A AELG prepara para 2017 un Congreso de Poesía Galega
Artigo de Belén Bouzas en Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou na súa última xuntanza a realización dun Congreso de Poesía Galega no inicio do outono do vindeiro ano 2017, que terá lugar na cidade de Pontevedra. “É importante que os poetas e as poetas reivindiquemos o peso social da poesía no noso país”, afirma Cesáreo Sánchez.
Esta actividade responde á necesidade de facer unha revisión da poesía galega nos últimos 40 anos, xa que “desde a morte do ditador até hoxe xa pasaron corenta anos e pensamos que é o momento de reflexionar colectivamente, non só sobre o xa feito, senón tamén fundamentalmente coñecer e partillar cal é o momento actual da poesía e cales son os camiños do futuro que se poden intuír”, comenta en conversa para Sermos Galiza Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. “Persoalmente creo que tamén é importante que os poetas e as poetas reivindiquemos o peso social que na realidade se ten no conxunto da actividade cultural do país, a que se ve e a que non se ve”, engade.
Mediante este congreso procúrase achegar un exame da situación actual da poesía e do peso desta no sistema literario e na sociedade galega porque “é importante visibilizar o que se está facendo e o feito ao longo destes últimos anos, así como pensar conxuntamente como vemos o futuro”, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro. “Será moi transversal, aberto ao traballo de todo o corpo asociativo da AELG, dos 430 asociados que ten”, engade Cesáreo Sánchez.
O Congreso de Poesía Galega decorrerá en Pontevedra por tratarse dunha “cidade con vocación literaria que sempre apoiou e acolleu as actividades da AELG e froito dese apoio tamén retornaremos aí a Pontevedra”. Polo de agora abrirase un tempo para que os membros da AELG acheguen as súas propostas para definir contidos, formato e tipoloxía do congreso. “Esta é a primeira pedra deste edificio que construiremos entre todos”, adianta o presidente da AELG.”
Cambados: presentación de O camiño da Estadea, de Ramón Caride
Mondoñedo: Cunqueiro a pequenas cuncas, con Lois Pérez, o venres 25 e domingo 27
Roteiro de narración oral e humor arredor da obra de Álvaro Cunqueiro e a cargo de Lois Pérez, polas tabernas da zona vella de Mondoñedo.
Compostela: mesa redonda Os nenos de Neira Vilas e doutras literaturas
Compostela: X Xornada Xustiza e Lingua, o martes 29 de novembro
Compostela: sesión académica en memoria de Fernando Acuña Castroviejo
Bertamiráns: presentación de Lourenço, Xograr, de Manuel Portas
Compostela: presentación de Desescribindo, de Marilar Aleixandre
O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), Marilar Aleixandre presenta o seu novo poemario, Desescribindo, publicado por Apiario. No acto, xunto á autora, participan a poeta e editora Antía Otero e a crítica literaria Chus Nogueira.
A Coruña: Simposio Manuel María, actos do 23 e 24 de novembro
O Simposio Manuel María terá lugar do 22 ao 24 de novembro no Salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. A actividade está organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
PROGRAMA DO 23 E 24 DE NOVEMBRO
16:30 – 17:30 h. Conferencia.
Camilo Gómez Torres | Manuel María: biografía e creación.
17:30 – 19:00 h. Mesa de debate: narrativa.
Moderador: Henrique Monteagudo.
Mercedes Queixas | A obra narrativa de Manuel María ou como contar a vida a través do río da escrita.
Carme Fernández-Pérez Sanjulián | Andando a terra ou a construción dun espazo simbólico.
Xosé Ramón Freixeiro Mato | A lingua na vida, na obra e no pensamento de Manuel María.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:30 h. Relatorios:
Henrique Rabuñal | A historia inserida no teatro de Manuel María.
Montse Pena | Soñar sen cancelas: Manuel María e a construción dunha educación literaria en galego.
Xurxo Souto | Unha canción marabillosa, galega e panteísta.
16:30 – 18:00 h. Mesa de debate: poética e política.
Moderadora: Margarita Ledo.
Xosé Estévez | Manuel María e Euskal Herria.
Carlos Quiroga | Um poeta galego no fascínio de Portugal.
Pilar García Negro | A intervención pública de Manuel María: unha revisión.
18:00 – 19:00 h. Relatorios.
Antón Lopo | Nave espacial Xistral.
Xosé Lois García | As paisaxes identitarias na literatura de Manuel María.
Fina Casalderrey | Un muiñeiro de verbas no corazón da escola.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:00 h. Proxección do documental Eu son fala e terra desta miña terra, de Margarita Ledo.
20:00 h. Clausura.