Ribeira: presentación do poemario Caderno de Ponza, de Xabier López Marqués

O venres 17 de decembro, a partir das 20:00 h., no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira, a Asociación Cultural Barbantia, a Colección Bourel e o Ateneo Valle-Inclán presentaón o poemario Caderno de Ponza, de Xabier López Marqués; nun acto que inclúe un recital poético no que estarán presentes o autor e mais Antonio Piñeiro, director de Bourel. Acompañará o acto unha exposición cos traballos artísticos e bibliográficos da Colección Bourel.

Santiago: presentación de O libro dos cans, de Estevo Creus

O venres 17 de decembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase O libro dos cans, de Estevo Creus, publicado en Franouren. No acto, acompañando ao autor, participarán Antón Lopo a danza en directo de Begoña Cuquejo, Paulina Funes e Josua McCarey.

Morgadáns: entrega do III Premio de Poesía Victoriano Taibo a María Goretti Fariña

O sábado 11 de decembro ás 19:00 h. na Escola de Guillufe en Morgadáns terá lugar o acto de entrega do III Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns a Goretti Fariña Caamaño (San Xoán de Baión, Vilanova de Arousa, 1965), que resultou gañadora polo seu poemario Devastacións imposibles. O premio xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos e sufragado pola Entidade Local Menor de Morgadáns consta de un premio en metálico de 3000 euros, a edición do libro premiado e unha figura escultórica realizada polo artista miñorano Fino Lorenzo. No acto, que será presentado pola xornalista e guionista Araceli Gonda, presentárase tamén o libro premiado e estará animado polo grupo de gaitas “Balcón do Miñor”, de Morgadáns, así como polos cativos do Colexio Rural Agrupado “Antía Cal” que recitaran textos de Victoriano Taibo e polo grupo de teatro baionés “Non si? Teatro” que dramatizará algúns textos poéticos de don Victoriano, contando tamén coa presenza da premiada, que recitará tamén algúns dos textos do libro.

A Coruña: recital poético-musical con motivo do Día dos Dereitos Humanos

O venres 10 de decembro, a partir das 20:00 h., na Biblioteca Miguel González Garcés (Rúa Miguel Glez. Garcés, s/n.) da Coruña, con motivo do Día dos Dereitos Humanos, Amnistía Internacional organiza un acto poético-musical coa participación Yolanda Castaño, Xulio López Valcarcel, Pedro Ramos, Xosé Taboada, Xurxo Mares, Silvia Penide, Paco Campos, Francisco Pillado e Xulio Correa.

Vilaboa, Culleredo: homenaxe a Manuel Rivas

O mércores 1 de decembro, ás 20:00 h, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra, e dentro do programa do Concello III Outono das Letras en Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), realízase unha homenaxe a Manuel Rivas, na que participan Celestino Poza, Luciano Rodríguez Gómez e o propio autor. A continuación haberá unha actuación do Dúo de guitarra e voz do Conservatorio de Música de Culleredo, a cargo de Cristina López Fraga, voz, e Antía Seijas Vieites, guitarra.

Pontevedra: actividade literaria do domingo 28 no Culturgal 2010

O venres 26, sábado 27 e domingo 28, de 11:00 a 21:00 h., e con acceso libre para o público, celébrase en Pontevedra a III edición do Culturgal, que se desenvolverá no Pazo de Congresos, que se presenta como un escaparate do que produce a industria cultural galega. A programación completa do Culturgal pódese descargar neste enlace. As actividades literarias pódense consultar neste arquivo: Programa editorial no Culturgal 2010.

As actividades do domingo 28 son as seguintes:
– 11:30 h. O Cuarto dos nenos. Presentación de A xanela, de Amalia Pérez e Nieves González.
– 12:00 h. O Cuarto dos nenos (auditorio). Concerto-presentación de Tic-Tac.
Faladoiro no Salón do Libro. Durante a mañá, o xornalista Camilo Franco entrevistará a estes autores:
– 12:30 h. Fina Casalderrey, autora de E ti que farías por min? e Un saco de estrelas.
– 13:00 h. Elena Gallego, autora de Dragal.
– 13:30 h. Teresa González Costa, autora de A filla do ladrón de bicicletas (Premio Merlín 2010)
– 16:00 h. Salón do Libro. Presentación de Unha viaxe pola infancia, de Antonio Gómez Albo, publicado en Ir Indo.
– 17:00 h. O Cuarto dos nenos. Presentación da colección Animais Extraordinarios, de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández, publicados en Faktoría K.
Faladoiro no Salón do Libro. Durante a tarde, o xornalista Camilo Franco entrevistará a estes autores:
– 18:00 h. Manuel Rivas, autor de Todo é silencio.
– 19:00 h. Marcos Calveiro, autor de Settecento e O pintor do sombreiro de malvas
– 19:30 h. Manuel Portas, autor de Denso recendo a salgado.
– Ás 19:00 h., no Patio Interdisciplinar, nova sesión de A hostia en verso, particular enfrontamento lírico entre poetas de letras e poetas de ciencias. Ambos os dous equipos estarán representados por Ledicia Costas, Lara do Ar, Eduardo Estévez e Xabier Xardón nas contas e Daniel Landesa, David Rodríguez, Miguel Valverde e Daniel Costas nas vogais e consoantes, coa música de Mr. Carácter e os pinceis da artistas Laura Sáez, que fará uns debuxiños en directo, facendo de presentadoras Lucía Aldao e María Lado. Logo de cada proba os participantes sométense ao xuízo sumarísimo do público, que será quen decida, cos seus votos, cal é o equipo gañador.
– 20:00 h. Salón do Libro. Presentación de Novas receitas da cociña de Larpeiros, de Benigno Campos.

Bueu: presentación de Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez e recital poético

O domingo 28 de novembro, a partir das 18:00 h., no Centro Social do Mar de Bueu, preséntase o libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. Posteriormente, haberá un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz.

A Coruña: presentación de Sétimo andar, poesía alén

O sábado 27 de novembro, ás 21:00 h., no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, preséntase Sétimo andar, poesía alén, o segundo libro do colectivo A porta verde do sétimo andar, no que participan María N. Soutelo, Ramiro Vidal Alvarinho, Alfonso Láuzara, Rosa Enríquez, Alba Méndez, Manolo Pipas, Miguel Ángel Alonso Diz, Alberte Momán e Ana Cibeira.

A Coruña: Elas falan, espectáculo poético-musical do grupo Ouriol

O venres Elas falan26 de novembro, a partir das 20:30 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, o grupo Ouriol, formado por Eva Veiga (interpretación e elección dos poemas), Fito Ares (frauta traveseira) e Bernardo Martínez (clarinete e percusións), presentan este espectáculo poético-musical, Elas falan, no que se fan valer a voz de todas as mulleres. A través dos seus poemas –estarrecedores, lúcidos, valentes, fermosísimos– revélannos algo que, máis aló das circunstancias históricas e biográficas nas que se producen, atinxen aos homes e ás mulleres de toda época e condición. Elas son Anna Ajmátova, Marina Tsveitáieva, Sylvia Plath, Alejandra Pizarnik, Nazik Al Malaika, Luísa Villalta, Clarice Lispector, Pilar Pallarés, Luz Pozo Garza e Wislava Szymborska. Organizado pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña.