Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 27 de xuño

O 27 de xuño comeza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

12:30 h. Pregón a cargo de Inma López Silva.
18:00 h. Cándido Paniagua Pousa asina O caderno de erros na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
19:00 h. Presentación de Beleza vermella de Arantza Portabales, publicado por Galaxia. Acompañando á autora estarán Diego Giráldez e Francisco Castro.
19:00 h. Raquel Senra, ilustradora de Conto de travesía das musas, asina na caseta da Libraría Don Papel.
19:45 h. Presentación dos tres primeiros títulos da colección Feminismos da Editorial Galaxia: Chámame señora, pero trátame coma a un señor de Inma López Silva; Feminicidio de Carme Adán e Ám@me de Chis Oliveira e Amada Traba. Acompañando ás autoras estará Francisco Castro.
20:30 h. Presentación de Por puntos de Manuel Portas. Acompañando ao autor estarán Xina Vega e Carlos Lema.

O CDG repón Neorretranca e posmorriña no Salón Teatro cun encontro co público e funcións inclusivas e de conciliación

Desde o Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) repón no Salón Teatro de Santiago o seu espectáculo Neorretranca e posmorriña, dirixido por Gena Baamonde, que poderá verse na sede da compañía pública entre mañá xoves e o vindeiro domingo, antes de se despedir do público o 5 de xullo cunha función no Teatro Afundación de Vigo.
Esta será a segunda estadía da montaxe en Compostela, onde desenvolveu unha primeira quenda do 11 de abril ao 5 de maio para iniciar, a continuación, unha xira por outros seis escenarios galegos. Desta volta, o Salón Teatro acollerá catro novas representacións desta proposta arredor da identidade galega, que inclúe un encontro co público tras o pase de mañá, unha función inclusiva o venres e o domingo de conciliación do día 30, con cambios nos horarios habituais para se adaptar á temporada de verán: de xoves a sábado, ás 21,00 h., e o domingo, ás 19,30 h.
Tras a función de mañá, retomarase así mesmo o programa Encontros co Público, posto en marcha polo Centro Dramático Galego para lle ofrecer aos espectadores a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico das súas producións propias e doutras das propostas exhibidas no Salón Teatro.
Teatro inclusivo
En canto á función do venres, dáse continuidade á aposta da compañía pública por facilitar a inclusión nos seus espectáculos a través da tradución simultánea á linguaxe de signos e a elaboración dun programa en lectura fácil, así como da audiodescrición e da reserva de espazos para cadeira de rodas. Para a organización deste pase, cun prezo especial único de 5 euros, vólvese contar coa colaboración da ONCE, da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física de Galicia (Predif).
Ademais, nesta reposición de Neorretranca e posmorriña volverá celebrarse un novo Domingo de Conciliación, un servizo gratuíto pensado para que as nenas e nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo.
Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, impartirá este novo obradoiro na Fundación Granell, onde a cativada pasará unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.
Esta iniciativa, incluída no prezo da entrada, desenvolverase de 19,00 a 22,30 h para un máximo de 30 prazas, que poden solicitarse tanto no despacho de billetes do Salón Teatro (aberto desde mañá ao sábado, de 19,00 a 21,00 h., e o domingo, de 17,30 a 19,30 h.) como no correo centro.dramatico.galego@xunta.gal e no teléfono 881 867 229 (ata o venres, de 9,00 a 14,00 h.)”

A Axenda Cultural chega aos 20000 artigos publicados

A semana pasadaAELG Logo 1-2015 a Axenda Cultural da AELG superou os 20.000 artigos publicados desde o seu inicio, en 2007.

Aproveitamos para agradecer e dar os parabéns a todas as persoas que día a día tecen co seu esforzo e creatividade o traballo colectivo, persistente, variado e incesante da literatura galega, que alimenta e dá vida esta Axenda.

Ricardo Carvalho Calero, Día das Letras Galegas 2020

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a escolla de D. Ricardo Carvalho Calero como persoa a quen se dedicará o Día das Letras Galegas en 2020 por parte da Real Academia Galega.

Membro de Honra da AELG desde a súa fundación, as súas achegas ao sistema literario galego son fundamentais para unha visión máis completa da nosa lingua e literatura, desde a súa condición de ensaísta, poeta, narrador e dramaturgo.

Publicación da III Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX, e a Secretaría Xeral de Igualdade veñen de publicar a III Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade. Esta publicación pretende destacar aqueles libros que superan a discriminación de xénero, salvando estereotipos, prexuízos e roles de corte tradicional. Os libros que aparecen nesta selección (publicados nos anos 2014, 2015 e 2016) ofrecen modelos de muller e de home acordes coa actualidade.
As 51 obras distribúense en tres tramos de idade: primeiras lecturas, lecturas autónomas (a partir de 8 anos) e lecturas expertas (a partir de 12 anos).
Este volume, xunto cos dous anteriores, axuda a profesores, bibliotecarios, pais e nais, a escoller un tipo de lectura que, ademais da calidade literaria, sirvan para darlles a rapazas e rapaces necesitan novos personaxes cos que identificarse.
A elaboración da Guía estivo coordinada por Pilar Sampedro.