) Como última intervención, Eva Veiga agradeceu o premio e ofreceu un recitado maxistral sobre os versos do poemario, facendo gala das dotes para a dicción poética que tantos aplausos lle reporta nas actuacións do Grupo Ouriol. Quero lembrar, entre os argumentos esgrimidos pola autora no seu discurso, un que me resultou especialmente esclarecedor. Eva Veiga defende que a poesía constrúe unha utopía que transforma a nosa visión da realidade. Por que? Porque a partir da visualización da utopía ou dun mundo posíbel novas hipóteses enriquecen a nosa interpretación do mundo, xa que a realidade non existe para alén da nosa interpretación da mesma.
O acto foi completado coa interpretación de varios temas musicais interpretados a piano por Antonio Queija. Aquí ofrecemos os vídeos que Tati Mancebo puido facer cun Ipad.”
Vigo: edición de setembro do Círculo Poético Aberto
A Coruña: recital poético Fotomecánicas baixo palabra, con Antía Otero e Dores Tembrás
“O
venres 13 de setembro, ás 20:30 horas, en The Room (Rúa Santiago, 7) da Coruña, terá lugar o recital poético Fotomecánicas baixo palabra, artellado por Antía Otero e Dores Tembrás que, nas súas poéticas tanto individuais como compartidas, xirarán ao redor do verso e o reverso, do oco e a forma, o positivo e o negativo, da materia e o baleiro, do cuarto escuro, a luz vermella, as sombras que desvelan o espazo en off… Ese inventario de tecidos e papeis salgados na vertixe polo encontro. No evento contaremos co convidado especial Federico Flesfa Dublé ou Roberto Casteleiro (Koroiev, Fagot y Popota, Krkt, Primrose) tamén coñecido como o enxeñeiro-poeta creador do “bricotrance”, xénero musical do-it-yourself de construción en vivo de loops, que co emprego de instrumentos acústicos e electrónicos, algunhas cousas do fogar e de altas doses de imaxinación para a creación sonora, semella ser unha proposta fora do común, non só pola cuestión da construción, do facer musical, senón tamén pola narrativa e a poética dos temas. No evento aproveitaremos tamén para anunciarvos a convocatoria dos obradoiros de creación poética que no primeiro trimestre impartiremos en The Room.”




