Desde
o Chamando á Terra da Radio Galega:
“O debut literario de Rodrigo Costoya con Portosanto. Un libro que conta a historia de Cristovo Colón coa hipótese do seu nacemento en Galicia. A entrevista pode escoitarse aquí.”
“Xela Arias, tan negra por elección. 5 postais”, por Ana Romaní
Desde
a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Texto escrito e lido por Ana Romaní na presentación de Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias, en Pontevedra (maio 2019) no encontro literario Teñamos a poesía en Paz. (…)
(A xeito de introdución)
Coincidimos en recitais e páxinas de publicacións; ela nacera no 62, eu tamén. Cos anos coincidimos tamén nesa posición “a-xeracional” que dalgunha maneira nos acompañou a algunhas d*s que comezamos a publicar nos últimos 80. No seu caso fortalecida cunha opción poética que se evidencia non só na voz, tamén no lugar desde o que fala.
1ª postal: TAN NEGRA POR ELECCIÓN.
Xela Arias escolle unha posición estrema para a escritura; un lugar afastado do código preponderante, unha poética que desafía os moldes estipulados mais tamén as pautas de corrección social e os seus mecanismos disciplinarios. A posición – que é unha declaración de intencións – está xa en Denuncia do equilibro e formúlase de cada vez máis nítida, depurada e esixente ata Intempériome onde irradia todo o libro; de feito toda a obra é unha declaración afirmada do lugar onde se sitúa o poema e a poeta. Esa posición é a da negritude, a do “afora”, a da expulsión. (…)”
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 24 e 25 de agosto
O
26 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 24
– 18:00 h. Concerto-presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
– 20:15 h. Presentación de Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira, publicado por Galaxia.
– 21:00 h. Presentación de Talasonimia da Mariña Lucense, de Francisco Rivas, publicado por Edicións Embora.
Domingo 25
– 18:00 h. Esther López Castro asina María na busca da liña do horizonte na caseta da Libraría Cortizas.
– 19:00 h. Manuel Portas asina Por puntos, publicado por Galaxia, na caseta de Bahía.
– 19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.
– 20:15 h. Presentación de Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón, de Cristina Corral Soilán, publicado por Barafunda. Participan, xunto á autora, a ilustradora Aurora Cascudo Román, o Club Raza Can de Palleiro e o adestrador Iago Triana, coas súas cadelas Loira e Meiga.
Entrevista a Eduard Velasco sobre Os días felices de Benvido Seixas
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Eduard Velasco publica a novela Os días felices de Benvido Seixas. A entrevista pode escoitarse aquí.”
“Achegamento a ese desequilibrio necesario nun tempo de tigres e cabalos”, por Rosa Enríquez
Artigo
de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“A contemplación e vivencia da fláccida realidade, esa observación atenta do que sucede. Tamén a maneira de experimentar a pesadez das horas, sentir o seu transcurso ata o delirio mentres un manto invisíbel envolve as cousas mínimas: a simplicidade dunha flor calquera, dun insecto, dun corpo espido… A importancia do desexo e da entrega. A negación ante o devandito espasmo das horas a abrirse paso. A deconstrución da idea que se acepta porque si. Sen máis xustificación que a propia recorrencia que parece conferirlle un pouso de verdade, como iso de ver algo limpo no amor e pensalo sempre inocente. A pregunta. As preguntas. Todo ese ronsel de cuestións que nos coloca en lugares difíciles, porque introducir a dúbida pode provocar un descenso en picado e non nos gusta nada iso de darnos un golpe duro e desfacer o que somos, ou pensabamos ser, en anacos. Entendo que caer así é un xeito de morrer. Hai que ser moi forte para saber abandonarse. O máis fácil é resistirse ao golpe. Evitalo. Como deixarse ir sen perderse?. Velaquí a cuestión. Para Xela Arias esa caída en picado era algo necesario. Non quixo permanecer varada e interpretarse incapaz de renovación. Sabía da flaccidez da realidade e aceptaba estar en guerra. Tigres coma cabalos é un reflexo desa tensión interna que non desexaba evitar. Amosar o seu corpo espido ante unha comunidade lectora máis afeita á poesía da paisaxe ao xeito dos románticos ingleses, por exemplo, foi a maneira que atopou de expresar o seu bramido e provocar a explosión. Quería escribir algo diferente, textos que non se limitasen a unha creación vicaria, dacabalo da literatura exterior malia alimentarse dela. Podemos respirar a frescura nos seus poemas, algo que non pasou desapercibido polas lectoras, que, pouco tempo despois, iniciarían a súa andaina literaria. O escrito por Xela, do mesmo xeito que o traballo de Lois Pereiro ou Chus Pato, constitúen un legado importante para toda a xeración dos 90 que nos deixou eses textos revitalizantes, vigorosos e rompedores que tanto compraceron ás máis audaces lectoras un pouco cansas do academicismo culturalista da xeración anterior. Xela Arias envolveu entón un contido potente nun continente atractivo, porque si se pode tratar asuntos “serios” cun enfoque absolutamente moderno sen renunciar a intensidade expresiva, que, ao meu ver, devén maior. Máis demoledora. Esa singularidade de Arias, que conseguiu mediante a desvirtuación da sintaxe e un xogo lingüístico estilizado, atrapa. Denuncia do equilibrio (1986) dá boa conta disto con versos sorprendentes, que, alonxados de calquera manierismo ou afectación, transmiten a súa visión da soidade, do amor ou do propio tempo, sen que teñamos a sensación de que “chove sobre mollado” ao lelos. Iso de que posuía, por exemplo, un “corazón de auga derretida desbordando/ vasos e piscinas” e a sensación de asfixia, porque “se non che falo non collo no cuadrilátero da habitación”, ou aquela rotundidade de que “só ningures país da decapitación non ten leis/ para amarrarte”, revelan esa visión do amor como algo que se derrama por todas partes, que nos lembra tamén a nosa condición humana, profundamente fráxil, por efémera, malia toda a ardentía que tal sentimento suscita… Talvez por iso introduciu ese famoso verso de Rimbaud – “apprécions sans vertige l’étendu de mon innocence”-, que ela mesma traduciu ao galego con algunha variación na persoa do verbo -“aprecio sen vértigo a extensión da miña inocencia”- para dar conta desa vivencia apaixoada, tantas veces voraz, que nos permite vivir coma quen anda suspendida polo aire e camiña delicadamente, subida a unha estrada invisíbel polo baixo da que se pode observar o conxunto do real como algo alleo. Esa sensación de alienación á que nos deixamos inducir pola efervescencia amorosa, dado o desexo que interpretamos irrenunciábel, é algo que Arias nos describiu, divertida, coma unha tempada no inferno -clara alusión, unha vez máis, a Une saison en enfer, 1873, de Rimbaud- metida entre as súas pernas: “ti espiába-la miña falda e eu/ nela escondía unha tempada no inferno”. (…)”
A Coruña: Diagonismos XI
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 23 de agosto
O
23 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 18:00 h. Concerto-presentación de Canta miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
– 20:15 h. Presentación de O paraugas na raiola, de Paco Rivas, publicado por Baía Edicións. Con Bernardo Penabade e Belén López.
– 21:00 h. Presentación de Ficar, de Cristina Corral Soilán, publicado por Urutau. Acompañamento musical de Felipe Sánchez.
Parada (O Courel): V Festival dos Eidos
Eliseo Fernández: “A situación de Conxo tiña que ver con cuestións que aínda hoxe vivimos”
Entrevista
a Eliseo Fernández en Sermos Galiza:
“Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do Manicomio de Conxo (Kazanegra editora-CNT) é o último libro publicado polo historiador Eliseo Fernández (Ferrol, 1967). Nel abórdase o conflito laboral dun centro que segue aberto na actualidade e que en 1933 acubillou unha protesta pouco estudada até o de agora.
– Sermos Galiza (SG): Vén de publicar Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicomio de Conxo en 1933, un conflito abordado tanxencialmente nalgunha publicación anterior, mais non coa profundidade deste. Que teñen de atractivos estes acontecementos para vostede?
– Eliseo Fernández (EF): A miña área de interese é a historia do movemento obreiro e do anarquismo na Galiza, e foi nese sentido no que me acheguei inicialmente á historia desta folga no manicomio; o que pasa é que despois a historia que coñecín gañou en complexidade, ao relacionarse coa xestión económica do manicomio e coa triste situación das persoas doentes. En certa medida, pareceume que a situación do manicomio tiña tamén algo que ver con situacións que aínda hoxe vivimos, en que existen empresas que xestionan servizos públicos de xeito deficiente e con pésimas condicións laborais.
– SG: Á marxe de cuestións estritamente laborais, a folga respondía tamén á necesidade de enfocar doutro xeito a atención aos internos?
– EF: O obxectivo inicial da folga era resolver o problema das malas condicións laborais das traballadoras e traballadores do centro, mais a protesta contra a xestión da Igrexa e a dirección do manicomio atinxiu tamén as pésimas condicións que padecían as persoas que alí estaban internadas. Quizais non houbese unha reivindicación consciente doutro tipo de atención psiquiátrica, mais si houbo unha denuncia das condicións de internamento. (…)”
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 22 de agosto
O
22 de agosto comeza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de Antonio Reigosa.
– 20:00 h. Antonio Reigosa asina na caseta de Secretaría.
– 20:30 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, publicado por Xerais.



