Arquivo da categoría: Recitais
Compostela: “O equilibrio dos extremos”
Desde o Consello da Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega presentou o pasado día 21 de marzo -Día Mundial da Poesía- un vídeo de homenaxe a Xela Arias (como figura homenaxeada do Día das Letras 2021), baseado nun fermoso diálogo literario entre novas voces poéticas e a da autora viguesa. Doce escritoras e escritores nacidos a partir da década dos oitenta imaxinaron en conversa íntima con cadanseu poema de Xela Arias, que eles e elas mesmas seleccionaron.
A poesía converteuse nun lugar de (re)encontro dende o que asomarnos, aínda que for por un intre, a ese anceiado equilibrio imposible. Esta aposta web e audiovisual deu lugar a un proxecto bibliográfico co que lembramos e reinvidicamos o labor editorial da propia Xela Arias, quen xuntou na súa figura o papel de creadora poética e editora. O exquisito traballo das editoras de Apiario deu lugar ao volume que se presenta o 29 de setembro ás 18:30 horas no Consello da Cultura Galega, nun recital en que participan algunhas das voces presentes nas súas páxinas de conversa con Xela e co futuro. Lois Alcayde Dans, Tamara Andrés, Alba Cid, Berta Dávila, Rosalía Fernández Rial, Oriana Méndez, Arancha Nogueira e Ismael Ramos porán voz aos seus versos e aos de Xela. Porque o ano 2021 continúa e Xela Arias segue a ser a protagonista das nosas letras.
A inscrición farase aquí.”
Celanova: recital poético na “Homenaxe aos 7 milicianos asturianos asasinados en Celanova en 1939”
Pontedeume: recital poético-musical arredor de Quérote canto
Betanzos: I Slam de Poesía Xogos Florais Unha fala, un cantar
Compostela: Festival Alguén que respira! 2021
San Sadurniño: presentación de Poesía en feminino. Mulleres do Rural
Desde o Concello de San Sadurniño:
“A área municipal de Igualdade e a Nova Poesía Guitirica promoven a quinta edición do “Recital de poesía en feminino”, que terá lugar nos xardíns municipais o sábado 18 de setembro sábado a partir das 17:30 h. Ao evento asistirán integrantes do colectivo e creadoras e creadores locais que se valen da poesía para reivindicar a igualdade e visibilizar a muller en todos os ámbitos. Ademais, na cita tamén se presentará o libro Poesía en feminino Mulleres do Rural editado polo Concello de San Sadurniño con cargo aos créditos do Ministerio de Igualdade, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. O volume, con prólogo de Emma Pedreira -que tamén acudirá ao encontro-, recolle as voces das persoas participantes neste proxecto iniciado en 2017, que pouco a pouco se foi convertendo nun referente da produción poética en clave feminina e feminista. Para asistir é necesario reservar previamente no 981 490 0 27 ou ben no correo electrónico veronica.rodriguez@sansadurnino.gal
O V Recital de Poesía en Feminino desenvolverase na parte baixa dos xardíns, ao pé do grande magnolio situado preto da pista multixogos. A poesía rodearase, ademais, da exposición ao aire libre “Nós somos elas” que permanece no espazo ata finais deste mes traída ata San Sadurniño gracias a unha colaboración entre a área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Na mostra -composta por grandes paneis impresos- xúntanse os antigos retratos de mulleres feitos polo fotógrafo laxeiro José María Vidal cos versos de 25 poetas galegas actuais.
Entre elas está Emma Pedreira, quen tamén acudirá ao recital deste sábado e quen asina o prólogo do poemario Poesía en feminino Mulleres do Rural editado polo Concello de San Sadurniño. Nel recóllense as máis de medio cento de composicións recitadas nos últimos catro anos, obra de poetas integrantes do colectivo da Nova Poesía Guitirica, pero tamén de nomes de San Sadurniño.
Estas últimas serán as protagonistas da edición 2021, que tira por unha estrutura un chisco distinta para darlle cabida no mesmo acto á presentación do libro e á parte de declamación. As convidadas son Consuelo Picos, Carmen Couce, María Teresa Pouso, Nerea Calvo, Alba Rivera, Xela Barro, Marián Arroyo e (por confirmar) Ángela Arnosa. Entre elas intercalaranse varias pezas ao clarinete tocadas pola novísima intérprete de Igrexafeita Candela Salgado Calvo. Ademais tamén intervirán a propia Pedreira, a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, e Antón Tenreiro (Anton de Guizán), un dos promotores do movemento chairego da Nova Poesía Guitirica.
O colectivo é parte fundamental no contido dun libro que, como indica o propio título, vén marcado pola expresión en feminino de todo tipo de sentimentos enfiados pola reivindicación dunha igualdade plena e real, nuns casos por medio do berro firme contra o machismo, noutros como denuncia das reticencias da sociedade a un cambio necesario e sempre como alumbramento íntimo dunha mensaxe de empoderamento, manifestada a través da creación libre de amarrallas patriarcais.
Poesía en feminino Mulleres do Rural sae do prelo cunha tirada inicial de 200 exemplares. Parte desta primeira edición distribuirase de balde no recital e tamén se deixarán exemplares na biblioteca municipal, no CPI e no mostrador do rexistro do Concello, ademais de formar parte dos agasallos institucionais que faga o consistorio en datas sinaladas.”
Desenfocar Fisterra, os 4 e 5 de setembro
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 21 e 22 de agosto
O 22 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 21
– 18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
– 19:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
– 20:00 h. Presentación e recital poético arredor do libro Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado por Alvarellos. Presentado por Montse González Álvarez, coa participación de Ruth Santiso, Toño Núñez, Pilar Maseda, Adela Figueroa e Luz Airado.
– 21:00 h. Presentación de Os mundos de agora, de Lois Oreiro, publicado por Galaxia. No acto, organizado pola Libraría Bahía, participan, xunto ao autor, Xavier Lombardero e Cielo Fernández.
Domingo 22
– 18:00 h. Concerto e sinatura de Extra!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
– 19:00 h. Ánxeles Goás asina exemplares de O asubío do avó, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Xulio Pardo de Neyra asina O abecedario no país das alvarizas, publicado por Medulia.
Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 19 de agosto
A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.
Este é o programa para o 19 de agosto:
Nono, de Pistacatro
Duración: 40 minutos
Idade recomendada a partir de 3 anos
Benvidos ao mundo de “Nono”, este inocente clown faravos viaxar pole seu mundo de fantasía, onde intentará mostrar os seus mellores trucos de malabares aínda que os problemas acontezan en cada esquina, e o final, rematen sendo resoltos con moito humor.
Poderedes disfrutar de incribles malabares, unha pelexa encarnizada cun mosquito, a aparición do seu inseparable amigo o mono, un combate de boxeo, e moito, moito máis.
Todo isto, nunha combinación de Mimo, Malabares, Manipulación de marionetas, clown e un mundo sen palabras que vos fará rir e saltar dos asentos. Un espectáculo rico e cheo de paixón para tódalas idades.
Tardiña 21:00
Tres tristes tigres
Xiana Arias, Beiro Molina, Olalla Cociña e Jesús Castro
Versos prófugos no código morse da xeografía lucense. Coma saídas dun faladoiro improvisado da cociña do Tropicana, o hotel onde comeza a novela de título homónimo de Cabrera Infante. Tres tristes tigres, da man da evocación melancólica das fonsagradinas Xiana Arias e o explorador de sons, Berio Molina, a lucidez somnámbula da vivairense Olalla Cociña e o verso revelación do pastoricense Jesús Castro. Atrás, tigre! É a poesía!.”