A escritora María Reimóndez, Premio dos Clubs de Lectura 2019

Desde as Bibliotecas Escolares de Galicia:
“Na XII Xornada dos Clubs de Lectura, que reunirá o 7 de xuño de 2019 en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura en 243 centros adheridos á convocatoria desta consellería, entregarase o Premio dos Clubs de Lectura 2019 á escritora María Reimóndez.
O pasado 23 de abril, a D.X. de Centros e Recursos Humanos publicaba unha Resolución pola que se concedía este galardón a María Reimóndez por ser a escritora galega máis lida nos clubs de lectura. Aínda que na relación de autores e autoras máis lidas polos clubs de lectura no pasado curso 2017/2018 María Reimóndez aparece cuarta na lista, cómpre lembrar que este premio só se entrega a autores/ as en vida e que cada autor e autora pode recibilo unha soa vez.
É de salientar que entre os títulos máis lidos polos clubs de lectura no curso 2017/2018 aparecen títulos de María Reimóndez como Corredora, A dúbida, Dende o conflito, As cousas que non queremos oír ou Moda galega.
A escritora afirma que a literatura contribúe a conformar valores e ten que servir para construír outro mundo. Así Genet, a atleta etíope protagonista de Corredora, quere mostrar ao mundo enteiro do que son capaces as invisibles. Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro.”

Xosé Antonio Neira Cruz faise co XXI Premio de Narración Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo

Desde o Concello de Lugo:
“O xurado profesional do XXI Certame de Narración Curta Ánxel Fole, posto en marcha polo Concello de Lugo, decidiu outorgar o premio deste concurso a Xosé Antonio Neira Cruz, pola obra titulada Veleno de tinta imprensa.
Os membros do xurado reuníronse baixo a presidencia, con voz e sen voto, da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Estivo composto por Luz Darriba, artista multidisciplinar; Xosé Cid Cabido, gañador da edición anterior deste certame; Manuel Bragado, ensaísta, crítico e editor, e como representante de Edicións Xerais de Galicia.
A entidade local convoca cada ano este premio para novelas breves ou libros de relatos, que está dotado cun único premio de 4.000 euros, ademais da publicación da obra premiada a cargo da editorial Edicións Xerais de Galicia.”

Ferrol: actos destacados do 27 de abril na Feira do Libro 2019

O 27 de abril finaliza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

17:30 h. Carla Reyes Uschinsky asina Case iguais, na caseta da Libraría Cortizas.
18:30 h. Leandro Lamas asina na caseta de Edicións Embora.

Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (II)

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Presentación, por Mercedes Queixas Zas:

Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Joan Elies Adell i Pitarch:

Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Ana Luísa Amaral:

Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Suso de Toro:

Mesa redonda Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Debate: