O
luns 28 de maio, ás 20:00 horas, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos 16, 1º), na Coruña, Xosé Manuel Sánchez Rei e Iván Méndez falarán sobre Os nomes dos lugares.
A Coruña: recital de Antón Blanco Casás e Najwan Darwish no Ciclo Poetas Di(n)versos
A
segunda
feira 28 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Antón Blanco Casás e o poeta palestino Najwan Darwish. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2018.
Viveiro: A Escola de Idiomas pasa a chamarse EOI de Viveiro Luz Pozo Garza
María Reimóndez publica Galicia en bus
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
““Estamos vivindo procesos permanentes de agresión ao común”. María Reimóndez publica Galicia en bus. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Obras finalistas dos Premios Xerais 2018
Siro e Félix Caballero acaban de publicar Falemos de caricatura
Desde
Chamando á terra da Radio Galega:
“Entrevista a Siro e Félix Caballero, que acaban de publicar Falemos de caricatura. Pode escoitarse aquí.”
Xosé Ballesteros: “Publicar para a infancia tamén supón opcións políticas e ideolóxicas”
Entrevista
de Daniel Salgado a Xosé Ballesteros en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Segue a haber prexuízos contra a literatura infantil?
– Xosé Ballesteros (XB): Iso é como se alguén di que a educación infantil é algo menor, cando está comprobado que a base da cultura dunha persoa e da súa capacidade de desenvolvemento psicolóxico integral ten que ver con como te educan nos primeiros anos da túa vida. A literatura infantil é algo menor, por que? Todos temos lecturas de cando eramos nenos, e a nosa cultura ten unha base que son as lecturas que fixemos de pequenos. Se ti de rapaz tes acceso a grandes obras da literatura pensadas para a idade psicolóxica na que vives, e vante acompañando e tes posibilidades mesmo de escoitar música e ter unha formación musical artística, teatral… Se desde pequeno van cultivándote como se cultiva unha planta ou unha árbore, terás unha vida moito máis rica que se estás todo o día diante dun televisor mirando programas lixo. O que si me preocupa é a pouca visibilidade da literatura infantil nos medios. Aí si que hai prexuízos.
– SG: A literatura infantil como rama menor da cultura.
– XB: Nós somos editores e buscamos a calidade literaria e plástica. Non só para os nenos. Cando publicamos para adultos, cando publicamos a biblioteca de pedagoxía, cando publicamos teatro, queremos publicar o mellor dentro das nosas posibilidades. Hai outras editoras, e non estou pensando nas galegas que abondo teñen con existir, no Estado español que publican Cuentos tradicionales para niños de seis años, color azul; Cuentos tradicionales para niñas de seis años, color rosa. É un mundo complexo e hai xente que publica para nenos e só lles interesa o consumo. E hai outros que queremos publicar non só para o lecer senón para contribuír á evolución integral da persoa. Non chegamos aquí da nada. Temos referentes. E somos un proxecto que sabemos que existe Rodari e a súa Gramática da fantasía, pero tamén sabemos que existiron as Misións Pedagóxicas, a Institución Libre de Enseñanza, os mestres republicanos represaliados. Considerámonos herdeiros deses movementos da escola máis renovadora e de editoras como Felicidad Orquín ou a propia Esther Tusquets. Como di Orquín, ela decidiu ser editora como opción política. Nós seguímolo tendo claro. Publicamos libros e temos claro que publicar para a infancia tamén supón opcións políticas e ideolóxicas. E asumimos esa función social e transformadora. (…)”
Lugo: Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018
A
Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018 terá lugar o sábado 26 de maio, ás 18:00 horas, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, estará amenizado coa música de TOR, grupo composto por Xosé Liz, Álvaro Iglesias, Félix e Cástor Castro.
No acto, conducido por Antonio Reigosa, participan Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Marica Campo, Lois Pérez que lerá a laudatio de Luz Fandiño, e Antonio Reigosa, quen será o encargado de ler a laudatio de Manuel Pazos, Pazos de Merexo.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2018 respectivamente a Luz Fandiño e a Manuel Pazos, Pazos de Merexo. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións terá lugar na III Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
Luz Fandiño

Fotografía: Nós Televisión/YouTube
Nacida en Compostela en 1931, boa parte da súa vida pasouna na emigración, primeiro na Arxentina, país no que residiu desde os 21 anos ata 1952, e logo en Francia ata 1979. É escritora e activista social e cultural en permanente compromiso coa lingua, co feminismo e coas causas dos desfavorecidos, amais de autora de dous libros de poemas: Farangulliña de neve (1998) e O pracer de envellecer (2014).
Na emigración en Arxentina, a pesar de seren anos duros para ela, descobre a poesía de Rosalía de Castro e a de Cabanillas, e o galego como lingua literaria.
En París descobre un país, o seu, e toma conciencia e participa nos movementos sociais da convulsa Europa daqueles anos. Todas esas experiencias están reflectivas na súa obra de creación e no seu afán por divulgar o que sente pola matria e pola lingua.
Manuel Pazos, Pazos de Merexo

Fotografía: Turismo de Carballo
Naceu o 9 de maio de 1926 en Merexo, concello de Muxía. Acaba, por tanto, de facer os 92 anos. Pazos é o último grande músico do acordeón diatónico da Costa da Morte, o grande mestre tamén da memoria de todas as “palilladas”, bailes e pandeiretadas que aconteceron nesa banda do mundo dende as primeiras décadas do século XX.
A súa memoria abrangue tamén todos os saberes da cultura tradicional, e fitos históricos moi significados como o contrabando do wolframio (ao que se dedicou como todos os veciños da zona) durante a II Guerra Mundial. Ë protagonista do libro-disco Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte, e recibiu varias homenaxes.
Paseos pola Pontevedra literaria. Maio e xuño 2018
Os
Paseos pola Pontevedra literaria. Maio e xuño 2018, son unha da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Para inscribirse nestes paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 21 de maio.
A inscrición por orde de chegada ao correo electrónico.
As prazas son limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.
Sábado 26 de maio
Cegoñas no fondo da ría, con Manuel Lourenzo González.
Sábado 9 de xuño
Polos camiños do Triángulo inscrito na circunferencia, con Víctor Freixanes.
Sábado 23 de xuño
Josefina Arruti: tras a pegada das que quedaron, con Montse Fajardo.
Compostela: Ximnasio de escrita teatral. Sesión aberta ao público, na clausura do Obradoiro Textura e Musculatura da escrita teatral, de Afonso Becerra
Baixo o nome Ximnasio de escrita teatral. Sesión aberta ao público finaliza o Obradoiro Textura e Musculatura da escrita teatral, da Escola de Escritores-as da AELG, impartido por Afonso Becerra, o sábado 26 de maio no Centro SocioCultural de Santa Marta (Rúa de Antonio Rama Seoane, 6), en Santiago de Compostela.
Este acto está aberto á participación de todo o público interesado.




