Compostela: Simposio O libro educativo na era dixital

O libro educativo na era dixital é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organiza en novembro a Asociación Galega de Editoras e o Departamento de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago, en colaboración con CEDRO, Consello da Cultura e a Xunta de Galicia.
Terá lugar no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, os días 21 e 22 de novembro. Este simposio reúne a diferentes expertos e promotores da edición de libro educativo coa finalidade de ofrecer formación sobre a actualidade ao sector e ao público en xeral. Trátase dun encontro profesional onde se conversará, debaterá e reflexionará sobre o libro educativo na era dixital, a transmisión do coñecemento no ensino e a convivencia do libro en papel e do libro dixital.

PROGRAMA

Xoves, 21 de novembro
Mañá
09:30 h. Entrega de documentación
09:45 h. Inauguración
10:00 h. Conferencia apertura: Antón Costa. Visión histórica da educación en Galicia
12:00 h. Pausa-café
12:30 h. Panel de experiencias: Editar libro educativo.
Belén López, Baía Edicións
Edicións do Tambre
María Xesús Gómez, Rodeira
14:00 h. Remate da xornada
Tarde
16:30 h. Mesa redonda: Proxectos educativos dixitais.
José Moyano, presidente de ANELE
Ana Guerra (Obradoiro) e Xosé M. Moo (Xerais)
Susana Trigo, profesora
18:30 h. Mesa redonda: As ferramentas da educación.
José Javier Pintor, asesor de formación do CFR A Coruña
Xesús Rodríguez, pedagogo
Olga Patiño Abeixón, AS-PG
19:30 h. Remate da xornada

Venres 22 de novembro
10:00 h. Mesa redonda: O futuro da educación
Fernando Lacaci, presidente Confederación de ANPAS galegas
Manuel Bragado, pedagogo e editor
Paula Fernández Seoane, editora e profesora
12:00 h. Pausa-café
12:30 h. Conferencia de peche: Gregorio Luri. Sen educación non hai lectura.
14:00 h. Remate da xornada

MÁIS INFORMACIÓN:
Asociación Galega de Editoras
s.tecnica@editorasgalegas.gal
tel. 881 81 72 64 – 609 83 15 11

[O evento será difundido en streaming a través da canle de Youtube e das redes sociais da AGE]
Organizan: Asociación Galega de Editoras e Concello de Santiago
Colaboran: CEDRO, Consello da Cultura e Xunta de Galicia
Deseño cartelería: Ana Seixas

Compostela: presentación de Os exvotos na relixiosidade popular galega, de Xosé Fuentes Alende

O 21 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, preséntase Os exvotos na relixiosidade popular galega. A súa dimensión patrimonial, de Xosé Fuentes Alende, publicado por Andavira Editora, que obtivo o I Premio de Investigación Olimpio Arca do Concello de Cuntis e publicado por Andavira Editora. No acto, xunto ao autor, participa Xosé Manuel González Reboredo.

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con María Casar, arredor de Luísa Villalta

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con María Casar, arredor de Luísa Villalta, celebrado o pasado 16 de novembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Gres, Vila de Cruces: Encontro literario con Rosa Aneiros

O domingo 24 de novembro, ás 17:00 horas, na Fundación Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces), no marco dos Encontros Literarios en Gres, terá lugar un encontro con Rosa Aneiros. Trátase da segunda sesión deste programa que comezou co coloquio mantido con Lois Alcayde e que coincidiu coa lembranza adicada a Anisia Miranda, de quen se cumpriron dez anos do seu pasamento. Destavolta, a autora de títulos como Resistencia ou Xelís, o guieiro das botellas de mar, que vén de obter o premio Merlín de Literatura Infantil, falará da pegada da obra de Neira Vilas na súa experiencia na lectura e na escrita. Departirá cos asistentes encol do seu taller de escritura, da súa concepción da escrita para a nenez e para os adultos ou dos temas que adoita tratar nas súas obras e da súa relación coa realidade social do noso tempo. O coloquio estará moderado por Mariluz Barreiro, profesora de lingua e literatura galega e veciña da aldea de Gres.

A Coruña: XXIII Memorial Ibán Toxeiro

“Berta Dávila intérnase na ficción do eu”

Entrevista de Daniel Salgado a Berta Dávila en Sermos Galiza:
“”Durante moitos meses, espertei cedo cada día para non escribir nada. Despois tío Carlos morreu e pensei que necesitaba buscar o principio de todo isto. Así que que volvín a este cuarto de hotel. Agardaba atopalo igual que o deixara a outra vez”. O primeiro parágrafo de Carrusel (Galaxia, 2019) é xa unha especie de mapa secreto para as súas 121 páxinas. Así, no último libro de Berta Dávila (Compostela, 1987) hai un complexo xogo de tempos narrativos, certo enfrontamento coa finitude, a vontade de escribir contra vento e maré e a imposibilidade case física de facelo, tabús que se veñen abaixo, o outro como liberación e ás veces condena.
“Eu estaba escribindo sobre diferentes cuestións, como cabaliños nun carrusel que soben e baixan”, explica Dávila a Nós Diario, “pero decateime de que todo xiraba arredor dun mesmo asunto concreto. Decidín que precisaba un soporte e busquei un modelo”. Ese núcleo implícito era a doenza mental, o tema do que, nas súas propias palabras, a autora se agochaba. “Agora, cando lembro o tempo breve que pasei no hospital, ao tratar de facer un relato do que non posúe unha narrativa propia, vén á miña cabeza aquela canción terríbel de Johnny Cash, The beast in me“, afirma a voz en primeira persoa que enfía a obra.
A escritora cavilou cada movemento co que se internaba no subxénero da autoficción ou ficción do eu. Non excesivamente practicada na literatura galega -exemplos máis ou menos recentes son A identidade fascinada (Galaxia, 2015), de Antonio Piñeiro, ou Os xornalistas útópicos (Xerais, 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais, 2016), de Manuel Veiga-, asédiana a confusión e o pudor, a malinterpretación e a nugalla crítica. “Carrusel está moi meditado”, sinala Dávila, “porque unha sabe a que tipo de preguntas se enfrontará. Mais sucede con este libro algo que me interesa: hai certa vergoña á hora de preguntar sobre a súa cuestión central [a doenza mental] de maneira directa”. En todo caso, ela tomou a decisión de non respondelas. “Mais non me incomodan, sería inxenua se o fixese”, engade.” (…)
O tempo e o mecanismo ao respecto deseñado pola autora é outro dos elementos fundamentais de Carrusel. “Xogo con el desde unha perspectiva emotiva e non sucesiva”, afirma. A narración é como simultánea, ás veces circular pero con altos e baixos tal o propio carrusel, formulada por Dávila a xeito de tea. “Nela fanse dobreces e fragmentos da mesma acadan así intimidade absoluta”, esténdese. O reto era descubrir as maneiras en que unha emoción conecta cunha música que “sentías de adolescente, escoitas nun bar e de súpeto estás tan perdida como aos 15 anos”. (…)”