Nace
Dioivo, un novo medio de comunicación dixital galego, en 29 de Febreiro de 2012: “O Dioivo, en calquera caso, é inminente. E abonda xa de explicacións. Queremos chover xa. Chover e escribir. Escribir e chover. Xornalismo para o país da chuvia. E cando mexen por nós, diremos que mexan por nós, e non outra cousa diferente. Estamos preparadas para contar e contrariar, que é o noso, o mapa de ruta desta publicación. Calquera que algún día soñou con ser independente, e poder dicilo con orgullo, saberá do que estamos a falar.”
Arquivo da categoría: Xornalismo
“Sermos Galiza nacerá en marzo e Dioivo este mes”
Desde Galicia Confidencial:
“[Néstor] Rego, ex-concelleiro do BNG en Santiago, argumenta que o Sermos Galiza nace “como reacción á situación progresiva de desaparición de medios en galego que deixou un espazo baleiro de información veraz, independente e crítica, que ficou reducida a páxinas de escaso seguimento”.
En declaracións a Cuarto Poder o político nacionalista explica que contan contratar entre 8 e 10 redactores para un semanario en papel, cuxa data de lanzamento podería ser abril ou marzo.
Sermos Galiza constitúese cun capital de 320.000 euros, segundo informa Periodista Digital citando ao propio Rego. O promotor destaca a diversidade dos accionistas, uns 900 segundo a plataforma. (…)
Pola súa banda, Marcos Pérez Pena, director de Praza Pública, explica en Cuarto Poder que o novo dixital querería pasar a ser de pago tras un tempo de transición até que o público vise normal pagar polos contidos impulsado polo progresivo cambio de política dos grandes medios. Polo de agora a nova cabeceira, estreada o 1 de febreiro, manterase a base de donativos e aportacións dos patronos dunha Fundación creada ad hoc.
Pérez Pena argumenta que “a oferta de determinados contidos na súa lingua [o galego] disminiu até case desaparecer” e critica o recorte das axudas da Xunta á prensa en galego.
Para completar os movementos nos medios en galego, o 29 de febreiro está previsto o nacemento de Dioivo, “un proxecto que nace da vontade dun grupo de xornalistas desempregad@s da Galiza”, explican os promotores, entre os que están ex-profesionais de Galicia Hoxe e Xornal de Galicia.
Tal e como e xa publicou este xornal, tamén hai outro proxecto xornalistico en cernes que estaría impulsado por xornalistas do desaparecido Xornal de Galicia. (…)”
Abre Praza
“Un
novo medio abre hoxe en Galicia. Praza Pública salta á rede buscando dar unha nova voz informativa na nosa lingua e centrada na nosa realidade. Para alén da aposta editorial, o proxecto busca, nestes tempos de crise, un novo modelo de funcionamento, baseado no compromiso cos lectores. Novagalicia Banco, a incineradora do Irixo ou as últimas entrevistas a Díaz Pardo abren o pano no primeiro día do medio.
(…) Sae co nivel de contidos co que contará a edición dun día calquera, segundo asegura o director do medio, Marcos Pérez Pena. “O groso do proxecto máis estritamente xornalístico está en marcha. Saímos cun nivel de publicación como o que teremos nun día normal”. Faltan unicamente por implementar as partes máis sociais do proxecto. Unha redacción fixa de dimensións reducidas, composta na actualidade por tres persoas, o propio Pérez Pena, Lara Graña e mais David Lomba apoiado por aproximadamente unha decea de colaboradores estables a nivel informativo, entre os que apuntan os nomes de Rosabel Candal, Marga Tojo, Alberto Ramos, Montse Dopico, Miguel Pardo, Belén Puñal, Laura Ruíz, Rebeca Fernández, Marcos Sueiro ou Roberto Noguerol. A eles sumaranse aínda colaboracións concretas “Contactamos cunha rede bastante ampla, porque hai moitísimos xornalistas que non teñen traballo ou están a a traballar como freelance para medios onde non poden elaborar a información que quererían. Saímos con xente que, non por casualidade, participou en proxectos como Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe ou Xornal“, lembra o director. Canda a isto, o medio aposta por un nutrido cadro de colaboradores de opinión, no que se atopan un bo feixe de nomes de peso canda a plumas novas. (…)”. Desde Cultura Galega.
Ultímase o lanzamento de Dioivo, un novo proxecto xornalístico en galego
“Un
medio de comunicación, dixital e en galego. Esta é a proposta de Dioivo, a cabeceira que un grupo de xornalistas “parados de diferentes grupos de comunicación” está a ultimar e que verá a luz en breve. Segundo explican no seu web, o novo medio funcionará baixo a forma dunha asociación cultural e pretende achegar “reportaxes, crónicas, entrevistas, blogs, humor gráfico, vídeo, opinión… que cuestionan, desde o medio dixital, a vixencia dos xéneros e de certos tópicos informativos”.” Vía Cultura Galega.
Ao pé de Isaac Díaz Pardo
Ampla
reportaxe en El País (Galicia) sobre Isaac Díaz Pardo:
“Como na célebre admonición de O home que disparou a Liberty Valance, cando o feito muda en lenda, hai quen escolle imprimir a lenda. Mais nas idas e vidas, nos contubernios e nos debates, no labor cotián e nas ideas excepcionais, que orixinaron a refundación de Sargadelos, resulta difícil separar a fariña do farelo. As discusións durísimas e os enfados entre os inseparábeis Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane quedaron documentados nun volcánico volume de cartas, publicado por Do Castro en 2004, en que o combate dialéctico e a fidelidade a unha utopía funcionan como motor. Mais unha vida de proxectos en común non colle en ningún papel. Tampouco o relato de como era o día a día ao carón de Díaz Pardo, ese que viviron os seus colaboradores máis achegados durante anos. (…)”.
No mesmo medio, tamén se recollen aportacións sobre a súa figura de Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Pepe Barro ou Xurxo Borrazás.
Álvaro Cunqueiro na prensa galega
“Hoxe
a presenza de Álvaro Cunqueiro é importantísima na prensa do país. Deixámosvos aquí algunhas mostras, como son o suplemento completo, en PDF, que lle dedica o Faro de Vigo a quen fora durante tantos anos o seu director. Á súa vez, La Voz de Galicia centra practicamente toda a sección de Cultura no autor de Mondoñedo.” Vía Galaxia.
Dez medios únense para concienciar da importancia da comunicación en galego
“No
marco da feira Terractiva, en Arzúa, presentábase este sábado, 17 de decembro, a campaña Vitaminas para o galego. Dez medios na nosa lingua, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza pública, Radiofusión, Tempos Novos, Certo.gl, Quepasanacosta, O Sil, Valminor.info e Crónica3 participan neste proxecto que quere concienciar a sociedade da importancia de contar con medios na nosa lingua. O proxecto desenvolverá ao longo dos vindeiros meses concertos, presentacións e relatorios por todo o país, e editou xa diferentes elementos promocionais como paraugas ou calendarios. Segundo apuntan os promotores, un dos obxectivos da iniciativa é “axudar á supervivencia dos medios na lingua do país, así como impulsar o nacemento de novas cabeceiras”. Vía Cultura Galega.
Vigo: faladoiro Álvaro Cunqueiro, xornalista
O
xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, terá lugar un faladoiro sobre Álvaro Cunqueiro, xornalista, organizado polo Consello da Cultura Galega, no que participan Víctor F. Freixanes, Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Ceferino de Blas.
Crónica posterior en Galaxia.
Marín: presentación de Sermos Galiza
A
quinta feira, 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Marín, decorrerá o lanzamento público de Sermos Galiza en Marín. Participan neste acto Marga Romero, Francisco Carballo e Xosé Lois o Carrabouxo. A Asociación Queremos Galego Marín, organizadora do acto, agasallará os asistentes cunha actuación musical de Carmen Gallego, Laura Romero e César Loureiro.
A Coruña: presentación de Praza Pública
O
xoves 10 de novembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), preséntase o xornal Praza Pública. No acto intervirán Marcos Pérez, Manuel M. Barreiro e Filipe Díez.