A cuarta feira 21 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Provincial da Coruña (Rúa Rego de Auga), preséntase a colección Mulleres bravas da nosa historia, da editorial Urco. No acto participan Eli Ríos, autora do libro sobre María Victoria Moreno; Eva Agra, ilustradora; Goretti Sanmartín, Vicepresidenta da Deputación da Coruña, e Andrea Jamardo, de Urco Editora.
Teresa Moure no Culturgal: Bolcheviques 1917-2017
Bases do XXIII Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro
“Ferrín: Non hai outro camiño é pura literatura”, por Manuel Bragado
Artigo de Manuel Bragado en Brétemas:
“Nun serán moi chuviñento en Vigo presentamos o día 15 de decembro na libraría Andel de Vigo Non hai outro camiño, a primeira novela de Isaac Xubín. Acompañou ao autor Xosé Luís Méndez Ferrín, que nunha intervención maxistral debullou unha obra que cualificou de “novela colectiva de personaxes moi ben definidos que aspira á interpretación do noso mundo contemporáneo sen ningún tipo de realismo”. Comezou Ferrín comentando o interese do titulo que avisa ao lector e “que nos leva a Kafka e ao seu camiño menos vinculado á cotidianidade como á Nova Narrativa Galega, iniciada por Gonzalo Mourullo, na que se falaba dun tema que nos atinxe mais sempre ambientado nun lugar que non é Galicia nin España nin ningún ámbito literario que nos puidese resultar coñecido”. “A novela de Xubín ten múltiples referentes literarias que se remontan a Jonathan Swift, de obras ambientadas en lugares que non existen no mundo”.
Destacou Ferrín que nesta obra “o espazo imaxinario supera aos personaxes, sendo o máis logrado dunha novela de protagonista colectivo que funcionan por ambientes”. “Aquí hai personaxes diferenciados, ben perfilados e definidos, interactuando entre eles con grande potencia dramática, moi próximos a nós, que forman parte da xeración de Xubín”. Cualificou, a seguir, a obra como “unha novela de política ficción que nos leva a un mundo postsocialista, como pode ser o dalgún dos países da antiga Iugoslavia”. Salientou Ferrín que a cidade da novela, Staro Selo, “ten un parecido, se queremos velo, coa cidade de Vigo, mesmo na apoteose final da obra descubrimos que hai xente que vai aos montes que a arrodean a ver os cabalos ceibos”. “Mais non é un román a clé, en absoluto. Esta novela non é unha metáfora continuada, non é esto. É pura literatura, aquí non hai ensino nin doutrina. Presenta un mundo paralelo coa necesaria ambigüidade. Toda literatura realista é un fracaso. Esta obra é daquelas que asumen a autonomía literaria como algo bo”.
Como outros acertos, Ferrín sinalou “a capacidade de inducir ao riso franco, á gargallada, o que nos leva á literatura popular”. “Mais tamén hai outro humor destinado a outro espírito máis cultivado, por exemplo a relación coas películas de Wyler, onde se abren e pechan decontino moitas portas, como sucede na Comedia dell’ Arte”. “Hai tamén o mundo da prisión, o delito estúpido, neste caso un delito gastronómico que nos remite a outra febra da novela, a da gastronomía. Nesta novela cómese moito, hai moita comida boa e fálase dela. Hai un banquete de políticos que comen unha carriza que está prohibida, como aquí as papuxas en empanada que se comen de forma clandestina en Monforte”. Rematou Ferrin agradecendo que a novela teña atención co lector “presentándose de forma compacta, avanzando en forma de cadriños que van iluminando aos posteriores”. “A novela pode ser lida como unha serie de contos concomitantes”. “Ao final asistimos á destrución dunha granxa colectiva onde a xente era feliz. Terrible final descorazonador, mais tamén aberto”.”
O 2017, Ano Pondal con 100 actos dedicados á súa figura
Desde Sermos Galiza:
“Alén de Carlos Casares (Letras Galegas) e Maruxa Mallo (Día das Artes Galegas), o outro protagonista cultural do 2017 será Eduardo Pondal, de quen se cumpren 100 anos do seu pasamento.
A Fundación Eduardo Pondal está atarefada cos preparativos dun Ano Pondal no que prometen que argallarán un cento de actividades arredor do poeta bergantiñán. Mentres andan á procura de financiamento, o xerente da institución -José María Varela- avanza que as celebracións comezarán o 8 de marzo (data do seu cabodano), con varias actividades, incluído un cupón da ONCE dedicado ao autor.
Segundo Varela, “imos intentar celebrar este centenario como se merece e a cifra de 100 non asusta tanto se pensamos que 35 deses actos xa van ter lugar no Festiletras, o festival que organizamos cada ano en maio na aldea do Couto”, un dos eventos máis importantes no calendario das letras galegas. Ademais, organizarán dentro da súa Escola de Verán unha actividade chamada Que din os rumorosos?.
Vilas do Rexurdimento
Alén disto, están en conversas coa Real Academia Galega -quen posúe a práctica totalidade do patrimonio do poeta- e co Consello da Cultura Galega para levar adiante un congreso e unha exposición itinerante. E tamén están a promover, ademas da declaración institucional do Ano Pondal, a declaración de Vilas do Rexurdimento para Ponteceso, Padrón e Celanova xunto cos concellos e as respectivas fundacións dos protagonistas deste movemento: Pondal, Rosalía e Curros Enríquez.
Un modelo diferente
A Fundación Eduardo Pondal non funciona como unha fundación dun escritor ao uso. Non teñen casa-museo, dado que a casa natal do autor está ocupada pola familia Valdés (os Pondal non tiveron descendencia), “con quen temos unha boa relación de colaboración”, segundo Varela.
Esta institución ocupa unha antiga reitoral na aldea do Couto (Ponteceso) onde estaba a partida de nacemento do poeta e dedícase, ademais de a promover a memoria do autor, a promover actividades socioculturais na contorna, desde unha escola de tempo libre até actividades educativas, como aulas científico-tecnolóxicas, cursos de todo tipo, etc. “
Ramil (Agolada): Solsticio de inverno na Eira da Xoana, 2016
(Eira da Xoana, como chegar).
Francisco Coimbra: “Calquera que cuestione a orde estabelecida recibirá o apelativo de terrorista, coma Malcolm X ou Mandela”
Entrevista de Montse Dopico a Francisco Coimbra en Praza:
“Un día, de xeito espontáneo, os cincocentos habitantes de Kernow comezan a recuperar a súa lingua. Mais o Estado británico non está disposto a toleralo. Son acusados de subversivos, tratados de terroristas e fortemente reprimidos. Diso vai Crónica córnica, a novela do portugués Francisco Coimbra que foi finalista do Xerais. O que acontece podería pasar en Cornualle, ou calquera outro país do mundo. Onde quen ten o poder non quere escoitar.
– Praza: Os 537.400 habitantes de Kernow comezan a falar córnico, a súa lingua morta que non o estaba tanto, e o Estado británico interprétao como un desafía. Desta historia parte do libro. Por que? Por que escolliches Cornualle?
– Francisco Coimbra: Certamente podería escoller outra comunidade. O libro ten unha cita de José Saramago como íncipid indicando que quizais outras palabras se teñan dito alén do espello, o que significa que Cornualle, e a crónica toda, funciona coma unha alegoría de calquera outra nación sen estado que estea dentro do contexto europeo. Decidín Cornualle porque coido que outros países e/ou linguas aparecerían dunha forma moito máis marcada polas propias historias no mundo real. No entanto, Cornualle era un lugar pequeno, non tan marcado no político e, asemade, constituía un espazo literario autónomo universalmente coñecido, conforme escribiu Méndez Ferrín uns días atrás na recensión que fixo da miña novela. (…)”
A Coruña: mesa de debate Novos vieiros para a narrativa, o martes 20
O martes 20 de decembro, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas), na Coruña, terá lugar a mesa de debate Novos vieiros para a narrativa, coa que a Real Academia Galega finaliza o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera a mesa: Fina Casalderrey.
Relatores:
– Ramón Nicolás. Liñas de sentido da narrativa curta das Irmandades. Algunhas calas.
– Camiño Noia Campos. A narrativa oral e costumista na época das Irmandades.
– Dolores Vilavedra. As coleccións de narrativa breve, ¿continuidade ou renovación? O caso da colección LAR.
A Coruña: ciclo de palestras públicas O galego na Coruña
Marilar Aleixandre presenta Desescribindo
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A escritora Marilar Aleixandre presenta Desescribindo. O libro de poemas está publicado por Apiario Editora. “Cando alguén é discriminado alguén tira uns privilexios”. Pode accederse á entrevista aquí.”