Cambados: actos destacados do 21 de xuño na Feira do Libro 2019

O 21 de xuño continúa a Feira do Libro de Cambados (no Paseo Calzada, con horario de 10:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Concerto-presentación de Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
18:00 h. Sindo Mosteiro asina exemplares de A torre e a sombra, na caseta da Libraría Ramón Cabanillas.
19:15 h. Presentación de Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza, de Pepe Barro, publicado por Xerais. Con Víctor Caamaño.
19:30 h. Ledicia Costas asina exemplares de Infamia na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Presentación de Singamia 1.1, de Ramón Caride, publicado por Xerais. Coa participación do ilustrador Manuel Bustos.
20:00 h. Maribel Iglesias asina exemplares de Asorey, escultor galego na caseta da Libraría Ramón Cabanillas.
21:00 h. Presentación de Por puntos, de Manuel Portas, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estará Francisco Martínez Bouzas.

Entrevista a Patricia Mallo sobre Os Fantom

Entrevista de Fervenzas Literarias a Patricia Mallo:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Vén de publicar Os Fantom (Galaxia), onde relata os disparatados sucesos que acontecen a unha familia de fantasmas durante as súas vacacións. A súa primeira novela, Os Cabezombis na Mansión Espello (Galaxia), estaba protagonizada por uns zombis un pouco toleiráns. Que é o que lle atrae destes seres tan pouco convencionais para que sexan os protagonistas das súas novelas?
– Patricia Mallo (PM): Gústame facer rir aos lectores, por iso procuro crear personaxes orixinais que vivan situacións moi divertidas. Penso que os cativos teñen moito sentido do humor e agradecen atopar persoas ou seres que saen do convencional.
Para a miña primeira novela imaxinei cinco zombis inquedos que metían en problemas ao protagonista, creando situacións cómicas. Na segunda obra os protagonistas son unha familia de fantasmas que non entende o modo de vida das persoas vivas, polo que van de enredo en enredo.
– FL: A mestura do mundo fantástico coa realidade cotiá desempeña un papel destacado na súa obra, incluso para ensanchar literariamente os límites da realidade.
– PM: A propia infancia funciona deste modo. Os cativos teñen unha imaxinación tan ampla e creativa que lles permite mesturar realidade e ficción de forma natural. Cando crecemos, a fantasía queda a un lado e por iso a buscamos nos libros ou nas películas.
Eu trato de escribir dese modo, mesturando o mundo real e o mundo imaxinario como se fosen complementarios.
– FL: “O mellor de estar morto, é que xa non podes morrer de novo”. É a frase coa que abre Os Fantom. Saca a relucir dunha forma clara, directa e desenfadada o tema da morte. Pensa que é bo que o neno se achegue ao tema da morte?
– PM: O primeiro que pensei cando tiven a idea desta novela era que os fantasmas deben ser xente moi feliz, xa que poden facer todo o que lles pete. Ademais, viven moi tranquilos porque nada lles pode facer dano.
O tema central do libro non é morte, pero como a morte forma parte da vida a trato dun xeito desenfadado.
De todos modos, os cativos se achegan ao libro con moita naturalidade. Para eles os fantasmas son uns personaxes completamente normais. (…)”

A Central Folque publica Sindo de Olelas. Concertina galega

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Central Folque publica Sindo de Olelas. Concertina galega. Neste Diario cultural falamos co autor da obra, Xurxo Souto, e con Placeres, viúva de Sindo de Olelas.
Unha conversa na facultade e unha viaxe a Olelas foron os primeiros pasos para descubrir o universo agochado nunha aldea galega. Música e tradición que agora quedan plasmadas no libro de Xurxo Souto.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Helena González Fernández: “Propoño unha lectura de Rosalía a través das súas figuras femininas: voces, corpos, experiencias diversas”

Entrevista de Montse Dopico a Helena González Fernández en Praza:
““Deberás desbotar inercias, rexeitar prexuízos e disporte a ler desde o “triángulo das furias”, como di Ana Romaní; desde a reviravolta exacta en que se albisca a revolta silandeira das mulleres”. Con palabras coma estas comeza o limiar do libro Rosalía feminista, (Xerais), da profesora Helena González. Que, xa o di ela: non é unha escolma máis, senón un reto. Un convite a tomar un camiño, na lectura de Rosalía. Unha senda na que da emoción pode partir a loita contra a opresión do patriarcado. Falamos coa autora. (…)
– Praza (P): Eras ti a que falaba, hai xa tempo, en relación con iso, do “paraugas totalizador” no que se convertía a nación, tapando outros aspectos coma o feminismo.
– Helena González Fernández (HGF): Si, o concepto non é meu: é “totalizing umbrella” en inglés, e eu traducino como paraugas totalizador. O que pasa é que cando coinciden o discurso da nación e o discurso da muller o discurso da nación acaba por comportarse como o que atinxe a todo o conxunto, e o discurso da muller como se só atinxise a unha parte do conxunto: as mulleres. Así é como se formulaba o tema naquel momento, pero a estas alturas xa somos capaces de interceptar discursos… O que quería dicir é que Rosalía non só escribe a nación. Rosalía escribe as mulleres e a nación, por esta orde: primeiro as mulleres e despois as mulleres e a nación. (…)
– P: Como fixeches a selección dos poemas? Poderían ser máis, ou outros…
– HGF: Facendo unha lectura integral da poesía de Rosalía en galego e en castelán, aínda que acabei optando máis polos textos galegos. Primeiro saíronme como a metade máis de poemas, pero entendía que unha antoloxía ten que ter uns límites razoables. Fun detectando, entón, as reiteracións. Nas figuras por exemplo. Unha das figuras principais é a da muller diante do matrimonio, que representa o desafío da muller diante do principal atranco para que as mulleres poidan ser suxeito. Por iso hai tantos poemas no libro sobre o amor: contra a sedución, contra o amor romántico, contra o matrimonio…
Un dos elementos que quixen achegar con esta antoloxía foi tratar de facer que os poemas falen entre eles. É o caso de San Antonio Bendito: eu poño primeiro o San Antonio Bendito de Cantares Gallegos e seguido o poema de San Antonio de Follas Novas. Se non van xuntos, non se entende. E eu non aviso de quen fala: unha moza nova. Pero a continuación vén un poema que fala en contra do matrimonio, e así enténdese o conxunto.
En calquera caso: cando eu pensaba esta antoloxía, non pensaba no que Rosalía pensa. Unha interpretación da súa poesía en clave biográfica pode levar a excesos. E o que eu propoño é unha lectura a través das figuras femininas: de corpos e experiencias de distintas mulleres. Porque en Rosalía non hai unha única muller que fala, senón moitas mulleres que teñen vidas diferentes e toman decisións diferentes: as mozas, as vellas, as suicidas -unha figura que non se adoita destacar de Rosalía, que son mulleres que toman decisións tan difíciles como tentar acabar coa súa vida- e moitas máis: as viúvas, as viúvas de vivos…
No relato dominante, se casas serás feliz. En Rosalía, as viúvas están soas, sofren moito, pero tamén son suxeitos de ira e outras emocións e son quen de facerse cargo de si mesmas. E para facer unha lectura completa hai que entender isto. Elas quedan soas cando o home emigra, sofren unha dor infinita, tentan suicidarse sen conseguilo e finalmente deciden marchar elas tamén á emigración porque na Galicia que coñecen non conseguen vivir. E isto, ao que moitas veces non se dá importancia, é politicamente moi relevante. Na visión tradicional, a viúva de vivo é unha nai que queda soa esperando a que el volva… (…)”

Informe Anual da Cultura en Santiago de Compostela (2018), por Marcos Lorenzo

O Concello de Santiago de Compostela encargou a Marcos Lorenzo un estudo estatístico sobre a situación da cultura no municipio. O autor compartiu o resultado dese traballo, confeccionado a partir da consulta a 63 fontes estatísticas oficiais e da implementación dun cuestionario dirixido a 322 axentes socioculturais da cidade. Pode descargarse aquí.

Unha “peza teatral aberta” de Ana Abad gaña o II Premio Vidal Bolaño

Desde Sermos Galiza:
A sombra das árbores é unha proposta teatral de corpo poético onde movemento e palabra cobran especial importancia. Preséntase como unha peza teatral aberta onde a dirección, xunto co grupo de actrices e actores, construirá desde ese non lugar un escenario simbólico poboado por un bosque de sombras”. Eis, sinteticamente, os argumentos do xurado do Premio Vidal Bolaño, que decidiu distinguir o traballo de Ana Abad de Larriva.
A sombra das árbores gañou así a segunda edición dun certame que ten “como finalidade animar á escrita de pezas teatrais dirixidas ao público mozo, é dicir, ao alumnado da ESO e Bacharelato”. Dotado con 2.000 euros e mais coa publicación na colección Costa Oeste, do xurado fixeron parte as dramaturgas Raquel Castro e Carlos Labraña, a actriz Mónica Camaño e o profesor Delio García Represas.
O galardón convocárono a Editorial Galaxia, o Concello do Porriño e o equipo de dinamización lingüística do IES Ribeira do Louro. O sábado 29 de xuño, no mencionado instituto, Abad de Larriva recibirá o premio.”