Ourense: actividades destacadas da Feira do Libro o 31 de maio

O 31 de maio continúa a Feira do Libro de Ourense (na rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación de Nube Branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía, publicado por Baía.
20:00 h. Foro-debate sobre Bemposta e o libro O trapecista da malla de rombos, de Alberto Canal, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor Xesús Álvarez, Jorge Emilio Bóveda, Antonio Martínez, Chelo Rodríguez e Marisol Babarro. Actuación musical de Canción Carpa de Luna.

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (IV)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio na categoría de Ensaio: Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento):

Premio de Tradución: Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).

Premio á Obra de Divulgación: Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).

Crónica fotográfica da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018

Estas son algunas das fotografías da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018, que tivo lugar o pasado sábado 26 de maio en Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Bernardo Máiz: “Na Galiza, máis que represión hai que falar de resistencia”

Entrevista a Bernardo Máiz en Sermos Galiza:
“(…) Dentro desta atópase como finalista a obra colectiva Os nomes do terror: Galiza 1936 (Sermos Galiza), que conta entre os seus colaboradores con Bernardo Máiz. O historiador mugardés é dobremente nominado nestes galardóns polo seu ensaio Amada García e os seus arredores (Edicións Embora).
Ambas aportacións teñen a súa base no inxente labor do autor arredor das vítimas do franquismo, en especial aquelas do norte da provincia da Coruña (Eume, Ferrolterra e Ortegal). Un esforzo conxunto co historiador Xosé Manuel Suárez levounos a aumentar dita nómina de persoas mortas a mans do réxime até case rozar as mil. Segundo os seus cálculos, desde 1936 até 1975, o franquismo chegou a cobrar até 985 vidas no territorio. Dacordo a un proxecto aprobado polo pleno municipal de Ferrol e apoiado por outros gobernos locais, os seus nomes serán inscritos nun monumento memorial que será colocado no antigo cemiterio de Canido.
– Sermos Galiza (SG): Como chegaron a esta actualización da nómina de vítimas do franquismo?
– Bernardo Máiz (BM): No arquivo municipal de Ferrol había un libro enorme de rexistro do cemiterio municipal de Canido, que estivo funcionando até xuño do 1945. O capelán católico anotaba absolutamente todo da xente alí enterrada. De súpeto, descubrimos anotado -que é curioso e raro- o nome da persoa, a casa mortuoria, a causa da morte. E descubrimos unha serie de persoas pasadas polas armas do ano 1941 ao 1945, que cremos que eran da Mariña republicana. Polo que sabemos, poderían ser mariñeiros republicanos que se entregaron ou foron devoltos polas autoridades francesas. Explícome, a flota española republicana que estaba en Cartagena cando estaba rematando a guerra exiliáronse cos barcos a Túnez. Houbo moitos que ficaron alí, pasaron a formar parte da resistencia francesa… mais, cando o ministro da Marina de Franco foi polos barcos, houbo mariñeiros que aceptaron volver coa promesa de se tiñan un xuízo xusto, e foi así en determinados casos. É sorprendente porque estamos a falar de persoas moi novas, que no 36 teñen 20 anos e no 40 tiñan 2. Aí atopamos un fondo documental curioso e interesante. (…)
– SG: Todo este traballo foi chave para escribir Amada García e os seus arredores
– BM: A relación é directa. É un libro que xunta moita información sobre o tema do que estou a falar, que é a represión nesta zona. Amada García converteuse nun emblema da represión na zona. É un territorio tradicionalmente moi de esquerda, cunha representación feminina moi notable para a escasa representación feminina na política da época. Amada García chega a estar en mítines coa Pasionaria… Iso explica que houbera esta matanza tan grande de mulleres.
– SG: Á hora de documentarte sobre ela, a meirande parte do traballo sacáchelo de aí?
– BM: Eu levo publicado moito sobre este tema desde hai moitos anos. Quero dicir, a miña tese de doutoramento era sobre a opresión do franquismo en Galicia. Levo moitísimo publicado sobre represión franquista, aínda que me gusta falar mais de resistencia. Xa está ben de falar de mortos, hai que falar deles pero moitas veces estes mortos morreron defendendo a legalidade republicana. Porén, para escribir, eu crieime con esa historia. Vivo no concello de Mugardos, de onde era ela. A súa era unha historia moi dramática. Penso que o éxito do libro, que leva dúas edicións, foi porque era un tema moi coñecido e polo tratamento que lle din á información, que recollín durante moitos anos. É unha obra que precisou previamente que eu escribise moitísimo sobre o tema antes de escribir sobre isto en concreto. Trátase dun estudo no que analiza non só a biografía da muller senón por que se produciron as circunstancias que se produciron. Isto é, o medio social e cultural no que se criou que desembocou en que esa muller acaba sendo condenada a morte. Esta muller, cando entrou no cárcere en abril de 1937 estaba embarazada, tivo o neno no hospital en outubro de 1937 e foi executada en xaneiro de 1938. Esa historia ten un dramatismo moi grande. Non é que logo a condenasen e despois parise. Senón que pariu e mes e pico despois. Eu tiña moita amizade co fillo. Desde entón, todos os 27 de xaneiro reunímonos no castelo de San Felipe, día que foi institucionalizado de tal xeito que ese é o día de recordar as vítimas do franquismo. (…)”

Xurxo Souto: “Un periplo tasqueiro para sibaritas enxebres”

Entrevista a Xurxo Souto en Radiofusión:
“”Un saúdo para Sillobre, a terra onde pasou a infancia e onde se iniciou na música, Sito Sedes, o máis grande, discípulo avantaxado de Pucho Boedo” afirma o escritor Xurxo Souto, acordeonista e músico impulsor de “Os Diplomáticos de Monte Alto”. “Recomendo especialmente visitar A Chencha na rúa San Xosé da Coruña, onde Xulio explica a pena na que se colleron os percebes que sirve”, afirma Xurxo Souto, que no seu libro Contos da Coruña (reeditado por Xerais en 2017) fai un periplo tasqueiro por locais emblemáticos da cidade herculina, polos templos do sibaritismo enxebre.
Dirixiu A tropa da tralla en Radio Coruña e Aberto por reformas na Radio Galega, converténdose nunha icona no mundo da radio en Galicia. En Contos da Coruña Xurxo fala do Erkowit, mercante varado en Bastiagueiro o 31 de outubro de 1970 cunha carga de insecticida que causou a desgraza na ría e especialmente en Lorbé. Souto lembra cando a maior plataforma petrolífera do planeta Terra Discoverer Enterprise decidiu soltar amarras e aparcou na ponte das Pías. No club de lectura de Radio Fene Radiofusión falamos deste libro con Xurxo Souto e tamén con Esther Val, Andrés C. M. Riveira e Emilio Romero. “O mar non é poesía, é traballo e esforzo” díxolle un patrón de pesca a Xurxo. A ferradura, o mar das galiñas, a cona da vella son nomes de caladoiros do Gran Sol coñecidos como a palma da man polos mariñeiros galegos. “Vivimos nunha parte do mundo realmente marabillosa” conclúe o promotor de Os Diplomáticos de Monte Alto.”

Nace en Pontevedra a revista Ligeia, especializada en poesía contemporánea, xornalismo e investigación literaria

“Nace en Pontevedra a revista Ligeia, publicación bilingüe (gal/esp) especializada en poesía contemporánea, xornalismo e investigación literaria. Fundada, editada e dirixida polos poetas e escritores pontevedreses Marcus Daniel Cabada (1995) e Tamara Andrés (1992), baixo a dirección artística da tamén pontevedresa Paula Estévez (1995) e o consello editorial do poeta e crítico sevillano Pedro Luis Ibáñez Lérida, comeza a súa actividade o 17 de maio de 2018, Día das Letras Galegas, co afán de “unir pontes entre as culturas e as xeracións do máis local ao máis universal, sempre desde unha concepción poética, estética e moral”. As súas bases, que subliñan unha necesidade de continuidade do espírito literario e cultural, definen Ligeia como “libre, independente, plural e apolítica”. Asemade, propón aproximarse en esencia a revistas fundamentais para a literatura do século XX, como Litoral, Mediodía ou Gallo, mantendo sempre valores de identidade como “a curiosidade, xenerosidade e o bo facer común”.
NÚMERO 1: RECUPERAR AS MANS. Máis de 70 autores de 14 países distintos (España, Alemaña, Marrocos, Túnez, EE. UU., Colombia, Irlanda, Arxentina, Perú, Costa Rica, Nicaragua, Brasil, Francia e Chile) compoñen o primeiro número da revista Ligeia, baixo o título de ‘Recuperar as mans’. Entre eles, escritores, poetas, profesores, investigadores, xornalistas, artistas, fotógrafos, tradutores ou críticos literarios.
CONTIDOS MÁIS SALIENTABLES:
1. POESÍA GALEGA. Autoras/es amplamente recoñecidos e premiados, como Marta Dacosta, Oriana Méndez, Arancha Nogueira, Amauta Castro, Eli Ríos ou Emma Pedreira (recente Premio da Crítica Española 2018), xunto con aquelas novas xeracións de poetas emerxentes en lingua galega.
2. POESÍA HISPANOAMERICANA. Inéditos de Silvio Mattoni (investigador do Conicet), Liliana Díaz Mindurry (Premio Planeta na Arxentina, 1998), Winston Morales (Premio Excelencia 2018 do Círculo de Xornalistas de Huila), Cristianae Grando (Laureada UNESCO-Aschberg de Literatura 2002), Osvaldo Sauma (Premio Latinoamericano EDUCA, 1985), Randall Roque (Premio Internazionale di Poesia Castello di Duino, 2007, recoñecido pola UNESCO), entre moitos outros.
3. POESÍA HISPANOMAGREBÍ. Edítase, anexa, unha microantoloxía periódica de autores magrebíes en lingua hispana que, por ausencia de soporte, vense dificultados a publicar nos seus respectivos países. Poetas como Aziz Tazi (Premio Rafael Alberti de poesía da Consellería de Educación da Embaixada de España en Rabat), Mohamed Doggui (profesor do Instituto Cervantes de Túnez) ou Khédija Gadhoum (supervisora do programa de español no Departamento de Linguas Romances da Universidade de Georgia) compoñen a primeira edición.
4. XORNALISMO. Unha das grandes apostas de Ligeia é a de construír un “periodismo de calidade, profundo e rigoroso, mais no por iso menos creativo e literario”. Entrevistas aos recoñecidos e premiados poetas hispanoamericanos Óscar Hahn e Piedad Bonnett, ao poeta e tradutor irlandés Keith Payne, ao xornalista Xosé Mexuto (director de Sermos Galiza) e un perfil a Xosé Manuel Beiras son algunhas das publicacións periodísticas do número.
5. INVESTIGACIÓN. Ademais de erixir as súas bases na creación literaria, Ligeia proponse contribuír ao eido da investigación, fundamental para o coñecemento e intercambio entre culturas. En colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade Christian-Albrechts de Kiel (Alemania), publícase a investigación inédita ‘Neira Vilas en la diáspora: la construcción de un imaginario’, sobre o tema da migración na triloxía O ciclo do neno, do autor galego Xosé Neira Vilas.
6. PLURALIDADE. En contraste con autores recoñecidos, o número inclúe obras de novos creadores aínda inéditos, como os pontevedreses Carlota Corredoira (poesía) e Eladio Pomares (ilustración). Polo tanto, a edición abrangue idades comprendidas entre os 15 e 83 anos, en consonancia coas súas bases editoriais de pluralidade, igualdade e transxeracionalidade.
Prezo: 4,50€*
Edición dixital gratuíta en .pdf
Web: www.revistaligeia.com (en funcionamento o 1 de xuño)
Depósito Legal 745/2017
ISSN 2603-7416
Revista literaria de difusión cuadrimestral
*A recadación íntegra da venta de exemplares será destinada á financiación das edicións.”