Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 10 de agosto

O 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Teresa Moure asina Sopas New Campbell, publicado por Cuarto de Inverno.
20:00 h. Pedro Feijoo asina Un lume azul, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:00 h. Nacho Carretero asina Fariña, publicado por Xerais.

A AELG súmase á campaña do sector do libro galego para celebrar o 23 de xullo un Día do Libro moi especial

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“O sector do libro uniuse para celebrar o Día do Libro o vindeiro 23 de xullo. Desta maneira, queren aproveitar o comezo das vacacións para recuperar unha conmemoración, a do 23 de abril, que tivo que ser suspendida, desde o punto de vista comercial, pola pandemia da COVID-19.
Durante esa xornada, o público lector terá a oportunidade de gozar de múltiples actividades organizadas nas librarías e beneficiarse de ata un 10% de desconto pola compra de libros. A Lei da Lectura, o libro e as bibliotecas establece un réxime de prezo fixo para o libro, aínda que marca como excepción a celebración do Día do Libro e as Feiras do Libro, Congresos ou Exposicións do Libro, sempre que “así o determinen as súas entidades organizadoras, cando estas pertenzan aos sectores da edición e comercialización do libro”, momentos nos que se pode realizar ata un máximo do 10%.
Con esta decisión o sector quere facer fronte aos efectos que a pandemia tivo no conxunto das empresas e tratar de reactivar as súas actividades nun contexto difícil. Ademais, dáse continuidade á campaña iniciada en redes sociais denominada #TodoComezaNunhaLibraría, que se vén desenvolvendo desde o 1 de xuño nas redes sociais e na que se quere poñer en valor a importancia das librarías dentro da cadea do libro.”

O Observatorio da Cultura Galega constata un impacto da crise maior na cultura que noutros sectores produtivos

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Entre xaneiro e maio creáronse 44 empresas de ámbito cultural segundo as cifras da explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME). Son 11 menos que nese período de 2019, concentráronse na provincia da Coruña e de Pontevedra. O impacto máis grande produciuse no mes de abril, no que se crearon dúas empresas, e supón un descenso do 84,5% respecto de marzo. O ritmo de contracción de empresas do total da economía galega tamén se viu afectado, pero sensiblemente menos, cun 72,1% de baixada. É a primeira fotografía máis actualizada de como a pandemia lle afectou e afecta ao tecido cultural galego.
O impacto no emprego foi severo. As afiliacións á Seguridade Social indican que entre o último día de febreiro e o último día de abril se perderon 1.002 cotizantes no ámbito cultural, o cal supón unha caída do 6,3%, é dicir, 2,1 puntos por riba do total do emprego galego. A baixada non foi igual para todas as ramas do sector cultural: notárono máis as relacionadas coas actividades de creación, artísticas e espectáculos, cunha baixada do 10,4%; seguidas das cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical. A evolución das afiliacións á Seguridade Social nas principais actividades económicas amosa que o decrecemento da cultura está ao nivel da construción, que descendeu un 6,2%. Con todo, tamén achega un dato esperanzador: medraron as afiliacións entre abril e maio máis na cultura (+2,7%) que no conxunto da economía (+1%).
Tras a declaración do estado de alarma acolléronse aos expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) 667 empresas, das que dependen 4.019 persoas traballadoras, que constitúe o 28,7% dos traballadores do sector.
Nunha situación normal, en Galicia impórtase máis do que se exporta. Dentro desta tendencia xeral, as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir dos ficheiros facilitados polo Departamento de Aduanas da Agencia Estatal de Administración Tributaria, amosan como a exportación descendeu de maneira máis acusada no sector cultural (un 39,4% de baixada) que no conxunto de exportacións totais (23,9% de baixada).
Por outra parte, o Observatorio indica que, no relativo aos prezos, o comportamento foi similar para o conxunto de produtos e os produtos culturais, que tiveron unha pequena repunta en abril (+0,8%), despois de meses de baixadas, cunha variación no que vai de ano do -1,2%.
A crise da COVID-19 afectou, como era previsible, aos plans de lecer da cidadanía. Esta conxuntura revela que que só o 57,8% dos fogares galegos prevé que poderá saír cear, a cafetarías, ao cinema e ao teatro nos próximos tres meses. É un 5,5% menos que no trimestre anterior e a cifra máis baixa dos últimos dous anos.
O Observatorio tamén recolle as estimacións de evolución do sector cultural realizada polo Foro Económico de Galicia, que ofrecen dous escenarios en función da evolución da pandemia. “A contracción do PIB anual galego en 2020 sería do 8,5% nun escenario menos adverso (confinamento ‘moderado’) e do 12,7% no peor escenario (confinamento estrito)”. A raíz das desagregacións dese estudo e mais dos indicadores observados ao longo deste informe, pódese afirmar que “dentro da cultura haberá un impacto similar ao do conxunto da economía nas actividades de edición e nas cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión e un impacto máis grave que o conxunto da economía para as actividades artísticas e de espectáculos en calquera dos dous escenarios posibles”.
Para esta conxuntura, o Observatorio da Cultura Galega empregou numerosas fontes. Os datos relativos á creación de empresas pertencen ao Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME); os datos da enquisa de Poboación Activa (EPA), os das afiliacións á Seguridade Social mais os dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) permiten trazar os efectos desta crise sanitaria no emprego cultural. Os datos de comercio exterior e intracomunitario de produtos culturais proceden dunha explotación elaborada polo Instituto Galego de Estatística a partir dos ficheiros facilitados polo Departamento de Aduanas da Agencia Estatal de Administración Tributaria. O IGE é a fonte dos datos da evolución do IPC e da confianza dos consumidores.”

O EWC leva a cabo unha enquisa sobre o impacto da Covid-19 na cultura

O Consello Europeo de Escritoras e Escritores (EWC) está a levar a cabo unha enquisa sobre o impacto da COVID-19 na cultura, nomeadamente en autoras/es e tradutoras/es, a través das achegas das súas asociadas (incluída a AELG). Nesta ligazón poden consultarse as propostas realizadas ata o momento desde Alemaña, Francia, Noruega ou as realizadas pola ACE. Pola nosa banda, lembramos a achega da AELG para o mantemento dos proxectos literarios e culturais, tan necesarios neste momento, para a sociedade, as súas creadores e creadores e a nosa lingua. A escolma, aínda vixente, dos documentos creados en relación a esta situación que afecta gravemente á creación cultural e aos nosos mercados pode consultarse aquí.

#Todocomezanunhalibraría, o sector do libro únese nunha campaña para reactivar a súa actividade

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“Coincidindo coa reapertura de todos os establecementos libreiros, o sector do libro -librarías, editoras e distribuidoras- adhírese á campaña promovida pola Asociación de Cámaras do Libro de España para poñer en marcha unha campaña destinada a recuperar as visitas ás librarías como espazos culturais.
É a primeira vez que o sector se une para realizar unha acción conxunta para reactivar a súa actividade, duramente sacudida pola crise do Covid-19. A campaña recoñece e pon de manifesto a importancia das librarías como chanzo básico da cadea do libro e o punto de conexión entre autoría, editoriais e lectoras/es, pois a súa reapertura reactiva todo o sector.
A campaña, denominada #TodoComezaNunhaLibraría, estase a desenvolver dende o 1 de xuño a través das redes sociais e terá unha duración de oito semanas. A través desta, convidarase a que as lectoras e os lectores e a autoría compartan vídeos, imaxes ou comentarios nos que expliquen que comezou na súa vida nunha libraría, que fai, ao seu xuízo, única a visita a unha libraría ou que conten experiencias indelebles e singulares vividas nestes establecementos.
Nos primeiros días, autoría, editoras, librarías e lectoras/es compartiron as súas mensaxes nos perfís da campaña coa finalidade de animar a outras/os usuaria/os a que se sumen á iniciativa.”

Desde a AELG propomos tamén o uso do cancelo #BerceDeAutorxs.

“Librarías enmascaradas”, por Mario Regueira

Artigo de Mario Regueira en Nós Diario:
“Día do Libro, Letras Galegas, comezo das feiras… os meses máis duros do confinamento cancelaron de cheo unha das tempadas máis relevantes para o sector do libro. Xunto con estacionalidades concretas como a campaña de Nadal, o inicio do curso académico ou o verán nas zonas turísticas, os libreiros coinciden en cualificar a primavera como un período de vital importancia para o negocio. Un feche, porén, que garda os seus propios matices e vivencias. Lugares como a Librería Miranda de Bueu permaneceron abertos ao incluíren tamén a papelaría na súa actividade. “Pero quitando algunha cousa concreta, vendemos moi poucos libros. Este tempo traballamos sobre todo fotocopias, material escolar… nin prensa vendemos moita, ao estar fechados todos os negocios da redonda”, di o seu responsábel, Fernando Miranda. Porén, a caída de actividade foi intensa, mesmo naqueles negocios que, como a Libraría Couceiro de Compostela ou a Librería Bahía de Foz, seguiron traballando con entrega a domicilio, “tamén como unha forma de manter o contacto co público”, di Cielo Fernández, deste negocio da Mariña lucense. Tamén floreceron as alianzas co resto do comercio local: “Estivemos preparando lotes de viño e libros con algunhas taperías da zona”, di Cano Paz, desde a Libraría Paz de Pontevedra.
Un contacto co público e unha reivindicación da libraría como espazo social, de encontros, complicidades e liberdade que está no fondo do discurso de moitos dos libreiros consultados. “Notámolo sobre todo cando comezamos a atender con cita previa. A xente tiña fame de libros e ganas de entrar nunha libraría, unha experiencia que algo como recoller un pedido non enche”, di Antón Pedreira desde Compostela. O propio público pareceu responder co seu compromiso, son varios os libreiros que destacan a importancia de plataformas como “Todos tus libros”, que permitía apoiar a libraría da elección do cliente, aínda que tamén recibiron cariño de forma directa, con moita xente interesada pola súa situación. “Sentímonos moi queridos, a verdade é que a xente respondeu”, comentan desde Pedreira. Cano Paz apunta un fenómeno que se repetiu máis veces: “Xente que che fai un ingreso para compras a futuro, sen pedir nada e avisando que xa o gastarán sen présa”. Trátase duns apoios que permitiron tamén que días concretos como as festividades do libro, ou os días de reapertura ao público, se superasen as expectativas dos propios libreiros. (…)”

Queremos Galego 2020: “Este 17 de maio defendemos o galego desde xanelas e varandas”

Desde Queremos Galego:
“Este 17 de maio, malia todas as limitacións, voltamos a ter unha cita para que o galego non siga confinado.

Todo o día:
Pendura a bandeira galega da túa xanela ou varanda e os cartaces disponíbeis aquí (tamén para pintaren as nenas e nenos).

Ás 12 h:
Maniféstate nas redes con mensaxes escritas, vídeos, fotografías, audios… utilizando as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #17demaio #Eufalogalego

Ás 13 h:
Sae á xanela a cantar: A fala (letra: Manuel María; música Uxía-Sérgio Tannus)”

Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID19, con Manuel Gago

Desde a Cidade da Cultura:
“O 15 de maio terá lugar o primeiro dunha serie de encontros online con especialistas de distintos campos das industrias culturais e creativas, os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector cultural na era post COVID-19. A actividade constará dun total de oito sesións en formato videoconferencia, que poderán seguirse de balde previo rexistro. Abordarán temas como os desafíos que se abren ante os sectores da música, das artes escénicas ou do libro no contexto actual marcado pola crise sanitaria, pero tamén cuestións como novos formatos e mercados, novas fórmulas de xestión de dispositivos culturais ou o novo perfil de consumidor de eventos culturais.
15 MAIO | 18 H | Retos nos contidos dixitais da cultura
Na primeira sesión dos Foros #aculturasegue abordaremos os desafíos e oportunidades que as novas plataformas e ferramentas tecnolóxicas presentan aos profesionais e institucións culturais no contexto actual. Para tratar estes temas contaremos coa participación da responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, e do comisario de exposicións e coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago Mariño, nunha conversa conducida pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón.
As persoas que o desexen poden inscribirse aquí.”

Manifesto 17 de maio de 2020. Carta aberta a Ricardo Carvalho Calero

Desde Queremos Galego:
“Hai trinta anos que nos deixou fisicamente, mais as súas sabias palabras continúan a resoar en nós, como tesouro de afecto, de admiración, de intelixencia e de amor con obras ao povo galego. Vostede dixo e escrebeu que a lingua galega, para viver, debe sobreviver. Nesas estamos. Os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso. Aínda por riba desta limitación, acumulamos anos e anos –décadas– de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego. A última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego: non se trata xa de o contemplar como un mal menor, un ritual prescindíbel ou un símbolo vougo, senón que se procedeu directamente a lexislar na súa contra, a confinalo aínda máis do que xa estaba, a fomentar descaradamente a españolización por todas as vías: ensino, meios de comunicación, sociedades públicas… Non se trata só dun desprezo pasivo, senón da exclusión organizada con toda a prepotencia e, ao tempo, con todo o servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado.
Fíxose, desde a mal chamada autonomía, o contrario do que a lingua galega precisaba. Ela, a lingua galega, necesitaba un constante e sostido exercicio de uso promovido desde os poderes públicos, desde todas as institucións; unha promoción atenta ao uso xurídico, ao uso comercial, ao uso eclesiástico, ao uso mediático, ao uso administrativo, ao científico, ao publicitario, ao uso cultural en xeral, ao audiovisual e cinematográfico, ao de novas técnicas de comunicación e difusión… Un exercicio de construción e de avaliación de resultados, para, sobre a marcha, irmos corrixindo e innovando todo o que fixer falta. O que vostede expresou tan ben no título dun artigo que case ten cuarenta anos: “O uso do galego para todo”. Tal necesidade non se atendeu; antes ben, desprezáronse as actividades, o combate pro-galego, a mobilización cívica de tantas e tantos galegos a prol de poderen viver con normalidade en galego, as 24 horas do día e os 365 días do ano, nen máis nen menos que en calquer lingua das que definimos como normais na sociedade respectiva.
Benquerido profesor, non esquivamos a nosa responsabilidade, isto é, a de todas e todos nós, galegas e galegos, que nos recoñecemos no povo do mesmo nome e queremos exercer non só os nosos dereitos de uso e devolución do noso idioma senón que tamén nos sentimos vinculados a un deber inescusábel: o de sermos dignos de quen nos precedeu, non adorando lápidas senón continuando o seu labor dignificador da lingua, amándoa con obras e non só con palabras que leve o vento. Este espello de responsabilidade querémolo ter sempre presente. Se a cuestión da lingua non se menciona especificamente como tal, creamos a impresión de que xa non precisa unha acción permanente ou, aínda pior, de que nos conformamos resignadamente co que hai: a compracencia na subordinación, na pequenez, na domesticidade mal entendida, na limitación vista como natural e inevitábel. O que vostede denominou “unha lingua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada. E consecuentemente, unha lingua ferida de morte”. Así se pronunciaba vostede hai case cuarenta anos, e isto é mesmamente o que queremos conxurar de vez.
Unha lingua non pode denominarse normal se non posúe os atributos de tal: ha de ser ubicua, capilarmente circulante por toda a sociedade, con efeito multiplicador, renovábel e atenta a todas as necesidades comunicativas, científicas, expresivas e estéticas do mundo actual. Nen máis nen menos. Para isto precisamos que todas e todos os nosos compatriotas a sintan, a pensen e a practiquen como sinal irrenunciábel, como sacramento conferidor de personalidade, de todos nós, povo galego.
Don Ricardo, a persoa e obra de vostede foinos –e énos– axuda imprescindíbel nesta tarefa colectiva. Temos na lembranza unha súa intervención pública memorábel: foi, xustamente, a que clausurou o encontro sobre os problemas e as necesidades da nosa lingua de que derivou a constitución da MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. Tal aconteceu en Compostela, en Abril de 1986. Desde aquela data a hoxe, queremos comunicarlle que as nosas demandas, as nosas reclamacións, a nosa loita pro-galego foi ratificada e corroborada por non poucos organismos internacionais, desde a UNESCO até a propria ONU, pasando por diferentes instancias europeas. Todo isto nos conforta, mais, naturalmente, o campo de ampliación e de dignificación da nosa lingua seguímolo tendo aquí, na Galiza. Somos nós, galegas e galegos, os lexítimos proprietarios da nosa lingua. Somos, igualmente, os responsábeis de que ela perviva non como unha reliquia ou un monumento literario senón con toda a práctica que aínda lle falta: para a vida de todos os días, para toda a sociedade, para a fala e a escrita, para ouvila e para lela de forma xeral, para non ter que a procurar, cal detectives, en cápsulas controladas.
Conceder dereitos con tal de que non se exerzan é artificio cínico e malsán. Nós queremos exercelos con toda a consciencia e con todas as consecuencias prácticas e visíbeis. Como vostede indicou: Hai que ganhar ou recuperar para o uso normal do galego aqueles sectores sociais que hoje tenhem como língua normal o castellano. Esta é unha tarefa á que queremos convocar, co amor, o respeito e o afán que a causa da lingua merece, toda a povoación galega e, nomeadamente, todos os mozos e mozas en cuxa man está a digna perpetuación viva do noso idioma. Somos galegas e galegos. A mellor forma de que esta condición se exteriorice, de que non se disimule, de que se admita coa necesaria naturalidade e orgullo, é a práctica da nosa lingua.
Neste Día das Letras Galegas, a vostede dedicado, manifestámoslle o noso afecto, a nosa memoria agradecida, a débeda con vostede contraída, débeda e exemplo que queremos converter en actos positivos para a lingua que vostede tanto e tan ben tratou e arrequeceu.
A nosa fonda aperta.

María Pilar García Negro
Galiza, Maio de 2020″

A libraría Chan da Pólvora despídese e fecha as portas

Desde Nós Diario:
“Nunha carta de despedida, as impulsoras da libraría compostelá explican que as consecuencias da COVID-19 agravaron unha precariedade cunhas raíces máis fondas. “Apuntar que iniciamos unha marcha “sabe deus cara a onde”, pero facémolo coa saca chea de boas lembranzas, cunha rede de amizades indestrutible e con moitísimo aprendido!”, afirman.
O 4 de maio, as librarías galegas reabrirán as súas portas e, baixo restricións, comezarán a atender as súas clientas con cita previa. Unha delas permanecerá coa reixa baixada, a Chan da Pólvora do barrio de San Pedro en Compostela. Un pequeno recuncho dedicado principalmente á poesía.
As súas impulsoras comunicaron nunha carta aberta a súa decisión de abandonar definitivamente o proxecto. Os poetas Antón Lopo, Eduard Velasco e Alicia Fernández están detrás deste proxecto que botou a andar en 2016. O espazo está vencellado a unha editorial do mesmo nome, cuxas primeiras publicacións levaron ao público os versos de Chus Pato e Antón Blanco. A editora, explican, continuará a súa singradura.
“O golpe económico derivado do estado de alarma dificultou en maior grao o noso presente, pero tampouco queremos agochar detrás disto o tempo que levamos sen ver cumpridas as expectativas que guiaron este proxecto desde os seus inicios en tanto que espazo creativo”, recolle a misiva dixital, asinada polo libreiro de Chan da Pólvora e escritor Quico.
Nela, reflicte que alén dos Polvorín de versos, recitais nos que participaban poetas galegas, o público das actividades organizadas foi diminuíndo paulatinamente “sen importar as horas dedicadas á preparación e difusión das mesmas”. Compostela, afirman, “non precisa unha libraría ao xeito da que tentamos construír”.
“Sen máis, apuntar que iniciamos unha marcha “sabe deus cara a onde”, pero facémolo coa saca chea de boas lembranzas, cunha rede de amizades indestrutible e con moitísimo aprendido! Sen risco non hai aventura!”, continúa o autor da carta.
A misiva tamén fai fincapé nas difíciles condicións que atravesan as pequenas librarías, así como a necesidade de promover a lectura desde a infancia, alén de plans económicos específicos para estes espazos.”