A
web da AELG, na súa sección O Territorio do Escritor/a, conta cun novo roteiro literario con título Muros-Carnota: pedra, mar e luz, da autoría de Francisco X. Fernández Naval. A elaboración, tradución e xeorreferenciación deste roteiro foi posíbel grazas ao financiamento da Deputación Provincial da Coruña.
Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Xosé Monteagudo, o 22 de abril
Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria do sábado 22 de abril, con Xosé Monteagudo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Bases do I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade
Emma Pedreira: “A estética pola estética non me interesa”
Entrevista
de M. Obelleiro a Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Son eses os fobólogos, termo acuñado por ti, dos que falas no teu último libro Bibliópatas e fobólogos?
– Emma Pedreira (EP): A etimoloxía existe, o fobos como un rexeitamento a algo e logo para a palabra. Sería o antónimo ao filólogo, que é quen ten amor polas palabras. Estámolo vendo e vivindo constantemente, existen os fobólogos e as fobólogas, esa xente que che di “no me hables en gallego que no te entiendo”, “yo lo entiendo pero no lo hablo”… Iso é foboloxía, un odio por esa lingua, por esas palabras e unha impermeabilidade total a que ese idioma entre ti. E proliferan, cada día máis.
– SG: O feminismo está presente en toda a túa obra, por que?
– EP: Si, podes ver máis poemas feministas, de corte máis social, que eróticos. A muller sempre está, as devanceiras, a loita no agro… ou os distintos tipos de violencia contra as mulleres. Hai un libro enteiro dedicado ao maltrato que se dá nunha parella e nunca se tivo en conta esa característica. Falamos de críticos que teñen que poñer en valor as características e temas dese libro e deciden que como se di “teta” nun verso é un poemario erótico pero non están vendo que é unha teta dunha muller que está morta porque a súa parella acaba de matala. É unha cousa que me molesta bastante. Aí póñome snob. Eu penso que se a poesía non ten compromiso, non vale para nada. A estética pola estética non me interesa. Temos a potencia da palabra e témola que encher de contido, de compromiso, de loita… que sirva para algo. Gastar 20 euros nun libro de poesía que supoña en ti unha idea de revolución fai que ese libro, ese esforzo, pague a pena. Se non, non me interesa. (…)”
Francisco Rodríguez recibe o Premio Nacional Galiza Cultura
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Francisco Rodríguez: “Non nos podemos contentar cunha cultura galega en guetos, marxinal, atomizada e de leiriñas”. Pode accederse aquí.”
Pontevedra: presentación de Sapos e Sereas, de Ana Cabaleiro
Entrevista a Alberte Blanco, coordinador do libro O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?
Entrevista
de M. Obelleiro a Alberte Blanco Casal en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cales son as necesidades do monte?
– Alberte Blanco Casal (AB): Neste momento, hai que formularse unha planificación dos recursos e para iso habería que resolver un problema previo, o minifundismo forestal, que impide unha explotación racional do noso monte. (…)
– SG: No libro salientades a viabilidade dun monte sustentábel.
– AB: O monte sustentábel é obxecto da política que levabamos a cabo na Xunta. O monte sustentábel é aquel que permite producir, ter unha economía forestal que satisfaga os habitantes do medio rural e garantir que quen veña despois poida seguir gozando dun monte que siga producindo e que á vez sexa respectuoso co medio ambiente, garantindo que o que se fai no presente non vai producir unha degradación no futuro. Para min iso é un monte sustentábel e é perfectamente viábel, pero hai que cambiar as tendencias e os vectores, que van na dirección de converter o monte nun monte caótico. Nós apostamos na multifuncionalidade, non só nun monte dedicado á extracción da madeira, senón onde poidan convivir outras actividades económicas rendíbeis.”
Proxecto A Casa da Xente (Salvemos a Casa de Díaz Castro)
Toda a información sobre este proxecto, aquí.
Arteixo: III Concurso de Recitados Homenaxe a Rosalía de Castro
Celébrase a terceira edición do concurso de recitados en homenaxe a Rosalía de Castro, que está organizado pola Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Arteixo e que será o broche de ouro a unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Serán 12 participantes, de entre 8 e 12 anos, que levarán un libro de poesía como agasallo e a persoa premiada recibirá un libro electrónico. A encargada de conducir o acto será Ana Hermida, quen ademáis renderá homenaxe ás tres figuras máis representativas do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal.
A cita coa poesía será o martes 25, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 18:30 h. e a entrada é libre e gratuíta.
Faleceu Mariví Villaverde, nomeada Boa e Xenerosa pola AELG en 2009
A
AELG lamenta a perda dunha outra voz da memoria á que sempre debemos volver: Mariví Villaverde.
O 28 de marzo de 2009 vivimos canda ela unha xornada nunca esquecida ao lle entregar a AELG o premio Boa e Xenerosa.
- Vexa aquí a acta de concesión da homenaxe.
- Vexa aquí as palabras do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
- Pode ver aquí a laudatio elaborada por Marga do Val.
- Velaquí a resposta á laudatio por parte da Homenaxeada.
Recoñecíase en Mariví Villaverde un referente dinamizador da cultura galega no exilio arxentino a través da tradución e representación de obras en lingua galega, xunto ao seu compañeiro e escritor Ramón de Valenzuela, recoñecida hoxe tamén como escritora, como directora, noutrora, do xornal Galicia xunto a Arturo Cuadrado, mais sobre todo como muller-testemuña consciente das cicatrices dun tempo privativo e coutador.
Unha vida solidaria, xenerosa, coherente e entregada aos valores sólidos que chantan en nós a grandeza da liberdade.
Hoxe, 24 de abril, será incinerada e en xuño farase o funeral.







