Entrevista a Tareixa Roca en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Veráns de misterio é a súa primeira novela. Resultoulle complexo?
– Tareixa Roca (TR): Eu dedícome un pouco a todo. Son moi dispersa e todo me chama. Aínda que ata agora nunca escribira narrativa, realmente todo ten unha continuidade. É certo que non é o mesmo escribir un ensaio que unha novela, pero tampouco me custou moito máis traballo que outras obras.
– EP: De onde xurdiu a idea?
– TR: Non é unha resposta fácil. Como dicía, doulle a todo, e todo me vale tamén. Esta era unha idea que me levaba moito tempo rondando pola mente, foi madurando pouco a pouco e quería compartila.
– EP: Entón esta obra contén algo especial para vostede. De que trata?
– TR: É unha homenaxe aos meus anos de bacharelato, e unha reivindicación do tempo libre. Ademais, aproveito tamén para conmemorar á miña terra, Guitiriz. Relato os meus últimos anos de instituto a través de mil aventuras e fago fincapé na importancia do tempo libre para a autonomía dos rapaces, por iso se centra no verán, que era a época na que máis vacacións tiñamos os rapaces. (…)”
Ferrín analiza nun novo libro os momentos clave nos que se manipulou a figura de Castelao
Desde La Opinión:
“Sempre en Galiza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao está considerada a Biblia do galeguismo. Hoxe, podemos conseguilo sen problemas. Non iremos ao cárcere; non nolo confiscarán; non sufriremos torturas. Mais dende que se publicou en Bos Aires no 1944 ata expirar a ditadura de Franco, portalo podía supoñer acabar entre reixas. A pesar dos riscos, un rapaz de 15 anos chamado Xosé Luís Méndez Ferrín facíase cun exemplar prestado no 1953. Nunca máis prescindiría dos postulados desta catedral de principios. Estes días, chega ás librarías o novo libro de Ferrín, Castelao é noso (Alvarellos Editora) onde expón os momentos cumio nos que se manipulou o legado do histórico galeguista.
Castelao é noso tamén lembra como Ferrín logrou o Sempre en Galiza. Por teléfono, explicaba onte o escritor e exdirector da Real Academia Galega (RAG) o que sentiu ante aquelas páxinas: “Resultoume moi emocionante e incluso perigoso. Era un libro prohibido, ilegal, transmitido de forma clandestina a través de mariñeiros de barcos de liñas regulares que colaboraban na difusión”.
A súa nova obra recompila 13 artigos publicados neste diario entre 2007 e 2020 en No fondo dos espellos. Os textos falan —como sinala no limiar Fernando Ramallo— do “apropiacionismo” da figura de Castelao, “un suxeito político radicalmente republicano, nacionalista federalista, contrario á monarquía” pero que nos últimos anos foi defendido por determinados políticos —Núñez Feijóo, por exemplo— como monárquico. “Castelao era republicano e morreu como tal”, recalcaba onte Ferrín polo teléfono. A continuación, algúns exemplos da usurpación. (…)”
Pontevedra: Obradoiro de creación literaria Correspondencia, impartido por Míriam Ferradáns
O Obradoiro de creación literaria Correspondencia, impartido por Míriam Ferradáns, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.
As cartas adoitan ser paisaxes íntimas, ensoñacións demoradas, lugares para un só destinatario, espazos en branco, ausencia de inmediatez, contrarréplica tardía e a posibilidade de explorar os límites permeables entre unha misiva e un poema.
Xogar con esa distancia. Aprender dela. Intentalo.
– Actualmente está cuberto o número de prazas dispoñíbeis. Todas as solicitudes que cheguen a partir deste momento incluiranse nunha listaxe de reserva.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase mediante correo electrónico en oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro. As prazas asignaranse por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.
– O obradoiro desenvolverase na Aula da Escola de Escritoras-es da AELG (Seminario 7), no Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n).
Calendario
– Días: sábados 7, 14 e 21 de setembro; 5 e 26 de outubro; e 2, 16 e 23 de novembro de 2024.
– Horarios: de 11:00 a 13:30 h.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
A Ramallosa, Teo: entrega do Caxato de Avelino Pousa Antelo a Carmiña de Soutomaior, o 20 de agosto
O 20 de agosto, ás 12:00 horas, no Parque Avelino Pousa da Urbanización Os Verxeis en Oza (Concello de Teo), organizado pola Irmandade Avelino Pousa Antelo, a Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos, terá lugar o acto de entrega do Caxato de Avelino a Carmiña de Soutomaior. Na laudatio intervirá tamén Marica Campo. O acto estará presidido e coordenado por Alfonso Blanco Torrado, Baldomero Iglesias “Mero”, Esperanza Lema, Héitor Picallo, Martiño Picallo, Miro Casabella, Raúl Galego e Xosé Valdi (creador do Caxato). Logo do acto no Parque Avelino Pousa terá lugar un xantar de irmandade no Restaurante María Castaña da Ramallosa (é preciso avisar, antes do 16 de agosto, no teléfono 636032750).