Entrevista sobre O álbum de Garrincha con Beatriz Maceda
Desde Galaxia:
“Beatriz Maceda falou onte con Xesús Gómez Miño sobre O álbum de Garrincha, para o programa de radio Sempre en Galicia que se emite desde Montevideo (Uruguai) na AM 770 Radio Oriental, escoitada tamén na Arxentina. O programa Sempre en Galicia, decano na diáspora en galego, levou nunha mañanciña xa primaveral en Montevideo á comunidade galega “un vento dende a beiramar do Orzán” a través das palabras da escritora. A entrevista foi, en palabras do seu conductor, “ese aire fresco que rezuma a terra, a lingua e as lendas das idas e voltas que son a nosa vida de migrantes”. Pódese escoitar o audio aquí:”
O frío azul, de Ramón Caride, no Zig-zag da Televisión de Galicia
Cuestionario Proust: Paulino Vázquez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Paulino Vázquez:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Sensibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-A coherencia.
4.– A súa principal eiva?
-Desordenado.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Estar coa familia e poder ler e escribir.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Que lle pase algo malo aos meus seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
-Poeta menor.
9.– En que país desexaría vivir?
-En Inglaterra, sen dúbida.
10.– A súa cor favorita?
-Ocre.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Xasmín.
12.– O paxaro que prefire?
-Pardau.
13.– A súa devoción na prosa?
-Sterne, De Quincey, Chesterton.
14.– E na poesía?
-Eliot.
15.– Un libro?
–Con pólvora e magnolias.
16.– Un heroe de ficción?
-O Tristram Shandy.
17.– Unha heroína?
-Jane Eyre.
18.– A súa música favorita?
-Bach.
19.– Na pintura?
-Vermeer.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Os meus pais.
21.– O seu nome favorito?
-Aser.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-O abuso.
23.– O que máis odia?
-O odio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
-Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-A fortaleza.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Rezando os salmos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Con neura.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que veñen da debilidade humana.
30.– Un lema na súa vida?
-Libros, poucos.”
Casas literarias: Celestino Fernández de la Vega
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Celestino Fernández de la Vega, Cilistro para os amigos, é un claro exemplo de intelectual no que o contexto natalicio, o espazo e paisanaxe infantes e xuvenís, acaban por conformar un xenuíno modo de ser.
Cilistro naceu en Friol, o 23 de setembro de 1914. A vila luguesa, próxima á Lucus Augusti de selo romano, é toda ela unha landa de antigos señoríos, con pazos e torres medievais que gobernan un territorio de casas fortes e vellos feudos cunha tradición que resoa na historia e nas lendas.
A paisaxe daquelas terras é dunha beleza incontestable. Prados largacíos e correntes fluviais que fixeron do fillo de don Higinio, xuíz e notario da localidade, un neno singular.
A casa de nacenza de Cilistro —e dos seus sete irmáns— foi o Pazo da Torre, unha vivenda onde estivo apenas os anos puerís, pois sendo mozote trasladouse a un outro lar cabo do Campo da Feira, vivenda, esta si, na que pasou a mocidade intelectivamente consciente e, polo mesmo, onde se preconfigurou o pensador e ensaísta que logo foi.
De rapaz, ao Cilistro tiráballe a natación e o fútbol. O seu era arrebolarse ao río e vadialo mergullado de lado a lado, submersión na que era, seica, un auténtico campión. Por descontado, tamén o balompé que daquela comezaba a causar furor, pois mesmo fican testemuños gráficos dos tempos da Preguerra nos que figura na aliñación do Sport Club de Friol. (…)”
Ramil, Melide: homenaxe a Francisco Carballo, na Eira da Xoana
A Asociación Galega de Historiadores fará entrega do premio Manuel Murguía e en concerto, acompañarannos, os incomparables Mini e Mero. Na Eira da Xoana (Ramil, Melide). Máis información aquí.
A Coruña: concerto-recital Os poemas da Terra fría, con Miguel Mato e Brais Morán
Vigo: presentación de Muros de aire, de An Alfaya
O venres 25 de setembro, ás 20:00 horas, no Café Badía (Rúa Sanjurjo Badía, 240), en Vigo, terá lugar a presentación do libro Muros de aire, de An Alfaya, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Ramón Nicolás e Manuel Bragado.