A Coruña: Luz Pozo e Luís García Montero no ciclo Poetas di(n)versos

LuzMontero

O ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña chega este próximo martes 15 á segunda das súas citas mensuais. Se as lecturas sempre reúnen a un/ha poeta galego/a xunta outro/a de fóra de Galicia, nesta ocasión será a grande dama da poesía galega, Luz Pozo Garza, quen faga parella con Luis García Montero, un dos nomes máis recoñecidos e recoñecibles da poesía española actual.

Ao remate dos actos, os autores poden asinar os seus libros para todos aqueles lectores que llo soliciten, quen tamén poden adquirir alí mesmo os títulos que lles falten. Antes, entre as 18h e as 19h de cada unha das xornadas do ciclo, no hall do Hotel NH Atlántico habilitarase un espazo e un tempo que os poetas convidados podan dedicar á prensa interesada.

Descargar folleto informativo en PDF

Recordatorio: hoxe, recital poético en homenaxe a González Garcés e presentación do libro Escapado

Recordámosvos a celebración hoxe de dous actos xa anunciados a semana pasada: o recital poético en homenaxe a Miguel González Garcés na biblioteca que leva o seu nome na Coruña, coa participación de Xavier Seoane, Xulio López Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello; e a presentación do libro Escapado de Luís Lamela, ás 20 horas na biblioteca Uxío Novoeneyra de Vilaboa, Culleredo.

Cangas do Morrazo: recital de Ledicia Costas

O vindeiro domingo 6 de decembro ás 21:00 da noite Ledicia Costas vai dar un recital acompañada da bailarina Raquel Herrero, na Sala Son (Rúa Lirio, 30 baixo) de Cangas do Morrazo. O acto leva por título Xardín de Inverno e trátase dun espectáculo multidisciplinar onde se funden a poesía, a danza contemporánea, a fotografía e o audiovisual, e inclúe a proxección do videopoemaOutras augas.

A Coruña: recital poético de Miguel Mato e Olga Patiño

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que mañá martes 10 de novembro terá lugar o derradeiro acto, antes da Gala final de decembro, do ciclo Poetas coruñeses: a palabra na voz de quen a crea. Nesta ocasión participarán Miguel Mato e Olga Patiño, presentados polo presidente da AC Alexandre Bóveda, D. Roberto Catoira. Será ás 20:30 h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16/18,1º), con entrada libre até completar aforo.

A Coruña: Xurxo Souto homenaxea á orquestra Os Satélites

O vindeiro xoves, ás 20.30 horas, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, nº 16/18, 1º), Xurxo Souto recitará un poema longo titulado Satélites, Carta Astral. Os Satélites -a gran orquestra coruñesa- cumpre 70 anos e vaino celebrar este venres, cun concerto no teatro Colón. Na véspera do evento Xurxo Souto quere renderlle homenaxe coa lectura destes versos. O propio poema tamén está de aniversario, pois foi escrito hai vinte anos e recitado por primeira vez na Galería Sargadelos de Santiago, o 4 de abril de 1989.

En Satélites, Carta Astral, encóntrase a tradición nutricia da Grecia Clásica coa exuberancia tropical. Entre glosas de música caribeña, o autor acode a varias referencias helénicas -presentes na estética musical contemporánea- que acadan a súa apoteose no preciosismo desta orquestra.