Lugo: 4º Encontro ao redor da zanfona. “Celme da zanfona”, do 12 ao 15 de setembro

Laura Suárez e Sandra Lodi gañan o XIX Premio Castelao de banda deseñada

Desde a Deputación da Coruña:
“Laura Suárez (Dumbría, 1994), co álbum A raíña cádaver, na categoría para público infantil e xuvenil, e Sandra Lodi (Lugo, 1994), coa obra Adelina, en categoría xeral, son as gañadoras do XIX Premio Castelao de banda deseñada, convocado pola Deputación da Coruña e ao que se presentaron 18 orixinais nesta edición.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado formado polas e os debuxantes e ilustradores Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, gañadores do certame en 2023, Quico Pèrez, Paula Cheshire e Xulia Vicente.
D’A raíña cadáver o xurado puxo en valor “o acabado completamente profesional cun estilo propio moi persoal, e o dominio das formas e da cor”. Tamén salientou “a gráfica moi adecuada para a historia que propón, de influencia medieval”.
Establecida en Cee, Laura Suárez estudou Belas Artes na Universidad Politécnica de Valencia e expuxo as súas ilustracións en Barcelona e México. Xunto á editorial londinense Flying Eye Books creou e ilustrou a súa primeira serie de cómic infantil, titulada Monster Support Group.
De Adelina o comité avaliador valorou “o acabado solvente da obra cunha gráfica moi expresiva e recursos desenfadados que aborda o tema da vellez con frescura, humor, critica social, moita acción e diversión”.
Sandra Lodi, establecida en Santiago de Compostela, é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de pintura, época na que tamén tivo a oportunidade de coñecer o método de produción creativa da Accademia di Bele Arti di Brera (Milán). Traballou como directora de arte e deseñadora gráfica durante anos, realizando traballos para todo tipo de marcas nacionais e internacionais. Actualmente publica as súas ilustracións na revista satírica Mongolia e en El Estafador, ademais de colaborar con distintas publicacións como ilustradora de prensa.
No ano 2019 recibiu o 20 Premio Curuxa de Humor gráfico, no 2021 foi seleccionada na XIII Bienal de Pintura Eixo Atlántico, no 2022 levou o 10 Premio no Combate Mural do Culturbán, en Lugo, e no 2023 acadou o 10 Premio de Pintura Rápida do Festival de Cans.
As gañadoras verán publicada en 2025 as obras que presentaron ao certame e recibirán cada unha premio en metálico de 6500 euros.”

Xosé Manuel Beiras recibirá a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E en 2025

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ratificou a decisión de que Xosé Manuel Beiras reciba a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E en 2025, na cidade de Santiago de Compostela, destacando, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra natal ou de acollida da persoa homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor e a colocación dun monólito conmemorativo.

Salvaterra: 36º Festival da Poesia no Condado

Ponteceso: presentación de Dun poema as ardentes estrofas