Co acto, de entrada libre, que será presentado polo historiador Xoán Ramón Fernández Pacios e Antonio Reigosa, preténdese convidar aos asistentes a participar nun faladoiro aberto e distendido sobre a interacción dos mitos e das lendas na historia da Mariña.
O World Literary Atlas, en galego
Desde o Caderno da crítica de Ramón Nicolás:
“Hai poucos días seguín unha interesante entrevista radiofónica na que se falaba dunha web chamada World Literary Atlas: un proxecto que levaron a cabo, ao que parece con moito éxito na rede, a deseñadora gráfica Elisabeth Breil e mais o xornalista Pablo Santiago. O obxectivo confesado é o de coñecer e percorrer as diversas cidades e vilas do mundo a través do que as escritoras e os escritores fabularon ou reflectiron arredor delas. Particularmente paréceme unha fermosa e suxestiva maneira de establecer un elo entre a literatura e os espazos que coñecemos ou queremos coñecer, e tamén advirto como un acerto o feito de que o Atlas sexa aberto ás persoas que queiran colaborar nel, incluíndose -alén dos datos básicos do libro do que se tira a cita- unha interesante sección que é a da “contextualización” pois, sen dúbida, axuda a entender moitos aspectos do fragmento escolmado.
Na amentada entrevista, as persoas responsables manifestaban que axiña estaría operativa en lingua galega mercé a alguén que se brindaba a facelo de balde. Onte confirmei que en parte xa está na nosa lingua malia que desde esta posibilidade non se poida acceder -supoño que temporalmente- a contidos ningúns. Desde outras linguas si tiven ocasión de ver os resultados que teñen que ver con cidades e vilas galegas -véxase Vigo, A Coruña, Celanova ou Compostela por exemplo- e o resultado é, espero que por pouco tempo, moi pobre. Desde aquí convido a incorporar fragmentos das obras literarias da nosa tradición que se refiran ás cidades, vilas e aldeas que habitamos…, ben sabido é que as hai e a centos. Eu prometo facer algunha.”
A renovación poética
Desde Cultura Galega:
“Espectáculos poéticos, videopoemas, festivais de recitados, encontros abertos cos versos como protagonistas improvisacións ou combates de vates. A poesía adopta, xa desde hai varios anos, novas formas en Galicia e ábrese a públicos diferentes. Repasamos algúns dos principais foros e cuestións arredor deste ámbito.
A poesía chega aos bares e ao pubs. Toma as rúas, sae dos libros e baixa dos escenarios. Diferentes propostas reivindican a oralidade como parte fundamental para a lírica e introducen, cada vez máis, este xénero na axenda cultural. Xa non se trata dun creador canonizado que recita os seus versos. Falamos de encontros pouco formais nos que participan múltiples voces, onde se propoñen xogos arredor da linguaxe ou onde a música, o vídeo ou o teatro se mesturan coa lírica. Nesa liña, en Culturagalega.gal temos repasado propostas como Os Poetas da Hostia, os Picaversos ou os Slams Poéticos.
Canda a isto, manteñen a súa vixencia propostas máis convencionais, onde predomina o recitado desde o escenario, en ocasións acompañado por música, na forma de festivais e eventos centrados na poesía. Ponte Poética, Poetas Di(n)versos ou o Brumario Poético traballan nesta liña, mentres o Festival de Poesía do Condado e a Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol apostan por un menú máis variado arredor dos versos. (…)”
Compostela: conversa con Maria Fernanda Garbero
O xoves 30 de xullo, ás 18:00 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7, baixo) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conversa con Maria Fernanda Garbero, baixo o título Era uma vez um conto de violência: mulher e literatura no Brasil:
“Da doméstica à urbana, costurando uma série de sujeitos, espaços e tempos, a violência é também uma marca na literatura brasileira, e requisita uma atenção mais aguda quando destacamos as vozes que incidem sobre a composição narrativa.
Falaremos dessas vozes, a partir do olhar à violência escrito por ( e por que não em) algumas escritoras brasileiras. Tal tema será tomado por muitas autoras, o recorte provém das experiências de violência por elas narradas. E, como vamos falar de mulheres, seria violento não questionar o ainda exíguo espaço a elas dedicado tanto no mercado editorial quanto na crítica.
Trataremos da casa e da cidade, respectivamente representações do oikos e da polis, como cenários para a violência de que falam as autoras aqui escolhidas: Clarice Lispector e Conceição Evaristo (todos os textos serão projetados para que @s participantes possam acompanhar a leitura e debater).
A conversa é aberta para que haja interação com o público, logo, com a literatura galega também.”
Vilagarcía de Arousa: XLIX Mesa das verbas
A máquina de escribir da “Alba de groria” de Castelao
Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Se alguén me dixese que escollese un texto da literatura galega, de filiación oratoria ou discursiva, non dubidaría en sinalar que o discurso da “Alba de groria” (1948) que se pode ler premendo aquí nunha edición facsímile. Unha composición que deixou sempre en min unha fonda pegada de xeito que, un tanto inconscientemente, se espella estruturalmente nalgún capítulo da biografía de Celso Emilio Ferreiro que escribín hai algún tempo. Por estas razóns o traio aquí e manifesto a miña alegría por unha iniciativa que recuperou a simboloxía deste texto nun acto que se celebrou recentemente.
Ao fío deste día (25 de xullo), que moito me gustaría entender como o dunha precisa e nova “Alba de groria”, deixo aquí unha fotografía que conservo da máquina de escribir de Castelao depositada nun andel inferior dunha sala do Centro Galego de Bos Aires, a carón doutros obxectos que lembran ao escritor rianxeiro. Sempre me gustou pensar que dela saíron as follas do “Alba de groria”: algo máis ca un simple discurso ao que cómpre, sempre, volver.”
A Coruña: presentación de Ulises e as cronoamigas, de Érica Esmorís
Malpica: presentación de Doce Lúas, de Héctor Pose e Alberto Rodríguez Fariña
Entrevista a Luís G. Soto no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Luís G. Soto publica o ensaio Barthes filósofo (Galaxia) e a tradución de O Mar do Norte de Heinrich Heine (Espiral Maior). A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Miguel Anxo Fernán-Vello participa nun encontro internacional literario en Palestina
Desde Sermos Galiza:
“Organizado pola Asociación de Escritores Palestinianos, o Encontro Internacional de Escritores terá lugar durante seis días na cidade de Ramala, capital de Palestina. O escritor galego Miguel Anxo Fernán Vello será un dos participantes, convidado polo Goberno do Estado de Palestina.
O Goberno do Estado de Palestina ofrecerá ás persoas participantes unha recepción oficial na que intervirá Miguel Anxo Fernán Vello, en nome dos participantes do Estado español. Pau Vadell, Pilar González España, Samir Delgado, María Victoria Caro Bernal son, xunto con Fernán Vello, os escritores e escritoras do Estado español que asistirán ao encontro. O palestiniano Murad Sudani e o iraquí Abdul Hadi Sadoun son dous dos escritores árabes que participan na convocatoria.
O programa do Encontro inclúe unha visita a Gaza e, ademais de relatorios e debates sobre literatura, desenvolveranse espazos de lecturas poéticas bilingües. O escritor Miguel Anxo Fernán Vello ten obra súa traducida xa ao árabe.”