Antón Riveiro Coello: “Os tolos eran para min, desde os meus ollos de neno, a máxima expresión da liberdade”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): A crítica salientou que, ademais de ser Carlos Casares un personaxe máis, a novela tamén é unha homenaxe ao estilo literario deste autor…
– Antón Riveiro Coello (ARC): A ferida do vento é, en certa maneira, unha continuación de Casas baratas. En Casas baratas chegara á adolescencia, e esta novela, que transcorre, en realidade, nunha semana, pode lerse como unha continuación. A ferida do vento está perto da concepción literaria de Carlos Casares, en concreto da súa segunda etapa, máis realista. A miña pretensión era, como dixen, homenaxear Vento ferido e, en xeral, a obra narrativa de Carlos e as súas teimas como escritor: facer historias accesibles, cun estilo directo, suxestivo, cunha sintaxe fluída, para chegar a un público amplo que inclúa a xente que non está afeita a ler. Unha literatura popular.
Quería recrear, ademais, o mundo vilego de xeito que fose recoñecible para calquera persoa que viva nun núcleo de poboación de entre, quizais, 5.000 e 30.000 habitantes. Tamén era para min importante a inocencia como perspectiva. Carlos reivindicaba a inocencia: el trataba de contemplar o mundo cos ollos dun neno. E tamén o humor, para o que el tiña un talento natural. Ou a oralidade. Hai moitas anécdotas que tirei da oralidade. Carlos é un personaxe secundario na novela, unha persoa cunha gran capacidade para absorber anécdotas e elaboralas literariamente. Ademais, contábaas moi ben: coas súas pausas, o mantemento da tensión ata o final…
– P: É unha novela de iniciación, de aprendizaxe. Un xénero tan coñecido… É por iso que falas da inocencia o motivo de que o protagonista sexa un adolescente, de que a historia estea contada desde o seu ollar?
– ARC: É unha novela de formación, de aprendizaxe, na que están presentes a miña experiencia e a miña imaxinación. É un rapaz de 15 anos, vive nese momento no que se está a formar a personalidade e no que son tan importantes experiencias como o amor, a relación coa morte…, que van configurando o que imos ser despois… É un tema recorrente na literatura, si, e tamén é unha das chaves da miña literatura. A adolescencia, ademais, leva sendo máis ou menos o mesmo dende hai séculos, polo que creo que calquera adolescente pode sentirse identificado…
Na novela, un feito tráxico marca a Antón, que ten o seu primeiro contacto coa morte. A personaxe de Gabriela inspírase nunha rapaza que se chamaba, en realidade, Dulce María. Foi o meu primeiro amor, de rapaz. Eu tiña 13 anos. Seguindo o consello das miñas fillas e doutra xente que me dicía que así sería máis crible, decidín que o personaxe de Antón tivese 15 anos. A min pasoume como lle pasa a el: agocháronme a traxedia e ao final o silencio foi aínda peor. Claro, todo o que conto non é tampouco exactamente o que me pasou a min: está pasado polo filtro da literatura, aínda que teña unha base real. (…)”

Porto: XXII Encontros Luso-galaico-brasileiros do Livro Infantil e Juvenil, os 10 e 11 de marzo

“Meditando sobre o chamado canon (II)”, por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“Antes de continuarmos, vaiamos por outros canons. Vimos o dos editores, que é o canon das vendas. Existe tamén un canon dos clubs ou grupos de lecturas, que agora están a se pór de moda no noso país. As súas eleccións, que interesan moito a editores e xornais e que intentan guiar, son significativas: ficción, máis precisamente novelas, e máis precisamente aínda novelas “lexíbeis”; nada de “clásicos” (xa non estamos na escola), tampouco de vangarda (lectura demasiado difícil). Semellante canon é derivativo e dominado polo dos editores.
Existe outro grupo de canon que non pasa, ou non tan evidentemente, polos procesos de fetichización mercantil: os canons comunitarios. Non se negará a súa grande utilidade (en Galicia, en certa maneira, a colección, patrocinada no seu día pola Xunta, ‘As letras das mulleres’). Ora, tampouco se debe esquecer que este tipo de canons teñen unha serie de limitacións, sendo a principal, como veremos, que calquera reivindicación dunha identidade fetichiza e exclúe (fetichiza o que pertence á comunidade, o que porta reivindicación de identidade, e exclúe o que non pertence). Exemplos hai, mesmo dentro da nosa pequena literatura; e, hai un tempo, respondendo a un artigo de Manuel Veiga en BiosBardia, alguén escribiu cousas como: “A min fáiseme difícil entender como escritor galego aquel que, escribindo en galego, deámolo por sentado, na súa obra só fai referencias a outras culturas, mentres se esquece que na Galicia tamén houbo cultura, tamén houbo e hai literatura. Esta desinserción, esta deserción, é moi significativa”. Responder a estas palabras levaría moito tempo. Demasiado, e non estamos seguros de que convencésemos o máis mínimo a quen tales palabras escribiu ou aquel(es) outro(s) que concorda(n) con elas. Xa non se trata de afirmar, como escribía Otero Pedrayo hai, exactamente, cando eu estou a argallar este artigo, 89 anos e 11 días: “Pódese pensar e sentir en galego nun coarto de hotel de New York ou de París sin preciseón de que a fiestra se franquee sobre un tremelocer de ría nin a un saloucar de piñeirales. Aturúxase demasiado nas corredoiras dos libros galegos. A salvaceón virá cando os galegos podamos pornos diante a verdade ceibe do noso esprito” (“Arquivolta frolida”, El Pueblo Gallego 14-IV-29, recollido en Prosa miúda, Sada, Ediciós de Castro, 1988, edición de Aurora Marco). Otero escribiu, penso, o devandito artigo, cuxa visita recomendamos encarecidamente, contra aqueles outros escritores galegos, que tamén colaboraban en El Pueblo Gallego, que “cuestionaban” os que hoxe coñecemos como “homes de Nós”: Felipe Fernández Armesto, Otero Espasandín, Rafael Dieste, Xesús Bal e Gay e mesmo, naqueles anos, Johan Carballeira –que asinaba artigos contra a introdución do galego na escola–, etcétera. [Sería interesante facer un estudo comparado, ou, ao estilo de Plutarco, unhas “vidas paralelas” para sabermos os camiños que seguiron uns e outros. Mais estoume a afastar do tema.] Otero vía ben, como se di. E así poucos anos despois entregaría unha das súas mellores novelas onde Galicia, as referencias a Galicia, non aparecen: Fra Vernero. Como tampouco existen as referencias a unha posíbel tradición narrativa galega: inventouna el. Ora ben, nesta novela, como en Cara a Times Square, de Camilo Gonsar, ou Se o vello Sinbad…, e algunhas outras que non citarei, se ben non existen referencias a Galicia, nin á súa cultura, nin á súa literatura, nin á súa paisaxe, etc., o referente é Galicia, evidentemente. E iso é o que importa, o demais son bromas. Mais hoxe debemos ir alén, no que poidamos, de Otero. (…)”

“A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición”, por Manuel Veiga

Artigo de Manuel Veiga en BiosBardia:
“Que a literatura galega está en perigo é unha evidencia: non hai público. O público capacitado e favorábel a ler en galego desertou ou nunca chegou a sumarse. Hai que preguntarse por que.
Certo que se producen libros, que existen premios e que a nómina de autores é máis ampla que nunca. Certo que hai editoriais que fan un esforzo considerábel de difusión. Pero o problema non está aí. O problema está en que todo iso que podemos chamar o noso sistema literario respira e vive en función do ensino, nunha porcentaxe alarmante. Fóra diso quedan as presentacións de libros, onde os amigos do autor exercen un mecenado que dificultosamente consegue xerar un número mínimo de vendas. As novas técnicas de impresión que facilitan a edición de tiradas moi pequenas son sen dúbida o elemento que evitou que a literatura galega dese xa en quebra, é dicir que se limitase a publicar narracións con destino exclusivamente escolar.
A desaparición do público, xa de por si historicamente escaso por razóns coñecidas, creo que ten que ver coa infantilización progresiva do estilo e dos argumentos. É dicir, o sector seguiu, cando menos en parte, unha estratexia equivocada.
Se aínda lle podemos dicir a un visitante exterior que a literatura galega existe é porque unha persoa que se chamaba Blanco Amor decidiu escribir A esmorga, sen pensar en absoluto no público que a ía recibir (minúsculo, en todo caso, dada a época) ou porque outra persoa, chamada Méndez Ferrín, decidiu escribir Arraianos, simplemente porque sentiu a necesidade interior de facelo, non porque o mercado llo demandase. (…)”

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2017, no Panteón de Galegos Ilustres, o domingo 19 ás 12 h.

PROGRAMA

  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: A Rosalía (Letra: M. Curros Enríquez; música: J. Alfredo Oliveira)
  • Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
  • Lectura do Manifesto da AELG. Ledicia Costas.
  • Lectura de poemas rosalianos: Henrique Alvarellos (Asociación Galega de Editoras), Pilar Rodríguez (Federación de Librarías), Pilar Astray Rodríguez (Asoc. Traxe Galego), Pilar Reino (A. C. e Musical Solfa), Ramiro Torres (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra (Letra:  Rosalía de Castro; música : J. M. Capón)
  • Lectura de poemas rosalianos: Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG), Mercedes Queixas (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar (Letra: Rosalía de Castro; música: Antonio B. Celada)
  • Ofrenda floral
  • Interpretación do himno 

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Elena Gallego Abad: Pontevedra Ficción

A Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Elena Gallego Abad: Pontevedra Ficción é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG co patrocinio e colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.

Pontevedra Ficción estará a cargo da escritora Elena Gallego Abad e contará cunha lección maxistral a cargo de José Benito García Iglesias.

“Dragóns fantásticos, horribles crimes, apaixonados romances… Todo é posible en Pontevedra. As rúas da cidade, os seus edificios emblemáticos e os seus recunchos esquecidos poden converterse en territorio de novela, permitindo que a creación literaria as transforme ata os límites do maxín.
Neste obradoiro, Elena Gallego Abad conducirá as persoas participantes polos labirintos da escritura creativa e poderán materializar o soño de convertérense en escritoras ou escritores ambientando os seus propios relatos en escenarios, reais ou imaxinarios, da cidade. A creadora da saga literaria Dragal e a novela Sete Caveiras compartirá algúns dos segredos da súa adictiva narrativa, converténdose en cómplice e guiando os trazos desta aventura.
O reto? Coñecer as claves básicas da creación literaria e descubrir as súas potencialidades, materializando un proxecto propio ao remate do obradoiro.”

Información:
– Doce sesións de 2 horas (de 17:00 a 19:00).
– 20 e 22 e 23 de febreiro; 6, 8, 16, 20, 22, 27 e 29 de marzo; 3 e 5 de abril.
– 20 prazas, gratuítas, para persoas maiores de 16 anos.
– Inscrición:
Desde ás 09:00 do día 30 de xaneiro en oficina@aelg.org ou no teléfono 981 133 233
As prazas asignaranse por estrita orde de solicitude.
O obradoiro desenvolverase na Sede do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra (Rúa Padre Amoedo, 1 – Pontevedra)

Todas as sesións pretenden desenvolverse cunha estrutura dinámica e amena. A primeira xornada, de presentación, servirá para fixar os obxectivos persoais de todos os participantes. Con este horizonte, as distintas sesións propiciarán o achegamento a diversas obras de narrativa a través da súa lectura, a realización de exercicios de creación literaria, contarán cun apartado teórico (xéneros, temáticas, técnicas narrativas…) e un último apartado de análise e crítica.
O obradoiro contará coa participación do escritor e investigador José Benito García, divulgador da historia local pontevedresa.