A Coruña: xornada de homenaxe a Pilar García Negro, o 27 de abril

O xoves 27 de abril vaise celebrar unha xornada de homenaxe á profesora Pilar García Negro con motivo da súa xubilación, organizada desde o Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da Universidade da Coruña.
Este acto, aberto ao público, vai consistir nunha xornada-coloquio de corte académico centrado na reflexión sobre as liñas de investigación que a profesora desenvolveu ao longo da súa vida académica.
Esta xornada-coloquio, desenvolverase no salón de Graos da Facultade de Filoloxía da UDC e vai estar composta por dúas mesas redondas; a primeira centrada na reflexión sobre os contributos da profesora García Negro á investigación sociolingüística e a segunda sobre as súas achegas á análise da literatura contemporánea. O título e as persoas participantes no acto serán os seguintes

PILAR GARCÍA NEGRO, PENSAMENTO, PESQUISA E INTERVENCIÓN

10:30-12:00 horas
A investigación sociolingüística. A lingua galega no contexto das linguas minorizadas.
– Robert Neal Baxter: Universidade de Vigo.
– Jaume Corbera: Universitat des Illes Balears.
– Goretti Sanmartín Rei: Universidade da Coruña.
[Modera: Xosé Ramón Freixeiro Mato]

12:30-14:00 horas
A investigación literaria. Os estudos rosalianos e outras aproximacións á análise da literatura contemporánea.
Anxo Angueira: Universidade de Vigo / Fundación Rosalía de Castro.
Xosé Luís Axeitos: Real Academia Galega
Kathleen March: Universidade de Maine.
[Modera: Carme Fernández Pérez-Sanjulián]

– 14:00 horas
Cerramento: actuación musical de Uxía.

Despois do acto haberá un xantar de convivio no comedor da Facultade de Arquitectura no que poderán participar todas as persoas que o desexaren (previa reserva até dous días antes no correo electrónico carme@udc.gal).

Entrevista a Carlos Callón en Praza, arredor de Galegocalantes e galegofalantes

Entrevista de Miguel Pardo a Carlos Callón en Praza:
“(…) – Praza (P): Reclama reavivar o debate social sobre o galego. Arrefriouse?
– Carlos Callón (CC): Xa no comezo do mandato de Núñez Feijóo advertiamos que, logo da política agresiva, a Xunta pasaría a unha política de consolidación dos retrocesos, unha especie de pax lingüística coa que se pretende manter as prácticas lesivas, con mormativas sen parangón no Estado ou en Europa, e ao mesmo tempo neutralizar a contestación social. Por iso, ante isto, é moi importante que todas aquelas persoas que sintan paixón polo galego participemos nas diferentes iniciativas que se realizan para reivindicalo e impulsalo. (…)
– P: No libro [Galegocalantes e galegofalantes] fala mesmo de certas expresións nos medios moi polémicas.
– CC: Poño exemplos de titulares nos que se especifica e detalla que dous ladróns que actuaron en Galicia “hablaban gallego”. Fago un chamamento a que os medios non publiquen este tipo de frases, que se autorregulen, pero tamén debe acelo a fonte. A policía continúa a enviar comunicados con estas expresións, fomentando visións galegófobas e iso non é tolerable.
– P: O Consello de Europa critica con dureza a política lingüística da Xunta, os datos amosan un descenso no uso do galego… Hai algunha solución de non mudar os gobernos da Xunta e do Estado?
– CC: Non hai dúbidas de que é algo clave; o Goberno central e o galego son instituciós fundamentais que non empregan nin fomentan o galego como idioma oficial e ese é o principal problema que temos. Pero tamén é certo que podemos manter o facho da esperanza a través do uso. Non hai maior defensa da nosa lingua que usala. Se fosemos mirar a nivel matemático as posibilidades de uso, o mérito do galego é que aínda estea vivo. Non se estrean filmes en galego, non queda un só xornal en papel diario en galego, na USC hai carreiras onde o idioma só se usa nun 3% das aulas… E así e todo, segue vivo. Pero tamén quero subliñar a responsabilidade daquelas administracións onde non goberna o PP e non se fai o suficiente. (…)”