‘Ambiciosas novidades marcan o panorama editorial este outono’

“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.

“Os Sonetos de Shakespeare en galego: o soño dun lector”

Artigo de Xosé Manuel Pereiro en El País (Galicia): “En 1609 editábase en Londres Shake-Speares Sonnets, unha colección de 154 sonetos “never before Imprinted” [nunca antes impresos], que desde o século XIX se veñen considerando unha das cimeiras da cultura universal. Se a universalización dunha obra se pode medir polas traducións, desde finais do XVIII fixéronse unhas 70 versións completas en alemán, e hoxe está verquida desde o latín ao klingon. As traducións ao español do libro completo tardaron (a primeira, Luis Astrana Marín, é de 1941) e non chegan a unha ducia. O galego acábase de incorporar a ese club cos Sonetos de Shakespeare (Edicións Xerais de Galicia). Tanto esa estrea no noso idioma como a última e sen dúbida a máis completa versión ao castelán (en Visor) son de Ramón Gutiérrez Izquierdo (Ourense, 1956). As dúas recibiron as loas máis expresivas por parte da crítica, a pesar de que é a primeira incursión importante no xénero do seu responsable (en 1984 traducira, con Gonzalo Navaza, un libro de Douglas Gifford sobre mitoloxía americana) e, xa postos, tamén na poesía. (…)”

“Escaparate literario de obras galegas en Italia”

“A través da web Insula europea, un grupo de estudosos de diversas literaturas europeas coordinado polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia, Carlo Pulsoni, propoñen diferentes títulos coa finalidade de que as editoriais italianas se animen a traducilos. Unha das literaturas con máis presenza é xustamente a galega coas novelas Un tipo listo, de Xosé Monteagudo, A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda, Pirata, de María Reimóndez, Así nacen as baleas, de Anxos Sumai e Spam, de Francisco Castro. Este espazo virtual pretende ser un punto de encontro para novos investigadores interesados en aspectos culturais (históricos, filolóxicos e literarios) europeos. Ademais da función informativa e integradora, cómpre destacar a iniciativa da Vetrina letteraria que incorpora títulos de obras croatas, checas, portuguesas, romanesas, francesas, holandesas, alemás, españolas, inglesas e tamén galegas. Unha vez que estamos na web. premendo en cada unhas das propostas aparece a portada do libro, unha recensión do contido, a lingua orixinal, a editorial e o contacto da persoa que facilita a información. Deste xeito as editoriais italianas, que doutro xeito terían dificultades para coñecer algunhas obras estranxeiras, sobre todo aquelas procedentes de sistemas literarios minorizados, atopan suxestións avaladas por especialistas e un contacto ao que dirixirse para demandar máis información. A actualización da sección será constante por parte destes expertos de distintas nacionalidades que, no caso de que as editoriais así o soliciten, poderían incluso ofrecer fragmentos traducidos das obras requeridas”. Vía Galaxia.

“As editoriais galegas apostan pola narrativa clásica e contemporánea nas novidades de outono”

“Despois do repouso do verán, as editoriais galegas prepáranse para a recta final do ano cunha oferta que abrangue os xéneros e autores máis diversos. Unha das novidades máis esperadas nos andeis é a das novelas galardoadas nos premios Xerais. O gañador, Xavier Queipo, recupera o xénero de aventuras en Extramunde, un relato de mar e viaxes. Na categoría infantil triunfou nestes premios a ciencia-ficción. A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, fala da creación do primeiro ser humano artificial nunha literatura cargada de fantasía e humor. O terceiro premiado, Héctor Carré, publica a novela xuvenil Febre, unha historia do Oeste situada en terras galegas na que non faltan espías, armas e unha moza que decide non someterse ao destino e forxar o seu propio camiño. Estas tres novelas estarán acompañadas do último traballo de María Xosé Queizán, que presentará nos próximos meses Meu pai vaite matar (Xerais). Outra das novidades estrela será a nova entrega de Domingo Villar protagonizada polo detective Leo Caldas. Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, chega Cruces de pedra (Galaxia), unha novela que arranca coa desaparición dunha muller en Moaña. Nesta editorial publicarase tamén Laura no deserto, o regreso de Antón Riveiro Coello, e Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias. (…)” Vía La Voz de Galicia.

Antonio Raúl de Toro: ”É moi orixinal que a idea desta obra galaicoinglesa xurdira de editores británicos”

Entrevista a Antonio Raúl de Toro en El Progreso:
“- El Progreso: Como xurdiu o encargo de dirixir a antoloxía galega máis completa, con máis de 280 textos, traducidos ó inglés, baixo o título de Breogan’s Liththouse, da editorial Francis Boutle Publishers?
– Antonio Raúl de Toro Santos: A idea partiu dun amigo de Plymouth que é o director, xunto a Alan Kent, dunha colección de literatura e linguas menos utilizadas en Europa e animeime ó saber con que colaboradores ía traballar e finalmente presentamos a obra a finais do ano pasado en varias cidades galegas, así como na Universidade de Oxford, na irlandesa de Cork e é probable que tamén o fagamos no Instituto Cervantes de Dublín. (…)”

A Coruña: actividades do xoves 4 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o xoves 4 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, ubicada, como cada ano, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que permanecerá aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

18:30 h. Presentación da obra gañadora no Premio Barriga Verde 2010, para textos dirixidos para monicreques (modalidade infantil), titulada Fábula galénica, obra de Inacio, escritor, director e fundador da compañía de monicreques Fantoches Baj, que, ao tempo, fará unha lectura narrada da súa obra para os máis pequenos.
19:00 h. Carlos Vázquez Padín asinará exemplares do seu libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, publicado por 2.0 Editora, na colección Supertextos.
19:30 h. Presentación da novela Noah Barleywater escapa da casa, de John Boyne, publicada por Faktoría K. Participará no acto o tradutor do libro, Carlos Acevedo, e un representante da editorial.
20:30 h. Galaxia presenta o libro Cociñando ao pé da letra. Participarán no acto Yolanda Castaño, Andrea Costas, coordinadoras do mesmo, Víctor F. Freixanes, en representación da editorial, e dous escritores que cociñan no libro: Xabier P. DoCampo e Lucía Aldao.
21:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.

Antoloxía de autores galegos na revista electrónica BigBridge, a cargo de F. R. Lavandeira

‘A revista electrónica estadounidense BigBridge ven de publicar no seu nº 15 unha pequena antoloxía de autores e autoras das letras galegas. O coordinador da escolma, o rianxeiro Fernando Ramón Lavandeira Suárez, subliña que “o obxectivo era dar a coñecer algo da nosa literatura actual a un público non moi -por non dicir nada- afeito a ela, como é o estadounidense”. BigBridge amosa unha escolma de once autores contemporáneos, como Miro Villar, María do Cebreiro, Inma López Silva ou Anxos Sumai, tanto en prosa como en verso. Por cada un dos autores o lector da revista pode consultar unha biografía, unha autopoética e unha selección da súa obra. As traducións corresponderon ao propio Lavandeira cara o castelán e de Terri Carrión para o inglés.’ Vía Fervenzas Literarias.

A Coruña: presentación de Lois Pereiro. Unha persecución e recital poético e musical

O xoves 23 de xuño, a partir das 22:00 horas, no Bar Patachim (Beiramar, 16) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira, publicado en 2.0 Editora. Tamén participarán as integrantes máis guapas das Ataque Escampe, David Pobra cunha performance loisista, Arsenio Iglesias Pazos e Haizea Barzenilla cun recital de poemas de Lois traducidos ao euskera, Fayez Khalaf recitando Contra a morte en árabe, e Andrea Nunes Brións, quen iniciará o recital aberto á participación espontánea do público.

Londres: presentación de Books Burn Badly, versión inglesa de Os libros arden mal, de Manuel Rivas

O sábado 18 de xuño ás 11:00 horas, na sala Stevenson Lecture Theatre do British Museum Manuel Rivas presentará Os libros arden mal na súa versión inglesa, isto é, Books Burn Badly, dentro do programa World Literature Weekend. Para esta ocasión estará acompañado por Jonathan Dunne, traductor seu e de moitos textos literarios galegos ao inglés.

Santiago: presentación de TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), de Hakim Bey e Chamamento

O xoves 16 de xuño, ás 19:30 horas, na Gentalha do Pichel (Rúa Santa Clara, 21) de Santiago de Compostela, preséntanse dous ensaios: TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), de Hakim Bey e o anónimo Chamamento, os dous publicados en Axóuxere Editora. No acto intervirán Manu Cebral, Manuel del Río, Rafa Xaneiro e Roberto Abuín.