Ourense: Pendanca e oso, con María Lado e Lucía Aldao

O martes 27 de decembro, ás 21:30 horas, no Café Cultural Auriense (Praza do Correxedor, 11), en Ourense, María Lado e Lucía Aldao protagonizan o recital de poesía, humor e música Pendanca e oso, unha fábula aldaolado sobre o amor. O prezo da entrada é de 5 euros.

Paul Bilbao (Kontseilua): “A lingua minorizada debe ser prioritaria no seu territorio perante a hexemónica”

Entrevista a Paul Bilbao en Sermos Galiza:
“O Kursaal donostiarra acollía hai uns días a posta de longo do Protocolo para garantía dos dereitos lingüísticos, unha ferramenta que supón, en palabras de Paul Bilbao naquel acto, secretario xeral de Kontseilua, “un exercicio práctico de empoderamento” da trintena de comunidades lingüísticas existentes en Europa, entre elas o galego.
– Sermos Galiza (SG): O Protocolo de Donostia é unha ferramenta que nace dunha participación ampla, case sen precedentes, de axentes implicados en toda Europa na defensa do que se ten denominado linguas minorizadas..
– Paul Bilbao (PB): A inciativa enmárcase dentro da Capital europea Donostia 2016. Cando se presentou o proxecto a Bruxelas a previsión era facer unha conferencia sobre o que chaman linguas minoritarias. Cando Donostia 16 se puxo en contacto con Kontseilua, como organismo que aglutina ao movemento do euskera, nós deciamos, “outro congreso?”. Outra vez máis xuntarnos, contarnos as penas? Por que non facemos algo que deixe marca, algo que deixe legado? Démoslle voltas, decatámonos que no 2016 a Declaración de dereitos lingüísticos faría 25 anos e dixemos, por que non facemos un protocolo? E animámosnos, tendo clara unha liña vermella: que o protocolo ía ser consensuado unicamente por axentes sociais. Os axentes sociais que traballamos coas linguas somos os suxeitos que realmente traballamos desde as necesidades das linguas sen ningunha interferencia política, independentemente de quen estea no goberno. Polo tanto, este exercicio de empoderamento que fixo a sociedade civil organizada que traballa a prol das linguas minorizadas concretouse nese consenso após un traballo sobre cales son as 185 medidas que se deben de tomar para garantir os nosos dereitos.
– SG: Fas fincapé en que é a sociedade civil a que ten a chave, a que impulsa o proceso, iso implica tamén unha responsabilidade importante por parte dos axentes que fan parte deste protocolo…
– PB: O obxectivo do Protocolo non é dicir aos demáis o que teñen que facer. A sociedade civil debe ser consecuente e actuar con responsabilidade. Xa o ten feito así. Eu tiven a sorte nestes meses de coñecer aínda máis sociedade organizada a favor de linguas minorizadas e decátaste que a sociedade civil está ao pé do cañón: creando espazos de uso, creando falantes, medios de comunicación, reivindicando… E iso pasa co galego, co frisio, co friuliano ou o euskera. Nós cremos que grazas á sociedade civil se deron pasos moi importantes e imos seguir actuando con esa responsabilidade. (…)”

Dispoñible a Axenda Feminista 2017 do Observatorio da Mariña pola Igualdade. Galegas en leiras de mar e terra

Como vén sendo habitual por estas datas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de editar a Axenda Feminista 2017 que xa está dispoñible en diferentes puntos de venta.
Non podía faltar este clásico do Observatorio que xa vai pola súa séptima edición e que, un ano máis, escolle a 12 mulleres para protagonizala. Se en anos anteriores a Axenda Feminista se centrou máis en ámbitos cultuais e se dedicou ás músicas, escritoras, teatreiras, poetas ou científicas galegas, para este 2017 que está a piques de comezar o Observatorio quere valorar e visibilizar o traballo de 12 mulleres que traballan no sector primario, unha por cada mes do ano. Mulleres que dan nome á axenda, Galegas en leiras de mar e terra dende os seus proxectos vitais e laborais traballan a terra e o mar de Galiza para alimentarnos.
Para o Observatorio da Mariña pola igualdade é un orgullo contar con Marta Juncal, bateeira de Vilanova de Arousa; Xulia Bande, viticultora de Leiro; Nieves Medina, conserveira de Xove; Eva Beres, queixeira de Ordes; María del Carmen Suárez, percebeira de Corme-Ponteceso; Anxos Orgueira, produtora de Palas de Rei; Carmen Abad, mariñeira de Xove; Nieves Fernández, gandeira de Viana do Bolo; Beatriz Molanes, redeira do cerco de Cangas; Mercedes Alonso, gandeira de Cotobade; Carmen Formoso, mariscadora de Carnota e Clara Basanta, gandeira de Trabada.
A Axenda Feminista 2017 modifica este ano o formato de axendas anteriores: tamaño A5, tapa branda, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. O deseño das tapas correu a cargo da deseñadora Mónica Justo, e que se basea na figura de Maruxa Mallo, a cal protagoniza o día das Artes Galegas o 1 de abril de 2017.
O prezo da axenda son 13 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 11 euros) e pódese atopar nos seguintes puntos de venta:
– Ribadeo: Libraría Casa das Letras.
– Foz: Libraría Bahía.
– Burela: Libraría Espacio Lector Nobel.
– Viveiro: Libraría Porta da Vila.
– Vilalba: Papelería Pergamino 2.
– Lugo: Libraría Trama.
– Santiago de Compostela: Libraría de mulleres Lila de Lilith.
– A Coruña: Livraria Suévia.
– Vigo: Libraría Andel.
– Allariz: Aira das letras.
– Pontevedra: Libraría Paz.”

O máis destacado do 2016 cultural

Desde Sermos Galiza:
“2016 foi un ano de efemérides (centenario das Irmandades, do nacemento de Cela, 150 de Valle-Inclán…) e de mortes demasiado precoces. Pero tamén houbo boas novas e aquí queremos facer un repaso do que nos pareceu máis salientable. Nos comentarios podedes facer as vosas propias achegas.
1. A morte de Agustín Fernández Paz e Narf. O 2016 foi un ano negro para a cultura en xeral e alén dos pasamentos de David Bowie, Prince, Harper Lee ou Leonard Cohen, en Galiza tivemos que lamentar a perda antes de tempo de Fernández Paz, un dos nosos escritores máis lidos e máis queridos; e de Narf, figura destacada da música galega. E non podemos esquecer tampouco a actriz Dorotea Bárcenas, o baixista de Zënzar ‘Tabe’ ou o poeta Fran Cortegoso.
2. Ano das Irmandades. Foi quizais o acontecemento cultural máis amplo do ano, celebrado tanto desde as institucións como desde a cultura de base, con congresos e actividades múltiples, entre elas a exposición Saúde e terra irmá(n)s!.
3. Ano Manuel María. O poeta chairego foi longamente homenaxeado -por terra, mar e aire- e a súa obra foi levada a todos os eidos: teatro, música, audiovisual, maxia…
4. Ano Castelao. Dúas exposicións destacables e unha morea de actividades arredor da súa obra por toda a provincia de Pontevedra, nunha programación levada adiante pola Deputación. (…)
10. Compostela, cidade convidada na Feira de Bos Aires. Co correspondente desembarco de empresas e autores e autoras, ademais da entrada de Galaxia no mercado español co selo Mar Maior. (…)
13. Unha nova editorial especializada en poesía, Chan da Pólvora. Á chegada hai pouco de Apiario hai que engadirlle esta nova editora, da man de Antón Lopo e compañía, con libraría compostelá incluída do mesmo nome. E outra libraría máis especializada en poesía: Linda Rama na Coruña. (…)
Bonus track: Neste 2016 o poeta Fernán Vello entrou como deputado da Marea no Congreso e o músico Mini fixo o propio no Parlamento galego.

Un ano de premios e de cambio de modelo na Deputación da Coruña

Artigo en Sermos Galiza:
“Novos nomes e persoas xa coñecidas nos distintos ámbitos culturais déronse cita no acto de entrega dos premios das áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña deste ano que premiaron, entre outros e outras, as escritoras Eli Ríos e Lorena Conde e o escritor Vicente Luís Mora, ás bandas Bala e Colaxe en música infantil, a Pablo Carpintero e Lidia Neves en artesanía, a Emilio Fonseca en banda Deseñada ou a David Calle en arte. Os premios de lingua recoñecen o labor de Xabier P. DoCampo, a Semente e Correlingua. A lingua e a presenza de mulleres foron claras protagonistas no acto de entrega que se desenvolveu na mañá do xoves 22 de decembro na sede da Deputación.
Os premios recoñecen nesta edición, como destacou Goretti Sanmartín no acto, a persoas creadoras e investigadoras con xa importante tradición no noso país, como Pablo Carpintero, que gañou o premio de Artesanía cunha reprodución da gaita de fol dunha cantiga de Santa María ou o escritor Xabier DoCampo, “gran mestre e, sobre todo, mestre do entusiasmo en cuxo ronsel navegamos”, dixo. Descobren tamén novos nomes para a cultura como o caso de Emilio Fonseca, que con Fóra de Mapa resultou elixido polo xurado da décimo primeira edición do certame de Banda Deseñada Castelao, Lorena Conde, con longa traxectoria como actriz que se dá a coñecer como poeta co Premio González Garcés polo seu libro Entullo ou Eli Ríos, con obra como poeta mais que asina en Luns a súa primeira novela para público adulto que nace xa co Torrente Ballester. Esta é tamén a edición en que, por primeira vez, o premio de narrativa se convoca en dúas modalidades, unha para obras en lingua galega e outra para obras en lingua castelá, da que resultou gañador o escritor Vicente Luis Mora coa novela Cabeza de vaca. Con 25.000 euros cada un, o Torrente Ballester converteuse no certame con maior premio económico dos convocados en Galiza. (…)”

Daniel Asorey: “Interesábame plasmar de que forma un pobo que acaba de se liberar da opresión é quen de oprimir”

Entrevista de Montse Dopico a Daniel Asorey en Praza:
“A República das Santas Irmandades da Galiza, estado independente que xurdira do triunfo da revolución irmandiña, agocha as miserias da Compañía Galega de Indias no discurso sobre a prosperidade nacional. Galiza aliárase cos indíxenas do Brasil, unha das súas colonias, para deter as pretensións portuguesas. Vencera a Portugal e Castela mais, moito tempo despois, os fascismos portugués e castelán ameazaban a república galega, gobernada por Castelao. Todo isto e moito máis pasa en Nordeste, a novela coa que Daniel Asorey gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol. Unha ucronía que imaxina un pasado distinto a unha realidade “subalterna e silenciada” como a galega. Mais sen idealizacións. E rompendo, malia que se cadra non o pretenda, uns cantos mitos.
– Praza (P): A República das Santas Irmandades de Galiza é un Estado independente, mais imperial, cunha historia colonial. Por que darlle a volta a historia así? Quero dicir, poñerlle a un país cuxa historia foi negada un pasado colonial, imperial…
– Daniel Asorey (DA): Cando escribín esta novela tiña claro que pretendía darlles voz aos que non tiveron nin teñen voz, entre eles, por suposto, a miña nación, unha matria que leva vivindo séculos silenciada nunha situación de subalteridade. Para iso inventei a República das Santas Irmandades da Galiza, unha terra que cando comeza a novela semella ser o que moitas e moitos quixeramos que tivese acontecido. Unha República próspera nacida dunha revolta, que existiu, contra os señores feudais, e que aquí, na novela, triunfou. Mais eu non pretendía facer unha utopía, non quería contar un conto de fadas. O que hai nunha das tramas do texto é unha ucronía que consiste en responder á pregunta: Que acontecería se os irmandiños gañasen? (…)
– P: Que escribiches antes? Desde cando escribes e por que e a primeira vez que publicas unha novela?
– DA: No ámbito de ficción, antes desta novela escribín relatos que resultaron premiados en distintos certames como o da Asociación Cultural Cidade Vella, en 1988, o de Relato Curto Terra de Melide 2001 ou o Manuel Murguía en 2002 e tiña publicado en revistas e en obras colectivas. Escribo dende cativo, por necesidade, para respirar no medio dunha realidade que moitas veces abafa, aínda que nunca falei diso en público, por pudor e porque un nunca está seguro da calidade do que fai e, por suposto, aspiraría a facelo mellor.
Creo que por iso lle chamou a atención mesmo a xente coñecida. Alén diso, eu para escribir unha novela preciso un tempo continuado que ao traballar resulta difícil de atopar. Penso que escribir ha ser semellante a ser unha tecelá que debe ir devagar, ao xeito. Na cabeza hai unha idea e tes que atopar e unir os fíos para construíres eses mundos novos. Nese sentido, o premio Repsol supón unha axuda, un ánimo grande e aporta unha certa confianza nun mesmo.”