As Pontes: presentación de Sermos Galiza

O mércores 26 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal (Avenida de Castelao, s/n.) de As Pontes, a Mesa pola Normalización Lingüística organiza a presentación do proxecto Sermos Galiza, coa participación de Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Lugo: presentación de Sermos Galiza

O luns 24 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos  (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, organizada polo Club Cultural Valle-Inclán, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, con Marica Campo, Rubén Lois, Néstor Rego, María Reimóndez e Olalla Rodil.

Edición ampliada de Lois Pereiro. Achegas críticas

“O dosier que Poesiagalega.org presentaba o pasado mes de maio sobre Lois Pereiro conta xa cunha segunda edición ampliada. A nova versión “incorpora unha parte significativa da relevante produción crítica dedicada ao autor con motivo da celebración do Día das Letras”, entre as que se atopan os suplementos publicados en El Ideal Gallego, Faro de Vigo e Xornal de Galicia, así como o catálogo completo da exposición Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi posmoderna. Asimesmo, tamén se poden ouvir e ollar as entrevistas que lle fixeron Ana Romaní e Xosé Ramón Gayoso ao poeta ou diferentes documentos audiovisuais que recollen a celebración do Día das Letras.” Desde Cultura Galega.

Vigo: presentación de Sermos Galiza

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, e organizado pola Asociación Cultural O Castro, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, con Marga Romero e Néstor Rego. Este proxecto convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa.

A Nosa Terra pecha definitivamente

“A edición dixital de A Nosa Terra finalizou o pasado venres 23 de setembro, e con ela remata unha época: a dunha cabeceira recuperada en 1977, coa chegada da democracia. En xullo, a Xustiza decidira a liquidación definitiva de Promocións Culturais Galegas, a empresa que mantiña tanto o semanario como a edición dixital e a editorial. “Ninguén agardaba”, sinala o editorial do medio dixital, “que esta xeira de A Nosa Terra que comezara en 1977 fose tan longa e frutífera”. Fontes da empresa aseguraron que o fondo editorial de Promocións Culturais Galegas -unha histórica do sector cultural en Galicia- seguirá vivo nas librarías durante dous anos: o Consorcio Editorial farase cargo da distribución e do manexo dos dereitos e os autores que editaron con eles pasarán a controlar de novo os dereitos de reedición das obras que publicaran con esta editorial.” Vía Cultura Galega.

A Coruña: presentación do proxecto Sermos Galiza

O xoves 22 de setembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto. Este proxecto convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa.

Santiago: actividades literarias do luns 25 no Festigal 2011

Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias o luns 25 de xullo:

16:00 h. Presentación do libro Todas as mulleres que fun, de Andrea Nunes Brións. Falan: Maria Rosendo, Pepe Árias e Andrea Nunes.
16:45 h. Presentación da novela In vino veritas, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Malores Villanueva e o autor.
17:20 h. Presentación de Ártico 2.0, de Xavier Queipo, publicado en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Alfonso Álvarez Cáccamo e o autor.
17:55 h. Presentación da iniciativa Sermos Galiza, coa intervención de Teresa Moure, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Marga Romero.
18:15 h. Presentación do libro Rosalía, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, editado pola AS-PG.
20:30 h. Presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas, publicado en Galaxia, coa participación de Marga do Val, Francisco Castro e as coordinadoras do libro.
21:15 h. Presentación do libro Falar com Jeito, de Fernando Corredoira, publicado en Através. Participa o autor acompañado por Valentim R. Fagim.

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre a desaparición da versión impresa de Galicia Hoxe

(A Coruña. 29 de xuño de 2011). A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta profundamente a desaparición da versión impresa da cabeceira informativa Galicia Hoxe, que confirma a lenta asfixia á que está a ser sometida a cultura galega e o seu idioma, o que, desta volta, se concreta nun medio de comunicación, acalando a súa voz, o que vén restar luz ao discurso plural e en lingua propia de Galicia que a cidadanía precisa e demanda, nun modelo verdadeiramente democrático e respectuoso coa identidade de seu.
En Galicia Hoxe recoñecemos un traballo progresivo e continuado de apoio aos escritores e escritoras en lingua galega, á estrea das súas obras e mais á translación á sociedade da súa actividade cultural, do seu pensamento crítico a respecto das cuestións que afectan á nosa realidade cultural e social. Sobranceamos, en especial, o omnipresente apoio aos novos escritores, sempre necesitados de páxinas que visualicen e reforcen a comunicación entre o oficio da escrita e o lectorado.
Para alén do fundamental valor informativo, negar o necesario e imprescindíbel apoio dos poderes públicos a un medio de comunicación como Galicia Hoxe, é negar a visualización dos escritores e escritoras de noso, creadores de idioma e no idioma propio e oficial por vontade propia e comprometida. Cómpre salientarmos publicacións como Lecer ou Revista das Letras, con vinte anos de existencia fecunda esta última, alicerces sólidos en que chantar a luz dunha nova xeración de creadores, de poetas que estaban inéditos, ademais de contribuír para consolidalos e conseguiren presenza pública.
A desaparición de Vieiros, A Nosa Terra en papel, A Peneira, Gznación, e agora Galicia Hoxe, poñen de manifesto o continuo baleirado de contidos daquelas encomendas do Estatuto de Autonomía que lle dan a súa razón de ser á existencia dun goberno galego, a respecto daquelas funcións de protección e potenciamento do emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, ademais de provocar o acrecentamento do paro dos profesionais da cultura  tamén no eido informativo.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011

O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo reuniuseo luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado Empoderármonos, de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao “paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres”. Na acta do xurado sinálase que o artigo “fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación”. Ademais, “destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público”.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O accésit concédeselle “pola necesaria reivindicación dos medios en galego, nun momento difícil para eses medios” e pola “calidade de estilo e as referencias intertextuais, tanto a ámbitos literarios como científicos”.
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que terá lugar o sábado 7 no Pazo da Cultura de Carballo, e na que actuará o grupo musical Marful, o teatral Berrobambán e será presentada por Yolanda Castaño.