Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía infantil promove unha actitude comprometida cara ao noso idioma”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): De onde nace a idea de Versos para conversar?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Da necesidade de tocar esa vertente e tamén dun reto proposto polas miñas fillas, que me dixeron hai dous anos: “Papá, está moi ben iso que fas, pero a ver cando fas algo específico para nós”. A raíz diso nace este libro e outros que se están a facer.
– SG: Versos para conversar indaga na tradición popular e contén algún dialectalismo da fala. Cal é a intención?
– XCDA: Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición cultural culta. Por outra banda, está a reivindicación da lingua coa chiscadela esa de poñer trazos dialectais nalgún caso que formaron parte dunha cultura milenaria potente. O galego é unha lingua viva e nosa, unha lingua moderna adaptada a calquera situación comunicativa do presente e do futuro, de aí esa vertente de reivindicar o trazo dialectal. (…)
– SG: E quizais tamén para fomentar novas e novos poetas, non?
– XCDA: As editoriais, en xeral, apostan polo máis vendíbel, e promoven que o máis vendíbel sexa a narrativa e descóidase, por exemplo, a poesía. É necesario que haxa máis textos e desde logo traballar a cotío con ela. Na miña experiencia nas aulas, son profesor de secundaria de Lingua e Literatura Galega, decátaste que moitos rapaces apenas tiveron contacto coa poesía. Isto é unha carencia do sistema educativo, pero tamén da oferta cultural. Este ano no meu centro propuxen traballar coa poesía a todos os niveis educativos. Todos os anos traio un autor e este ano veu Carlos Negro, que estivo esta semana con nós. Os rapaces implicáronse moitísimo coa poesía de Carlos Negro. O ano pasado, coa de Manuel María, o mesmo. Entón ves que a poesía é algo que lle hai que ofrecer e que hai que traballar axeitadamente e que o público, neste caso o adolescente, responde moi satisfactoriamente. (…)”

Entrevista a Manuel Lourenzo no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Foron moitos esforzos para conseguir unha institución así, era unha maneira de instalar o teatro na sociedade e que as institucións non tivesen máis remedio que contar con el”. O dramaturgo e director Manuel Lourenzo Profesor Honoris Causa pola ESAD de Galicia. Pode accederse á entrevista aquí.”

María Canosa publica Cando cae a luz

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A escritora María Canosa visita o ‘Zigzag Diario’ para falar do seu libro Cando cae a luz, que acaba de publicar coa editorial Urco. Trátase de trece relatos curtos en que a autora se introduce na temática de terror, levándoa a situacións e escenarios cotiás. María Canosa sinala a influencia de Ánxel Fole neste libro (…). Pode accederse á entrevista aquí.”