Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2024. Lecturas dende a diversidade. Antonio García Teijeiro, o 25 de outubro

A AELG colabora co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Lecturas dende a diversidade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

O Ciclo é coordinado por Isabel Mociño, Carla Míguez e María González Cerdeira (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os días 27 de setembro e os 4, 18 e 25 de outubro de 2024, ás 11:00 horas, na aula 1.4 da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.

As persoas interesadas poden inscribirse, de balde, aquí.

Recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso).

O programa é o seguinte:

25 de outubro
Antonio García Teijeiro
Crear poemas paso a paso e ler poesía comprometida

Xosé Lois García é nomeado membro correspondente da Academia Angolana de Letras

Desde Nós Diario:
“A Assembleia Geral da Academia Angolana de Letras (AAL) acordou por unanimidade nomear Xosé Lois García como novo membro correspondente desta institución.
A comunicación do nomeamento está asinada por Artur Pestana, Pepetela, presidente da AAL e un recoñecido e aclamado escritor universal en lingua portuguesa.
Xosé Lois García (Merlán, Chantada, 1945) é especialista da literatura de expresión portuguesa en África (a este continente viaxou en numerosas ocasións) e autor de antoloxías poéticas de Mozambique, Angola, Guiné-Bissau, Macau e o Brasil. Tamén é antólogo e tradutor. A súa obra está composta por mais de cincuenta libros publicados sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán.
Nunha opinión publicada en Nós Diario, García afirmaba que “os galegos en xeral descoñecemos bastante cada un dos contextos culturais e artísticos lusófonos, cuxo vehículo de comunicación é a lingua orixinal galaico-portuguesa”.
Neste sentido, afirmaba que “a Lusofonía conforma a estabilidade dun bloque lingüístico que para nós, os galegos, debemos ter conciencia e amparo do mesmo, onde a nosa fala está presente e, non sempre temos o atino de preservala dentro do contexto que nos confina como promotores da mesma”.”

A Coruña: VII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria: Compañeira, facemos a foliada, o 15 de outubro


Chegan as VII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria: Compañeira, facemos a foliada, organizadas pola Universidade da Coruña, coas que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

A actividade terá lugar o 15 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, con entrada libre e gratuíta. As profesoras coordinadoras da actividade son Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente, da Facultade.

O obradoiro-coloquio contará coa presenza de:
– Icía Varela e Xosé Manuel Varela, que falarán sobre Cantareiras.
– Bea Campos, arredor de Orella pendella: obradoiro para xogar cos ditos de sempre.