Entrevista a Eulalia Agrelo en Sermos Galiza:
“Emocionada. Así colle o teléfono Eulalia Agrelo, autora da tese doutoral Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz. “Foron moitas horas de traballo, de convivencia persoal”, lembra. Durante a conversa véñenlle á cabeza “imaxes, recordos” do partillado co escritor mais tamén coa persoa. “É un día ben triste para todos, para quen o coñecía persoalmente como para quen o coñecía polas súas obras”. O seu alumnado, pois Eulalia Agrelo é ensinante, “chamoume” para lembrar Agustín no día do seu pasamento.
Tras do nome, da sinatura e da escrita había unha persoa “moi humana” e inmensamente comprometida coa lingua e co país. Un “mestre” como lembraron centos, milleiros de persoas no día de hoxe através das redes sociais. Mais por riba de todo, un autor que deixa un ronsel de obras para ler e reler. “Agustín facía lectores”, asegura Eulalia Agrelo. Unha “meta”, subliña, para calquera persoa que traballe a escrita.
– Sermos Galiza (SG): Como era o Agustín Fernández Paz escritor?
– Eulalia Agrelo (EA): Para comprendelo temos que facer referencia a moitos elementos. Foi renovador en dous sentidos. Dunha banda, recuperou matices da literatura infantil e xuvenil e soubo darlles unha volta. Ao mesmo tempo, incorporou outros novos como o tratamento da marxinalidade ou a memoria histórica. Salientábel é o tratamento que facía das personaxes, sobre todo femininas, pondo as mulleres como protagonistas activas, que se rebelan e descobren como loitadoras defendendo o seu xeito de ser. Mulleres silenciadas no eido escolar mais tamén no conxunto da sociedade. Agustín soubo traballar coas distintas fariñas literarias, facer collages con distintos tipos de texto incorporando cartas, novas dos xornais ou mesmo anuncios por palabras. Un dos aspectos máis fascinantes da súa obra é que cando a les abre camiño a outras moitas obras e a coñecer o contexto sociocultural galego que está sempre no fondo dela. É un espello no que deberían verse moitos escritores.
– SG: Ti pasaches moitas horas con el para faceres a tese, como era o Agustín no plano humano?
– EA: É unha persoa fascinante como o é a súa literatura. Unha persoa moi próxima que sabía escoitar e aconsellar sempre con espírito crítico e construtivo. Nos últimos anos mantivo unha crítica moi aceda cara á política lingüística do goberno galego. Era unha persoa moi humana que realmente cría e estivo comprometido con Galiza até o último momento. (…)
– SG: Era un escritor incansábel?
– EA: Nunca atopaba a perfección na súa obra. Estaba sempre a reconstruíla a re-escribila. Sempre que re-editou aproveitou para mellorala e lograr unha mellor escrita, unha prosa máis lixeira, máis melódica coa que acadar a vontade do leitor. Cando un le a Agustín desenvolve a capacidade de ulir, de ouvir e de tocar o que está a narrar. É unha prosa sedutora. De aí que teña unha lexión de leitores e acadase o recoñecemento através dos premios e as traducións. Mais para el os premios, dicía, eran bons por suporen un impulso para a nosa literatura e dar visibilidade e valorización á nosa cultura. Agustín foi, sen dúbida, un motor cultural por facer leitores e por facer país.
– SG: E fíxoo nun xénero como o infantil e xuvenil, moitas veces minusvalorado.
– EA: Sempre estivo comprometido coa visibilización da literatura infantil e xuvenil cando este xénero estivo moi desprestixiado. Ora ben, sempre dicía que as súas obras poden ser lidas por calquera lector porque tiñan distintas lecturas.”
Lugo: Reaccións ao redor de A paisaxe contra a parede, de Christian Villamide
O tributo a Fernández Paz é TT
Desde Sermos Galiza:
“A unanimidade no pesar polo falecemento do escritor vilalbés deixa pegada nas redes sociais, onde até o presidente español escribiu un chío de condolencia. Porén, foi o ronsel de lectores e admiradores do autor os que expresaron, de xeitos diferentes e diversos, a admiración pola obra e a persoa.
“Non, non e non” escribía na súa conta @Sandra_MaCor ao se enterar do falecemento de Agustín Fernández Paz. “Non o podo crer”, poñía @berflowersta. Son algúns exemplos da primeira vaga de chíos nas redes sociais nada máis se coñecer a nova da morte do escritor. Lectores e admiradores expresaban nas redes sociais o seu pesar polo pasamento e a súa admiración pola obra e a persoa. A Agustín Fernández acáelle aquilo de un bo home no bo sentido da palabra, que dicía Machado. Pequenos chíos e posts de internautas nos que se falaba de como lles impactou este ou aquel libro, ou como lles gustaban as súas reflexións, ou… Unha verdadeira maré de testemuños e tributos a un escritor que reunía calidade e bonhomía e cuxa marcha deixa orfo o mundo cultural galego.
A xente da cultura da Galiza amosou desde un primeiro momento a súa dor. Editoriais, asociacións de escritores, bibliotecas, institucións públicas, escritores, tradutores, o mundo universitario… todos quixeron dar o seu adeus e render homenaxe ao de Vilalba a través das redes sociais. (…)”
Artigos sobre Agustín de Ramón Nicolás, Manuel Rivas e María Solar
Estes son os artigos publicados en La Voz de Galicia sobre Agustín Fernández Paz, por:
– Ramón Nicolás: Non cabe na morte.
“Un poeta venezolano con raíces portuguesas, Joaquín Marta Sosa, escribiu, cando soubo da morte doutro poeta chamado Manuel de Cabral, que este «non cabía na morte». Non se me ocorre outra afirmación que cadre, neste momento triste, para falar de Agustín Fernández Paz: non cabe na morte porque desde onte foi quen de facerlle un caneo colosal e, malia ser tanxible e dolorosa a orfandade na que nos deixa, reaparece poderosamente diante de nós para perdurar nunha nova dimensión. Todo cobra un sentido diferente que, talvez pola familiaridade que nos inspiraba, non eramos quen de ver con claridade e, ás veces, só sospeitabamos. (…)”
– Manuel Rivas: O fío do leite.
“(…) Este é un país envellecido demograficamente, máis cheo de crianzas da imaxinación. Semella que os eidos están abandonados de cultivos, que as vacas de hogano son as últimas, que hai seca nos depósitos da esperanza. Mais todo iso é un pesadelo pasaxeiro. O fío de leite escintilante co que escribía Agustín, ese activismo do soñar, enxerta presente e futuro, é unha transfusión liberadora. Grazas a Agustín este nunca será un país estéril. (…)”
– María Solar: O amor que nos deixa.
“(…) Agustín escribía para cambiar o mundo, para afianzar a fala, para facer pensar e sentir. Elixiu escribir principalmente para os máis novos e levou a literatura infantil e xuvenil en galego a metas que, ata el, parecían inalcanzables. Foi un daqueles mestres dos anos oitenta que decidiron actuar para renovar a escola e iso tamén implicaba darlles aos máis novos alimento escrito na nosa lingua. Desde aqueles colectivos comezou a publicar os primeiros textos narrativos pensados como parte das necesidades educativas, ata que o medio se converteu nun fin, e Agustín nun narrador de seu. «Eu empecei nisto de escribir ben serodio, xa tiña os corenta», contaba sorrindo (porque el sorría a miúdo). (…)”
Pontevedra: presentación de O encargo do señor Castelao, de Luís Rei Núñez
O xoves 14 de xullo, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, Luís Rei Núñez presenta O encargo do señor Castelao, de Luís Rei Núñez, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Museo e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Xosé Enrique Acuña, Ana Acuña, Xaime Toxo e Manuel Bragado. Durante o mesmo, lerán textos da obra Fina Casalderrey como Virxinia e Xosé Álvarez Castro como Castelao, con acompañamento musical de Óscar Ibáñez.
Faleceu Agustín Fernández Paz, Socio de Honra da AELG
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta a perda do seu Socio de Honra Agustín Fernández Paz, quen na súa escrita e traxectoria persoal conciliou tenrura e dignidade.
Foi proposto pola AELG para o Premio Nobel de Literatura en 2015 e 2016. A AELG tamén impulsou o seu nomeamento como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
Hoxe, martes 12 de xullo, desde 17:00, velatorio na sala 9 do Tanatorio de Pereiró e mañá mércores, a partir das 10:00 h. Tamén mañá, no Salón do Tanatorio, acto civil na súa memoria ás 19:00 horas.
Crónica videográfica da Xornada de Literatura e Cinema: Unha literatura en imaxes (e V)
O sábado 28 de novembro tivo lugar a Xornada de Literatura e Cinema: Unha literatura en imaxes, actividade da AELG co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, no Centro Ágora da Coruña.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Presentación da conferencia “Ao redor do Proxecto Nimbos”, por Mercedes Queixas.
– Ao redor do Proxecto Nimbos (conferencia) 1/3, por Martin Pawley.
– Ao redor do Proxecto Nimbos (conferencia) 2/3, por Martin Pawley.
– Ao redor do Proxecto Nimbos (conferencia) 3/3, por Martin Pawley.
– Ao redor do Proxecto Nimbos (conferencia-coloquio), con Martin Pawley.
Grazas, Agustín!, artigo de Mercedes Queixas
Desde Sermos Galiza:
“Artigo de Mercedes Queixas publicado en Sermos Galiza o 7 de xullo de 2012, recuperado agora co motivo do falecimento do escritor.
A miña patria é a lingua, afirmou Pessoa, patriarca das letras portuguesas.
A patria do escritor é a súa lingua, recoñeceu novamente Francisco Ayala.
A lingua galega tense convertido tamén para o noso escritor Agustín Fernández Paz, no apoio óptimo para esvaír o fío imperceptíbel entre quen le e quen escribe e para, asemade, amplificar o convite social a xogar coas palabras que a lingua nos ofrece sempre, porque seguramente o noso veciño, profesor, parente, amigo e/ou compañeiro de viaxes, Agustín, participa e exemplifica a máxima de Cortázar, logo de ter viaxado a Galiza e se aproximar ao seu pobo: Os galegos respiran polo idioma.
Agustín Fernández Paz foi quen de arrombar conscientemente a diglosia errática herdada e aceptou, sen prexuízos, desde a raíz do coñecemento, a lingua propia, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios tecidos cos fíos da vida, trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se teñan convertido en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos no noso día a día.
E xa postos a recoñecer, con xustiza, porque se cadra a nosa vida é cativa e convértese nunha resolución de prioridades nas que acreditar, o esforzo da escrita foi máis aló. A Agustín Fernández Paz deberemos sempre a súa aposta pola visibilización da literatura infantil e xuvenil galega como un xénero literario maior, vestido de gala, fronte a quen se empeñar en lle apoñer sempre a etiqueta de “produto de segunda”, “xénero facilón, oportunista e escolar”, “literatura de instituto” ou “de público limitado”. Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. O reto está conseguido. A obra narrativa en galego asinada polo noso escritor está sometida a reedicións constantes, porque o lectorado galego o demanda; é traducida a varias linguas, porque outros mercados editores e lectores así o requiren; é premiada reiteradamente porque os xurados, os compañeiros de profesión, a crítica literaria, os libreiros e o lectorado recoñecen a súa calidade. E finalmente, por se aínda houber algunha físgoa de incredulidade, varios dos títulos con que nos ten agasallado recolleron premios promovidos por organismos non galegos, como o Premio Lazarillo, o Premio Nacional de Literatura Infantil, concedidos polo Ministerio de Cultura español, ou o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil, isto é, para alén do Padornelo e do Cebreiro, fronteiras para nós unicamente xeográficas, demostrando que a literatura galega, como a cultura de noso en xeral, nin é limitada nin moito menos (nos) limita ou ailla.
Porque o escritor traballa incansábel desde o centro do mundo, creando un produto literario universal, dirixido a toda a humanidade que o quixer acoller, desde unha lingua á que aínda hoxe non se lle coñecen máis barreiras que as mentais ou ideolóxicas de quen non entende que só se pode ser universal desde as propias raíces.
As palabras son médicos dos azos enfermos, sentencio Esquilo, creador da traxedia grega. Neste tempo que partillamos, realmente tráxico a todos os niveis, con preocupación polo presente e futuro da lingua galega e da cultura que esta alimenta, agradecemos a túa palabra e acción coherente. Precisamos, Agustín, dese pensamento honesto que te conduciu á non aceptación daqueloutro premio institucional hipotecado pola agresión organizada á cultura que representas.
O pasado sábado 30 de xuño, na Homenaxe Nacional promovida na honra do escritor desde a plataforma cidadá ProLingua, varios centos de persoas tivemos a oportunidade de nos achegarmos un pouco máis a Agustín, ao traballo inxente, ininterrumpido e comprometido de varias décadas a prol de valores irrenunciábeis: a normalización lingüística, a literatura galega, a xustiza social e o ensino público en galego.
Un pracer grande e un orgullo, persoal e profesional, poder partillar esta xornada de recoñecemento a un home de palabra e da palabra. Unha nova paisaxe nun novo día para gardarmos na memoria deste longo camiño en que contigo, somos e construímos a nación, como sentenciou na súa breve intervención o escritor Xabier P. DoCampo.
Neste duro contexto regresivo para a maioría social en que as hemerotecas han testemuñar a responsabilidade dos actuais representantes políticos, galegos e españois, á hora de desactivaren, e mesmo pecharen, pola vía de afogamento económico a rede de bibliotecas públicas, de eliminaren axudas á tradución de libros entre linguas cooficiais, de non apostaren por plans de lectura ou de ignoraren o forte retraemento da edición en galego, máis unha vez fomos quen de demostrarmos a resistencia histórica do pobo sementador que agarda para apañar e entregar a colleita das palabras de afecto, do orgullo solidario, da emoción amical, do agradecemento por unha obra creada en clave de pensamento colectivo.
Grazas, Agustín, por tanta xenerosidade; grazas por tanta felicidade cómplice ao abrigo das letras galegas.”
Xosé Monteagudo: “O obxectivo do réxime franquista era acabar con todas as persoas que pensasen diferente”
Entrevista a Xosé Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): Convertes a Castelao ou Bóveda en personaxes da novela [Todo canto fomos]. Podías optar por facelo ou non.
– Xosé Monteagudo (XM): Si, pero ao ser Pontevedra nos anos 20-30 un dos principais escenarios da novela, é normal que teñan relación co movemento social, cultural e político dese tempo. Era necesario que os personaxes participasen desa realidade. Ademais, parecíame unha historia moi atractiva, moi interesante para tratar na novela. Por outra banda, temos moita información histórica, política… pero non se tratou tanto como eran as relacións persoais nese ambiente galeguista, a vida cotiá por exemplo nos parladoiros dos cafés… Deuse, incluso, unha casualidade, que é que o meu libro saíu no 2016 e Castelao chegou a Pontevedra no 1916. E foi unha persoa determinante na vida social e cultural de Pontevedra.
– P: Alén da ideoloxía, o que define a uns personaxes e outros é a súa relación co poder. A submisión, ou a conformidade e o silencio, ou a rebeldía, para non deixar de ser quen se é.
– XM: É que ao contar a historia duns personaxes no século XX, o que estou a contar é a historia de como o poder reprimiu a liberdade de todos, de como unhas persoas se adaptaron á situación e outras reaccionaron. Uns aceptan a situación e a cambio teñen tranquilidade e benestar material. Outros non están dispostos a vivir segundo unhas ideas que non son as deles.
– P: Polo personaxe de Carlota sabemos que o machismo e a ignorancia ás que ela se enfrontou viñan de moito antes do franquismo. Só que este as promoveu.
– XM: Claro, é que a desigualdade vén de séculos atrás. E esa mentalidade de sometemento da muller ao home estaba moi arraigada e era asumida pola maioría das mulleres porque non coñeceran outra cousa. Ademais, esa mentalidade de sometemento das mulleres ao poder masculino, mediatizada polo poder político e social, era máis forte no rural. Era un tempo de estratificación social moi definida, de clases sociais moi marcadas, nas que os de abaixo non podían aspirar a ascender socialmente. As mulleres sufrían dobre discriminación, de clase e por ser mulleres. Carlota representa, na súa contorna, a primeira xanela a outra realidade que poden ver as mulleres ás que dá clase. E iso remove toda a configuración social da contorna, porque naquel momento era revolucionario que unha muller pensase por si mesma. (…)”
Entrevista a Eva Veiga no Diario Cultural arredor de Soño e vértice
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A escritora Eva Veiga presenta o libro de poemas Soño e vértice. Pode accederse á entrevista aquí.”