O catedrático Xosé Luís Regueira é o novo director do ILG da USC
Desde
a Universidade de Santiago:
“A xunta de goberno do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC nomeou esta mañá como director o profesor Xosé Luís Regueira Fernández logo de que fora proposto por unanimidade como candidato nunha reunión do seu Consello Científico.
Xosé Luís Regueira Fernández (Vilalba, 1958) é catedrático da área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Licenciouse en Filoloxía Románica na USC en 1982 e obtivo o título de doutor na mesma universidade sete anos despois. Forma parte do ILG desde 1981, onde foi o seu secretario entre 1996 e 2005.
Os seus intereses investigadores céntranse na fonética e na variación da lingua oral, e actualmente é investigador principal do proxecto Cambio lingüístico no galego actual. Dende a súa aparición en 1990 é coordinador da revista Cadernos de Lingua que edita a Real Academia Galega, á que pertence como membro numerario dende 2012. (…)”
A Coruña: presentación de Mael. Máis alá da Fraga de Cornanda, de Uxía Meirama, ilustrado por Miguelanxo Prado
Casa de Rosalía: presentación de Música da nosa terra, do Padre Manuel Feijoo
Cuntis: presentación de Zapatos Máxicos, de Fernando González Graña
XIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas 2018
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 28 de xuño
A
quinta feira 28 de xuño comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 12:30 h. Pregón de Manuel Bragado.
– 18:30 h. Presentación do novo libro+cd de Mamá Cabra, Eu cociño, ti cociñas?, publicado por Galaxia.
– 19:00 h. Álex Mene e Blanca Crespán asinan exemplares de A raíña das tortas, publicado por Alvarellos, na caseta de Librouro.
– 19:45 h. Presentación de The making of de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.
A AELG lamenta a perda do seu Socio de Honra, Xabier P. DoCampo
…o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.

Augas do Lea, arrolo do meu berce
que ao Miño da nacencia ides,
levade as brancas palabras
de fariña triga,
as que a mai bordou en min
co fío de ouro desta Lingua.
E ti, amada miña,
tráeme aquí no día derradeiro
e déitame neste chao.
Serei unha cerdeira.
Xabier P. DoCampo
Xabier P. DoCampo, Socio de Honra da AELG, autor referente dunha obra narrativa de ficción que supera a trintena de títulos publicados, fortemente imbricada na tradición contística galega, inauguradora da literatura infanto-xuvenil contemporánea que abriu as portas, desde a casa e a escola, á formación do público lector máis novo, alicerce e semente do imprescindíbel substrato cultural de hoxe, e recoñecida cos máis importantes premios a nivel nacional e internacional.
O seu traballo, que se estende aos ámbitos da dirección, guionización ou escrita de obras para teatro, radio, vídeo, cine… transportou a nosa lingua creativa a toda a rede de espazos comunicativos.
Aprendemos nos seus libros a nomear os soños, a natureza e os seres que a habitan. Máis tamén foi transmisor de valores humanos fundadores que dende a noite da historia conformaron o ser galego, deitando no longo camiño da súa extensa e intensa obra alfaias de rebordante humanidade.
Sementador de normalidade cultural e social até a súa última intervención pública na Gala do Libro Galego 2018, co seu fértil labor de ensinante e de escritor sostivo as trabes da casa comunal dos galegos e galegas, co talento e o oficio dos humildes e unha insubornábel honestidade literaria.
Na Homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” que a AELG tributou a DoCampo en 2014, estableceuse un diálogo fraterno entre Agustín Fernández Paz, quen elaborou a laudatio, e esta resposta de Xabier P. DoCampo, diálogo que nos permite coñecer un anaco fulcral da nosa historia literaria e a dimensión humana de quen hoxe, 26 de xuño de 2018, nos deixou.
O mércores 27 de xuño, ás 20:30, terá lugar un acto cívico de despedida no tanatorio Servisa da Coruña (como chegar), onde xa ten lugar o velorio.
A Coruña: presentación de Curiosidade, de Estíbaliz Espinosa
O
28 de xuño, ás 19:30 horas, no Planetario da Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarita, s/n.), na Coruña, Estíbaliz Espinosa presenta Curiosidade, publicado por Aira Editorial. No acto participan, xunto á autora, César Lorenzo Gil e Joana Magalhães.





