A Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 6
O xoves 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 20:00 h. Concerto-presentación de Alegría!, con Sergio Tannus, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Presentación de O meu pesadelo favorito, de María Solar, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Mercedes Queixas, María Lires e Francisco Castro.
Cuestionario Proust: Elías Portela
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Elías Portela:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ter mala memoria.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A ética.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– ADHD.
5.– A súa ocupación favorita?
– Atoparlle sentido ás cousas.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A do dervixe rodopiante ou a do submarinista.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O abandono.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha bacteria anaerobia.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun país seguro e por ende: cun estado de benestar, onde se respectase a natureza sen deixar de lado a tecnoloxía e cuxa sociedade e goberno conxugasen sen demagoxias a transparencia das institucións e a privacidade dos cidadáns. Calquera sitio e ningures.
10.– A súa cor favorita?
– Depende dos beizos.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Difícil pergunta! Vai unha semana, miña nai mercou as flores máis perfectas que eu vira na miña vida, gloriosas!, pero non lles sei o nome e ademais fedían coma un morto de tres semanas ao que lle mexaran enriba. Eran algo terrible!, aínda que conceptualmente eran como unha instalación artística moi provocadora (en parte polas náuseas e os malos ratos no salón). O certo é que eu non merco flores NUNCA porque non as entendo e a cousa acabaría mal. Con todo, teño certa empatía polo hibisco, se cadra a flor que máis desfruto normalmente, e cando era pequeno xogaba con pasifloras porque son como un parque de atraccións en miniatura. Nunha época da miña nenez tamén xoguei cunha especie de flores-corneta con forma de “J” invertido (igual ca eses respiradoiros nos barcos de antano por onde se coaban os polizontes), eran rarísimas! e de cor morada escura, mais nunca lles souben o nome e dun ano para outro desapareceron sen que as volvese atopar nunca máis por ningures, polo que as teño mitificadas… Aínda que se che son sincero, eu son máis de madeira, herbas e musgo, non che son de flores a non ser que se coman. Se cadra ter unha linda orquídea da vainilla sería o ideal.
12.– O paxaro que prefire?
– En principio unha ave fénix, aínda que tan só é un mito. Se me teño que ater a paxaros reais, se cadra a bubela, que a teño tamén mitificada porque só a dei visto unha mísera única vez de pequeno e coa crista baixa. Mais no fondo coido que os que verdadeiramente me encantan son eses córvidos tamaño can que hai polo norte e que contan que se poden amestrar e ensinarlles a dicir palabras e fan coma se falasen. Non lembro quén escribiu iso de “serás acaso un paxaro negro ou a escuridade mesma que voa?”.
13.– A súa devoción na prosa?
– Agora mesmo non teño “devocións”.
14.– E na poesía?
– Tampouco, aínda que as ideas do creacionismo literario si que poden entrar dentro da “devoción”.
15.– Un libro?
– Un dicionario.
16.– Un heroe de ficción?
– Ou ben Atenea ou Arale Norimaki.
17.– Unha heroína?
– A de Lou Reed.
18.– A súa música favorita?
– Calquera que lle vaia ben ás miñas neuronas: clavicémbalo, medieval, folc, certos tipos de techno, jazz, heavy… Gústame principalmente a música impredicible, pero tamén pode ser moi monótona e repetitiva con tal de que non siga estruturas facilonas como as que aparecen nos grandes éxitos do momento ou en Eurovisión, porque ese tipo de música me resulta obsesiva e insultante e se non estou afeito a ela pode poñerme de moi mal humor. Non soporto tampouco a disneyficación das voces do pop actual que soan a gominola e a castración. Polo resto vaime o que sexa; teño gustos moi moi amplos.
19.– Na pintura?
– Na pintura teño predilección por todo aquilo que sexa tecnicamente figurativo pero que pareza abstracto, é dicir, que podería ser coma unha fotografía mais que cando se contempla destacan as texturas, as cores, os contrastes, a forma… por riba do que o cadro representaría directamente.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Médicos Sen Fronteiras.
21.– O seu nome favorito?
– Antananarivo, Max Estrella, capsicum…
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O acoso.
23.– O que máis odia?
– O fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non me vexo agora mesmo desprezando o pasado.
25.– Un feito militar que admire?
– As orxías.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cordas vocais máis fortes e un diafragma no seu sitio.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Supoño que en privado.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O sono e a fame.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A incultura e calquera tipo de alienación mental.
30.– Un lema na súa vida?
– Lwymainovasala.”
Veu visitarnos… Clara do Roxo
Entrevista a Clara do Roxo en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que a levaron a escribir?
– Clara do Roxo (CR): A necesidade de plasmar os meus sentimentos foi a primeira motivación. Na actualidade só escribo ficción, preciso poñer nun papel as historias que inventa o meu maxín, algunhas baseadas na realidade, outras non.
– FL: E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?
– CR: Non pensei nunca que podería ser unha escritora de literatura infantil. Eu escribía para adultos e creaba pequenos contos para o meu fillo Roque. Francisco Castro leu un deses contiños nun obradoiro que fixen con el e pareceulle que podería publicarse. Así comezou todo, aínda non saio do meu abraio.
– FL: Vostede ten unha ampla bibliografía que abrangue especialmente tanto a narrativa breve como a literatura infantil. É difícil separar eses dous mundos cando se senta a escribir?
– CR: Pódense separar sen problema, teñen puntos en común e diferenzas que non son tan grandes. Tan só teño que ser consciente do lector ao que vai dirixido cada texto. A técnica que utilizo é pensar que falo co lector e póñome ao seu nivel, sexa adulto ou neno. Entón é doado.
– FL: Qué é o que busca transmitir coa súa literatura?
– CR: A miña literatura ten moito de compromiso, dentro de calquera das miñas historias de ficción atópanse temas como o maltrato ás mulleres, a igualdade, o respecto, a pederastia, o acoso laboral, o acoso escolar, as enfermidades mentais, as desigualdades sociais… todo aparece entrefebrado nos meus textos, para min é tan importante entreter ao lector como dar visibilidade a problemáticas que existen na sociedade, e mesturar ambas cousas é sempre un obxectivo que teño en mente. Non falo de leccións morais, as leccións morais espántanme, pero si quero poñer á vista do lector temas que moitas veces agochamos ou non queremos ver. En definitiva, que o lector se atope no dilema moral de tomar partido cando poño a pelota no seu tellado. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritora?
– CR: É o máis importante para min como persoa individual, é o recuncho onde espallarme, onde soltar o maxín e deixalo libre. Non é unha afección, é unha necesidade.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de dedicarse ao oficio de escritora?
– CR: A falta de tempo. Eu non vivo da escrita, teño outro traballo que non me dá tantas satisfaccións. E teño familia coa que me gusta estar, así que teño que coller o pouco que me queda para a literatura. (…)”
A Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 5
O mércores 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 18:00 h. Presentación do libro-disco Canta a lúa coas estrelas, con poemas de Rosalía Merlán musicalizados por Manoele de Felisa e ilustracións de Isa Albela. Publicado por Técnicas de Gramaxe.
– 18:00 h. Celia Díaz e María Seoane asinan exemplares de Velaí vai o papaventos, na caseta da Libraría Aenea.
– 19:00 h. Alfredo Conde asina exemplares de ColeccionAn, 69 poemas de amor, publicado por Trifolium.
– 19:00 h. Presentación dos libros Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde, publicados en Baía Edicións, coa presenza do encargado da edición do primeiro, Xosé Manuel Sánchez Rei, e o autor do segundo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, xunto a Marica Campo.
– 19:45 h. Presentación de O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Laura Veleiro, Héctor Pose, o ex-futbolista Donato e Francisco Castro.
– 20:00 h. Chuches Amil dará un concerto do seu libro-disco Un conto ao revés, publicado en Galaxia.
– 20:30 h. Presentación de Xeixos, de Suso Lista, publicado por Embora.
– 21:15 h. Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro presentan a resolución do Premio Novo Xornalismo e do número de verán da revista Luzes.
Garrincha, o mítico futbolista brasileiro que dá nome a unha novela galega
Artigo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Chamábanlle o “Anjo das pernas tortas” ou “alegria do povo” e os dous nomes acaíanlle ben a Manuel Franco dos Santos, Mané, coñecido para a historia do fútbol mundial como Garrincha (1933-1983). Un dos nomes míticos do fútbol mundial forma parte do título da primeira novela de Beatriz Maceda, O álbum de Garrincha (Galaxia) que a autora presenta, canda Donato, o ex-futbolista do Deportivo, nesta cuarta feria na Feira do Libro da Coruña. (…)
A novela de Beatriz Maceda evoca a historia do futbolista brasileiro en O álbum de Garrincha, unha novela que fala de fútbol mais tamén de integración, de superación das dificultades e de solidariedade. “Son mestra e desde hai anos temos aulas multiculturais e dinme conta de que chegan coa morriña nos ollos, cunha tristura inmensa, sen ser referente de nada e vin que o fútbol é un deporte democrático co que a integración pode ser rápida”, explica a escritora da orixe da súa novela que quixo dar outra imaxe do fútbol, alonxada do mundo dos cartos que rodea aos deportistas de elite.
Unha das sortes foi dar co Garrincha, un personaxe que a fascinou e que, sen ser protagonista, evócase no libro. “O meu home e meu fillo faláronme del e pareceume unha figura extraordinaria e un compañeiro perfecto para João, era un exemplo de superación, o modelo que precisaba”, sinala Beatriz Maceda. “Interesábame transmitir a idea de que si queres facer algo e tes ilusión tes que loitar para conseguilo, non deixalo no primeiro atranco”, defende e, para iso, a figura de Garrincha non podía ser máis acaída.
Se poucos son os libros escritos arredor do fútbol, menos aínda os que teñen unha muller como autora. O de Beatriz Maceda pódese gabar de ser o primeiro na nosa literatura. “É un mundo masculino, é, e nunca pensei niso á hora de escribilo mais tamén é hora de mudar iso e cada vez son máis nenas as que xogan tamén no patio ao fútbol”, apunta a autora. (…)
As cantigas de Códax xa teñen unha tradución ao xaponés
Desde El Correo Gallego:
“As sete cantigas de amigo do xograr galego Martin Codax, que o bibliófilo Pedro Vindel atopou no ano 1914 no pergameo que lle serviu como forro á encadernación dunha copia manuscrita feita no século XIV do tratado De Officiis de Cicerón e que marcaron un fito por amosar por vez primeira a música da lírica profana medieval, xa se poden ler en xaponés, mercé á nova edición bilingüe galego-xaponés do lingüista Takekazu Asaka, un profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio considerado o embaixador do galego máis famoso do Xapón.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer o novo volume onte nun acto celebrado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) no que participou tamén o autor e no que destacou que “se trata dun traballo que contribúe a reforzar a proxección exterior do galego, mais sobre todo a prestixiar a lingua galega da man dun dos tradutores máis recoñecidos e a fortalecer as pontes que comunican a cultura galega con outra tan diferente como pode ser a xaponesa”.
Acompañáronos na presentación o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, autor do limiar que abre a obra; o académico da lingua e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei e mais o secretario do CRPIH, Armando Requeixo.”
María Reimóndez: “Responderei ás preguntas do publico lector sobre a novela”
Entrevista de Carme Vidal a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“A protagonista da nova novela de María Reimóndez é MK, unha cantante que antes foi Manimekalai, unha nena do Támil Nadu rural. Desde alí, a escritora responderá ás preguntas do público lector arredor do mundo de A música dos seres vivos, a terceira novela do “Ciclo dos elementos”. As preguntas deixaranse na súa páxina de facebook e a autora responderá a través de textos publicados en Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): A música dos seres vivos é a terceira novela do “Ciclo dos elementos” do que tamén forman parte Dende o conflito –gañadora do Xerais 2014– e En vías de extinción. Que dimensión ten este proxecto literario?
– María Reimóndez (MR): É un proxecto literario amplo e orgánico que me obriga a estar en constante tensión e manter vivas todas as personaxes un período de tempo moi longo. É un desafío manter as súas voces, buscarlle a cada unha a estrutura correcta, ter conta das decisións que tomo en cada novela porque determinan o resto. Realmente é un exercicio moi complexo pero ao tempo moi divertido, gústanme os desafíos. Tamén creo que é unha posibilidade de tecer comunidade coas persoas que len, facelas partícipes dun espazo moito máis amplo e tamén facelas donas das historias porque elas mesmas poden elixir en que orde coñecer a estas personaxes, dende que ángulo, con quen están as súas complicidades e alianzas. Por exemplo, entre A música e En vías hai unha proximidade ata o punto de que cada novela dá claves do que pasa na outra e vemos por veces o mesmo momento, por exemplo cando se coñecen Gaia e MK, dende dúas ópticas diferentes. Aínda así cada novela é moi diferente das demais, o único que teñen en común é que se centran nunha personaxe concreta.
– SG: Un “ciclo” literario tan prolongado e con tal dimensión é singular en si mesma. Por que decidiu deseñar e afrontar un proxecto tan amplo?
– MR: Gústame este proceso de complicidade coas personaxes e as lectoras. Implica dar de min mesma un anaco grande e poñer a proba a miña capacidade como escritora. Mais tamén, como en todas as cousas que escribo, o que me levan son as personaxes, as arestas e as rupturas de silencios, a (re)creación de identidades posibles. Un ciclo tan longo dáme a posibilidade de explorar moitos aspectos dende ángulos moi diversos.
– SG: A música dos seres vivos relata a historia dunha cantante de moda, MK, nada nunha aldea de Tamil Nadu, que se relaciona con Gaia, personaxe que xa atoparamos En vías de extinción. Como se establece esa rede de personaxes que poboan o ciclo literario?
– MR: A dicir verdade todo comezou porque quería tratar a relación entre tres personaxes, Gaia, Aurora e Clara (haberá que ir remexer a En vías a ver se as atopades, todo comeza aí!) pero as súas historias comezaron a complicarse tanto que decidín que non podía facer unha única novela. Ao tempo, empezaron a aparecer personaxes “secundarias” que tiña a necesidade de explorar, como MK ou Saínza, a protagonista de Dende o conflito. Como comentaba, a todas estas novelas subxacen unha serie de acontecementos que só se entenderán cando o ciclo estea completo e para quen lea todas as novelas. A maneira de contalas é o que me interesa, rompendo a linealidade e facendo que sexan as lectoras quen compoñan os anacos ata revelar o que realmente aconteceu. (…)
– SG: En especial nos últimos títulos, vostede desenvolve un esforzo especial en dar a coñecer a súa obra e en difundir, coa rede como soporte privilexiado mais tamén coa súa presenza en actos, as súas novidades editoriais. Ten que ser ese un labor da propia autora?
– MR: Non creo en solucións de prescrición para este tipo de cuestións, creo que cada autora ten que atopar o espazo no que se sinta cómoda, simplemente. No meu caso concibo a escrita como participación nunha comunidade e polo tanto gústame compartir os espazos coas lectoras. As redes sociais permiten isto pero tamén, máis importante aínda no presencial, o feito de pertencer a un sistema literario coma o galego é fundamental. Aquí esa comunidade, definida pola lingua, é moito máis próxima e por moito que esta proximidade se demonice a miúdo, tamén moito máis cómplice, o cal non quere dicir nin compracente nin acrítica. Cada vez me resulta máis difícil de aceptar a ladaíña de que “aquí se coñece todo o mundo e non se pode criticar nada”; sorpréndeme especialmente porque a) creo que somos moi duras/os con nós mesmas/os, moito máis ca en sistemas literarios hexemónicos; b) non creo na distancia como valor per se, creo que é un marco de pensamento totalmente patriarcal en liña coas obsoletas ideas de “obxectividade” e “”neutralidade”. Para min, simplemente, a proximidade é un valor, só hai que traballar dende a honestidade. Dende ese marco, se ben é certo que non ter un sistema movido en exclusiva polo comercial implica unhas dificultades claras (por exemplo en canto a pretender vivir do que unha escribe), a nivel político dános (ou daríanos se nos concentrásemos máis niso e menos noutras cousas) moita maior liberdade para crear o noso canon dun xeito menos hexemónico e máis compartido. Aí cada quen toma a súa postura, hai quen segue indo pola vía prescritiva de dicir que obras hai que escribir, que obras hai que ler, que obras hai que crear, e outras que preferimos ir pola vía do traballo mutuo con quen le e coa lectura social dos textos, para min moito máis vizosa e necesaria sobre todo en tempos de desafección literaria. No meu caso, pois, entendo o meu papel como autora como parte desa comunidade, eu contribúo a ela cos meus textos e a presenza na medida das miñas posibilidades (que ás veces non son moitas, dado que non só traballa en precario quen le senón moitas das persoas que escribimos, moitas delas autónomas coma min). Dito isto, as autoras podemos elixir posición, pero creo que das institucións hai que esixir certos mínimos, dende a defensa e respecto pola lingua, a promoción do libro e a lectura, e xa non digamos a remuneración dos traballos que se fan, o respecto aos traballos creativos que non poden facerse gratis et amore para as institucións so argumentos de “irnos promocionar”, como parece ser moda ultimamente, máis co tema da crise. (…)”
A Coruña: actividades literarias destacadas do martes 4
O martes 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Presentación de A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, publicado por Baía.
– 19:30 h. Sinatura de Mercedes Leobalde, autora de Funambulistas, publicado por Xerais.
– 19:45 h. Presentación de A galera de Xelmírez, de Xabier Paz, publicado en Xerais, coa participación de Begoña Varela.
– 20:00 h. Concerto arredor de A gramola gominola, publicada en Galaxia.
– 20:45 h. Presentación-recital do novo libro de poemas A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado en Xerais.
A Coruña: actividades literarias destacadas do luns 3
O luns 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Presentación de 24 cantigas de nanar, un aloumiño e un arrolo, de Paco Rivas, publicado por Edicións do Cumio. No acto participan, xunto ao autor, Xesús Alonso Montero e Cándido Meixide.
– 19:00 Xosé Manuel Lobato asina exemplares de Elos de cinza, publicado por Ézaro, na Secretaría.
– 19:30 h. Sinatura de Antonio Tizón, autor de A antesala luminosa, publicado en Xerais.
– 19:45 h. Presentación de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais, coa participación de Xabier P. DoCampo.
– 20:30 h. Presentación de Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, publicado en Xerais, coa participación de Prudencio Viveiro.
– 21:15 h. Presentación de Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais, coa participación de Manuel Bragado.