Este sábado, 23 de febreiro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, Elsinor Teatro presentará O palco e as lúas, escrita e dirixida por Manuel Lourenzo.
Bueu: presentación de As ramonas, de Ana Cabaleiro
Cuntis: presentación de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga
Vigo: “Con saias e a galope, conversa entre Inma López Silva e María Xosé Queizán
A emblemática libraría viguesa Andel anuncia o seu peche
Desde Sermos Galiza:
“Dúas décadas de existencia. Eis o tempo de vida dunha das máis emblemáticas librarías de Vigo, Andel, especializada en libro galego e portugués e que esta quinta feira anunciaba o seu peche nas redes sociais.
“Hoxe, 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, anunciamos o peche do espazo libreiro Andel. Na vindeira semana comezará a liquidación de fondos bibliográficos e discográficos até o 30 de marzo”, escribían na súa conta de twitter.
Curiosamente, Andel iniciou a súa andaina no mundo virtual. Andel Virtual chamouse, xustamente, a páxina web coa que, da man de Xaime Nogueira, foron pioneiros na venda por Internet de libro galego e portugués. Dous anos despois abriron o local da avenida das Camelias, en Vigo, duns 100 metros cadrados e “co fin de dispor dun lugar onde achegar aos interesados ao libro e á cultura galega onde celebrar actos, encontros, presentacións de libros, exposicións…”.
De feito, Andel funcionou como epicentro vigués para o libro galego. O ex director de Xerais, Manuel Bragado, confesábase “conomocionado” pola noticia: “Outro síntoma da fraca saúde do noso tecido libreiro, máis aínda o especializado en lingua galega. Moitos abrazos de gratitude para Xaime Nogueira artífice dunha fantasía necesaria”.”
Arteixo e Ponteareas acollen esta fin de semana #camiños, de ButacaZero en coprodución co CDG
Rematada a
xira de Voaxa e Carmín, ButacaZero, non para. Catro meses despois de estrear Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], chegou aos teatros #camiños, unha peza de teatro físico, poético e moi político que pecha unha triloxía sobre a memoria e que chega agora a Arteixo e Ponteareas. En Arteixo a cita será o venres 22 de febreiro ás 20:45, no CCC de Arteixo. En Ponteareas, o sábado 23, comezará ás 20:30 no Audiotiro Reveriano Soutullo.
A nova peza da compañía vén avalada ademais polo Centro Dramático Galego, que coproduce a obra. Foi precisamente no Salón Teatro onde veñen de estar durante dúas semanas de residencia técnica no mes de xaneiro, cando se estreou a obra, o pasado 25 de xaneiro de 2018. Para este 2019 a xira contempla, entre outras, as paradas en Arteixo, Ponteareas, Lalín, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa ou Tomiño.
A OBRA
Con Voaxa e Carmín, Carrodeguas quixo abordar a memoria histórica. Con Na butaca, a memoria individual. E desta vez, trátase de levar a escena a memoria do noso pobo: o galego. #camiños nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
AS CHURRASCAS
“aDiosRíos_aDiosFontes”, é o título do primeiro “hit” d’As Churrascas -grupo musical nacido para a peza teatral e composto polas cinco actrices- e no que cantan (e bailan), a Rosalía de Castro, sobre base electrónica, masterizada por Diego Barreiro (Producciones Bo Peixe). O videoclip nace para dar visibilidade á proposta teatral e como resulta evidente, é unha nova versión, neste caso electrónica, do coñecido poema de Rosalía de Castro “Adiós ríos, adiós fontes”. Tanto o single como a coreografía formarán parte da proposta teatral, xunto con outras dúas pezas que se poderán escoitar (e disfrutar) durante o espectáculo en rigoroso playback. O videoclip, grabado en diversas localizacións entre as cales o monte queimado de Chandebrito ou o encoro seco de Eiras, veu realizado por Fran X. Rodriguez (I do Visual), quen levou o Mestre Mateo o pasado ano, precisamente, polo videoclip “Restos de un naugfragio” de Igloo. (…)”
Yolanda Castaño crea a Residencia Literaria 1863
“Situada na emblemática rúa coruñesa Rego de Auga, a poucos pasos de onde naceran a Real Academia Galega e as Irmandades da Fala, eríxese o histórico edificio de 1863 que alberga o novo e meirande proxecto da poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.
Logo de 25 anos dedicados profesionalmente á creación, divulgación e xestión cultural no eido da poesía, Castaño afronta na súa iniciativa máis ambiciosa, que promove a produción de escrita creativa e a internacionalización da literatura galega.
Do ano en que se publican os Cantares Gallegos de Rosalía e se dá inicio ao Rexurdimento Literario datan os muros de pedra dun espazo que se enfoca por enteiro ao traballo creativo. Nunha vía histórica do corazón da cidade, fronte á Biblioteca Provincial e con vistas á dársena Coruñesa, a Residencia Literaria combinará as doses necesarias de sosego e estímulo para avivar a inspiración.
A Residencia Literaria 1863 establecerá convenios e colaboración con entidades estranxeiras dedicadas á promoción das letras que se resolverán en bolsas de creación en residencia dun mes de duración. Así, escritores e escritoras de todo o mundo profundarán no seu traballo literario mentras se integran na vida cultural coruñesa, lonxe das distraccións e obrigas da rutina cotiá.
Un dos nomes máis importantes das letras mundiais, Premio Nacional do seu país, figura histórica da literatura de ámbito hispanoamericano, será o primeiro residente deste novo espazo coruñés. En moi próximas datas desenvolveremos a primeira das accións con este admirado persoeiro.
Sendo Castaño a autora galega que acumula máis bolsas en residencia (en países como China, Alemaña, Grecia ou Escocia), xunto á súa experiencia como autora convidada en máis de 30 países distintos, trae agora para o panorama literario galego as vías de exportación da excelencia literaria.
Ante a falta de circuítos e as eivas históricas existentes na política cultural en materia de proxección exterior –nomeadamente, da nosa escrita– esta iniciativa abre novos e crecentes horizontes dende a militancia sensible de quen sabe o que é abrirse paso no oficio literario procurando a súa dignificación.
Un proxecto pioneiro e sen parangón na nosa contorna, que promove a divulgación, a profesionalización e a internacionalización da literatura galega.”
Miño: presentación de A vida é dura antes dos 18, de José Luis Graña Muíño
A Coruña: presentación de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga
Cambados: Xornada Vocacións e ideais de Plácido Castro
Desde o Consello da Cultura Galega:
“Plácido Castro (1902-1967) é un dos símbolos máis sobranceiros do universalismo galeguista. Pola súa orixe e a súa formación, foi unha rara avis no galeguismo dos anos trinta. Humanista, anglófilo e erudito, ao longo da súa vida desenvolveu tres vocacións principais: a tradución, o xornalismo e o compromiso político con Galicia.
Na súa traxectoria son de grande importancia os períodos británicos. O primeiro discorreu na súa nenez e mocidade e influíu na súa formación humanista e intelectual. O Plácido de “sólida cultura e fondas inquedanzas”, como recoñecían os seus coetáneos, acreditouse como un admirador do respecto dos británicos pola identidade, radicando nesa actitude de autoaprecio a principal forza do seu espírito. Na rica vida cultural da súa contorna, Plácido desenvolveu as súas arelas polas artes, o teatro, a música, a poesía etc., que conservaría ao longo de toda a súa vida.
A segunda etapa británica discorreu tras a Guerra Civil. Os camiños da vida levaron de volta a Plácido a Londres, onde colaborou varios anos coa BBC, sen perder o contacto con Galicia. Dende alí participou nos primeiros programas en galego do mundo da radiodifusión e tamén nos emitidos en español e inglés, ao tempo que mantiña a colaboración con algúns outros medios estranxeiros.
O universalismo é a chave que permite acceder ao seu pensamento, quizais un dos máis estruturados do galeguismo de comezos do século pasado. Plácido non é só universalista por convicción política, senón porque ese é o seu xeito de existencia, fondamente interiorizado e derramado en todos os ámbitos. Desde Londres ou O Salnés, Plácido apostou sempre por modelos de modernización de Galicia que preservasen o noso contorno e fixesen da nosa forma de ser e de estar un patrimonio universal.
Esta xornada, organizada pola Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega e o Concello de Cambados, en colaboración coa Fundación Plácido Castro, e coordinada por Xulio Ríos, pretende afondar nos tres eixes que marcaron a vida de Plácido Castro: tradución, xornalismo e universalismo.
PROGRAMA
Centro ExpoSalnés
Paseo da Calzada, s/n
36630 Cambados
22 de febreiro
16:00 horas
Inauguración
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Fátima Abal Roma, alcaldesa de Cambados
Xulio Ríos, coordinador da Comisión de Acción Exterior do CCG
16:20 horas
Plácido Castro e a tradución
Modera: Xulio Ríos
Laura Linares, Irish Research Council Government of Ireland Postgraduate Scholar
María Jesús Lorenzo Modia, catedrática de Filoloxía Inglesa, Universidade da Coruña
17:20 horas
Pausa
17:45 horas
Plácido Castro e o xornalismo
Modera: María Jesús Lorenzo Modia
César Lorenzo, xornalista e editor de Biosbardia
Luís Álvarez Pousa, xornalista e director de Tempos Novos
18:30 horas
Plácido Castro e o universalismo
Modera: Laura Linares
Xulio Ríos, coordinador da Comisión de Acción Exterior do CCG
Rubén Camilo Lois González, catedrático de Xeografía, Universidade de Santiago de Compostela
19:30 horas
Clausura
A inscrición pode facerse aquí.”