Libro aberto, programa do 13 de maio

Esta semana Libro aberto celebra o Día das Letras Galegas, recibindo ó ensaísta Antón Baamonde, que falará do homenaxeado deste ano, o filósofo e intelectual galeguista Ramón Piñeiro. Na primeira reportaxe do programa farán un repaso pola biografía de Ramón Piñeiro, figura clave para entender o galeguismo. Salvador García Bodaño dará as explicacións necesarias para entender por completo a figura do intelectual de Láncara. A seguir abordarán a actividade do Centro Ramón Piñeiro que, como o escritor que lle dá nome, contribuíu de xeito decisivo á normalización da lingua galega. Con máis de 150 publicacións no seu haber, este centro é un dos principais grupos de investigación en humanidades de Galicia. Ademais na sección de novidades literarias darán conta tanto das reedicións das obras de Ramón Piñeiro como das novas publicacións vencelladas ao homenaxeado.

O programa ocúpase tamén dos Premios Literarios Minerva que dende hai 50 anos e coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas outorga o colexio Manuel Peleteiro. Un certame de longa tradición que comezou chamándose Xogos Florais Minerva, e do cal saíron os escritores galegos máis importantes da nosa literatura actual.

Na sección de crítica Armando Requeixo explicará que ademais do noso Día das Letras Galegas existen outras efemérides literarias nacionais. Escocia, Irlanda ou Cataluña teñen días de homenaxe ás súas literaturas.

Pecha o programa unha novidade sobre o homenaxeado no Día das Letras Galegas de hai seis anos: a Fotobiografía do poeta Antón Avilés de Taramancos. Esta publicación gráfica e sonora de Ouvirnos permítenos recorrer as distintas etapas da vida e obra de Avilés de Taramancos.

Libro aberto emítese hoxe mércores 13 de maio á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Libro aberto, programa do 6 de maio

Esta semana visita o programa Libro aberto a poeta e xornalista Olalla Cociña Lozano, que falará do seu terceiro poemario Libro de Alicia co que gañou o premio Fiz Vergara Vilariño.. A reportaxe semanal aborda a obra A Esmorga de Eduardo Blanco Amor, con motivo do cincuenta aniversario da súa publicación. O libro segue destacando pola súa modernidade, tratando unha historia na que se establece un diálogo no que non aparece un dos interlocutores..

O programa visitará a exposición Editar en galego baixo a censura franquista, organizada pola Fundación Penzol. A exposición, que recorrerá diferentes puntos de Galicia, aborda os avatares da edición en galego durante o Franquismo e o papel da censura como represor da literatura galega.

O investigador Xurxo Martínez falará do seu libro José Almoina, Pilar Fidalgo. EXILIO, obra que reivindica e rescata a historia de José Almoina, un lugués que foi vicecónsul da República en Burdeos.

Na sección de crítica, Carlos Quiroga falará do escritor portugués Miguel Real e da obra deste A Voz da Terra, refererida ao terremoto de Lisboa de 1755. Pola súa parte, Luis Alonso Girgado analizará a traxectoria literaria do nicaraguano Sergio Ramírez, cuxa obra reflicte a vida política e social de Nicaragua da segunda metade do século XX. Para rematar, imaxes do filme Parranda, a versión cinematográfica d’A Esmorga que o director asturiano, Gonzalo Suárez, dirixiu no ano 1977. Na película colaborou, como coguionista xunto ao director, o propio Eduardo Blanco Amor.

Libro aberto emítese hoxe mércores 6 de maio á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Libro aberto, programa do 29 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto o escritor ourensán Xosé Carlos Caneiro, que falará do seu último libro, Blue Moon, unha novela publicada por Biblos Clube de lectura.

A reportaxe semanal abordará os Premios Biblos, galardóns para menores de 25 anos concedidos polo Biblos Clube de Lectores. O club organiza xa a quinta edición destes premios que lle permiten ao gañador rematar a súa novela asesorado por un escritor de renome.

Con motivo do vixésimo aniversario da fundación de Gálix, a asociación galega do libro infantil e xuvenil, o programa falará da súa actividade, especialmente o seu club literario “Tendendo redes”, que pretende instaurar un espazo de reunión e análise para autores, críticos e editores. Libro aberto conversará ademais coa escritora Marilar Aleixandre sobre a súa última novela A cabeza de medusa, que aborda o tema da violencia sexual. A obra foi galardoada co premio Fundación Caixa Galicia.

No espazo de crítica literaria Xavier del Valle Inclán fará análise do libro Correspondencia con el exilio que recolle as case mil cartas que Cela cruzou con trece escritores exiliados. O experto en teatro Carlos Franco falará de Cartas de amor a Stalin, Himmelweg e A Paz perpetua, de Juan Mayorga, unha colección de teatro que publica Galaxia en colaboración coa Escola de Arte Dramática de Galicia. O programa pecha cunha reportaxe sobre Rosalía 21, un proxecto que combina tres propostas coas que reler a obra de Rosalía de Castro nun espectáculo audiovisual.

Libro aberto emítese hoxe mércores 29 de abril á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Libro aberto, programa do 22 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto o poeta, ensaísta e profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, que falará do seu libro de poemas Ámote vermella. A reportaxe semanal aborda a exposición co mesmo nome, Ámote vermella, conectada con dúas obras literarias: os microtextos de Carmen Blanco publicados en Atracción Total e agora o poemario de Claudio Rodríguez Fer. Este proxecto multisoporte é unha idea inspirada no número Vermellas da revista “Unión Libre”.

O programa analizará ademais a figura de Daniel Mordzinski, tamén coñecido como “o fotógrafo dos escritores”, que retratou a moitos dos grandes nomes da literatura en español, tales como Vargas Llosa, García Márquez ou Cela.

Coma sempre haberá lugar para a crítica literaria. Nesta ocasión, Isabel Soto falará do libro infantil de Manuel Rivas O sombreiro Chichiriteiro, que edita Xerais. Despois, na sección de traducións, Xesús Fraga analizará a obra Do que estou a falar cando falo de correr, do xaponés Haruki Murakami. A lectura desta semana corre a cargo de Constantino Bértolo, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra La cena de los notables. Para rematar, imaxes do documental Lister, pronunciado Liste da académica galega Margarita Ledo Andión. O filme analiza a Europa da Fronte Popular e a España da guerra civil a través da figura do dirixente comunista Líster e das mulleres que formaron parte da súa vida.

Libro aberto emítese mañá mércores 22 de abril á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Libro aberto, programa do 15 de abril

O programa da TVG Libro Aberto entrevista esta semana a Marta Lemos Jorge, autora do libro Unha paixón herdada. Obra ambiental de José María Castroviejo, que se centra na produción xornalística deste autor considerado un precursor do ecoloxismo. Na reportaxe semanal farán un percorrido polos aspectos máis destacados da biografía de Castroviejo, e o seu neto Andrés Douglas Castroviejo e o profesor Xosé M. Salgado analizarán a súa personalidade e produción literaria.

O programa conversará ademais cunha das promesas da literatura en portugués, o escritor angoleño Ondjaki, autor, entre outros, do libro de relatos E se amañá o medo.

Abrirá a sección de crítica Armando Requeixo para falar dos tandems literarios, e despois Laura Caveiro comentará a obra de Jean-Paul Sartre As Moscas, traducida ao galego por Xosé Manuel Beiras.

A lectura desta semana corresponde a Gonzalo Navaza, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa tradución do libro As flores do mal. E para rematar o programa, un clásico do cine, o filme de Henry King As neves do Kilimanjaro, adaptación libre da novela homónima de Ernest Hemingway. Todo isto hoxe mércores 15 á noite (00:45) na Televisión de Galicia, ou ben na G-2 (TDT) o venres ás 15:30 horas e tamén a través da súa páxina web.

Libro aberto, programa do mércores 8 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto da Televisión de Galicia o poeta, ensaísta e crítico de arte Xavier Seoane. O autor falará do seu poemario máis recente Do ventre da cóbrega, nunha entrevista gravada na Imprenta Litonor, en Santiago de Compostela.

A reportaxe semanal estará dedicada ao Premio Literario San Clemente, outorgado polos lectores máis novos. Estudantes de diferentes institutos galegos conseguiron que un autor como Haruki Murakami viaxase a España por primeira vez para recoller este galardón. Ademais, o programa inclúe unha conversa en Noia co escritor Xerardo Agrafoxo, que falará da súa última novela O violinista de Malá Strana.

Na sección de crítica literaria Xabier del Valle-Inclán falará do libro de Xosé Ramón Barreiro Fernández O carlismo galego, que agora reedita Laiovento. Despois, Luis Alonso Girgado, especializado en literatura hispanoamericana comentará a obra Purgatorio, do autor arxentino Tomás Eloy Martínez, novela editada por Alfaguara. A lectura desta semana corre a cargo de Xosé Ramón Pena, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra A batalla do paraíso triste. Para rematar, unha reportaxe sobre a publicación de Cantares Gallegos nunha edición bilingüe galego-xaponés revisada e ampliada da primeria tradución que no ano 2002 fixera Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica en Toquio.

Todo isto poderemos velo o próximo mércores 8 de abril á noite (00:45) na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na na G-2 (TDT) o venres ás 15:30 horas ou a través da súa páxina web.